miércoles, 13 de abril de 2016

Presente e futuro das cabras montesas da Gallaecia.

Dun tempo a esta parte estamos a observar como, en certas zonas da Península, se están a realizar iniciativas de control das poboacións de cabras montesas debido á superpoboación que estas acadan ante a ausenza de depredadores naturais. Na Gallaecia, tivemos até fai un século a nosa propia subespecie endémica de cabra montesa, o mueyu ou cabra montesa lusitana (Capra pyrenaica lusitanica), extinta oficialmente a finais do século XIX. Esta subespecie habitaba as serras do Noroeste ibérico de Asturias, Cantabria, Palencia, Burgos, León, Zamora, Galicia, e Norte de Portugal.

No caso concreto de Galicia, a súa presenza histórica está constatada nas serras orientais da provincia de Lugo (Ancares e Caurel), na Maior Parte das serras de Ourense (Enciña da Lastra, Trevinca, Macizo Central, Xurés, Larouco, canón do Sil). A caza, e posiblemente episodios epidñemicos, rematou con tódalas súas poboacións, e con elas perdemos para sempre a nosa endémica cabra lusitana.

Chagados os anos 90 do século XX, foron traídos exemplares de cabra montesa pertencentes á subespecie endémica do sistema central, a denominada cabra hispánica (Capra pyrenaica victoriae). Estes exemplares foron ceibados en cercados do Parque Natural de Invernadoiro (Vilariño de Conso, Ourense), onde se aclimataron e reproduciron perfectamente. Cos exemplares obtidos a especie foi reintroducida na serra do Xurés, a onde se adaparon correctamente e acadaron, segundo os censos oficiais, 600 exemplares a comezos do século XXI, polo que a Xunta comezou a permitir a caza dalgún exemplar, que nese tempo xa alcanzaran a ona portuguesa, dentro do Parque Nacional Peneda-Gêres.

Tamén a finais dos noventa a especie foi introducida nun couto cinexético de caza maior intensiva na serra de Xares (A Veiga), con escaso resultado debido a forte presión cinexética. O mesmo ocorreu na lucense serra do Faro. Na serra dos Ancares atopamos tamén exemplares desta especie, desta volta provintes da provincia de León, onde foran reintroducidos xunto con outras especies para a súa explotación cinexética.

Hai que sinalar, asemade, que o exíto da reintroducción da especie aparece vencellado a un efectivo período de veda para o asentamento da especie, segredo da súa expansión polas serras da Baixa Limia, se ben é certo que durante ese período sufríronse reiterados episodios de caza furtiva tanto no parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, como no Parque Natural do Invernadoiro.

A día de hoxe, a especie non acada no noso territorio, sequera un 10% da distribución histórica orixinal. Para tal fin faise necesario un gran pacto entre gandeiros, cazadores, ecoloxistas e a administración, para a traslocación de exemplares dende os parques naturais nomeados ás zonas onde a especie vivía no período histórico. este feito faise especialmente necesario no Macizo Central Ourensán, no Parque Natural de Enciña da Lastra, e nas serras Orientais limítrofes con Asturias, León, Zamora e Portugal.







Nese senso, tendo en conta os datos obtidos na serra do Xurés dos propios gandeiros, a incidencia dos ataques de lobo ao gando baixaron sensíblemente dende a introducción da cabra montesía, xa que nas invernías a especie non ten que abandoar os seus territorios á procura de alimento.

O potencial turístico da especie, altamente apreciada na fotografía da natureza principalmente durante o período reproductor, cando os machos loitan polo control das mandas de femias, fai necesario asemade, un santurario onde a especie non sexa cazada, para favorecer a achega dos fotógrafos (como ocorre por ex. na serra da peña de Francia en Salamanca).

A negativa da administración a reintroducir a especie no Macizo Central ourensán, e noutros puntos, baeándose na escasa altitude do mesmo carece de toda base biolóxica e histórica. Entre outros, Madoz, en 1846 sinala a súa presenza en Chandexa de Queixa, e pola mesma época Seoane a nomea en Ancares e Caurel. 

Como vedes, moitas veces non hai máis cego que aquel que non quere ver, e a evidencia dinos que neste país fan falla cabras montesías.






No hay comentarios:

Publicar un comentario