Mostrando entradas con la etiqueta Ría de Vigo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ría de Vigo. Mostrar todas las entradas

jueves, 30 de junio de 2016

Pitas de río (Gallinula chloropus) nun entorno urbano.

A un paso de tí, quizáis moito máis perto do que pensas, podes atopar en ocasións un universo ornitolóxico e natural, digno de ser admirado, protexido e coñecido. As areas urbanas e suburbanas da Galiza, contan habitualmente con zonas húmidas, ben en forma de ríos como o Miño e o Barbaña en Ourense, o Lagares en Vigo, ou Lérez en Pontevedra, ben en forma de desembocaduras ou marismas deses ríos como a Xunqueira do Lagares (Vigo) ou a Xunqueira de Alba (Pontevedra), ou ben coma medios totalmente artificiais, coma os estanques de diverso tamaño que podemos atopar en parques e xardíns.




Un dos habitantes máis senlleriros destes espazos, en ocasións claramente maltratados, é a pita de río (Gallinula chloropus), un ave acuática que tendo unha fisionomía que recorda a unha galiña non ten nada a ver con elas, xa que se trata dun rálido. 

A súa identificación non reviste demasiada dificultade, a cor xeral negra, e o peteiro e escudete frontal vermello axudaravos sen dúbida a recoñecer a este, cada día máis escaso habitante das zonas húmidas galaicas. Se ben aínda non é unha especie escasa, segue a ser localmente común, a pita de río ten sufrido nos derradeiros anos un marcado declive das súas poboacións, este debacle poboacional ven causado pola degradación do seu hábitat natural, e a depredación por parte de especies exóticas invasoras como o visón americano.







Seguramente se vos dades unha volta por algunha das zonas húmidas da vosa cidade ou do voso entorno máis inmediato, poderedes desfrutar destas aves, inquietas e en constante movemento, que neste momento se atopan acompañadas por polos en diferentes estadíos de desenrolo, xa que poden por durante toda a tempada, e en ocasións hai postas moi tardías (en agosto) ou moi temperás (en febreiro).












Na imaxes que acompañan este post veredes diferentes exemplares afotados na cunca do río Lagares (Vigo) e en zonas axardinadas cercanas ao mesmo, como o parque de Castrelos. 

Debido á marcada diminución dos efectivos desta especie, gustaríanos recomendar varias cousas. En primeiro lugar que respetedes ao máximo aos habitantes dos nosas zonas húmidas, tratando de minimizar ao máximo o impazto das nosas actividades de lecer no medio ambiente. En segundo lugar gustaríanos recomendar que as tarefas de "limpeza" dos cauces do ríos e estanques de zonas urbanas se fiscalicen ao máximo, vendo si realmente son necesarias ou non (algunhas desbrozas son claramente evitables), e no caso de ser precisas que estas se realicen FORA do período reproductor das aves, para minimizar o impacto dos mesmos. Asemade deberíase ter en conta a presenza desta e doutras aves para evaluar o impacto que certas actividades poden ter sobra a fauna (como actividade cinexética, obras urbanas e de humanización do medio natural coma os moitas veces inservibles paseos fluviais). 













martes, 28 de junio de 2016

Cotorra arxentina ou cata (Myiopsitta monachus) ave invasora na Gallaecia.

Alleos ao burlir dos nenos dos parques urbanos das cidades da Galiza, voan por riba dos seus habitantes unha ave de caste única entre as que se observan nos ceos galaicos, exótica como a que máis, son moitas as persoas que ignoran que nas terras galegas existen cotorras que fan desta verde terra o seu fogar.




Verde como a terra que habitan son as catas (Myiopsitta monachus), estas cotorras de orixe sudamericana, que tamén reciben o nome de cotorra arxentina, xa que é neste país onde se atopa unha parte da súa área de distribución, que abrangue tamén Brasil, Uruguay, Paraguay e Bolivia.

Frecuente coma ave de gaiola, as soltas, deliberadas ou fortuítas, provintes do mercado de macotas, fan que a súa presenza sexa frecuente en áreas urbanas e suburbanas de Norteamérica, Europa e zonas de Sudamérica onde a especie non estaba presente con anterioridade.



Na Galiza a súa preseza está constatada dende os anos 80 do pasado século, e aínda que despois de diversas citas e procesos de colonización e posterior extincións, parece que na actualidade a súa presenzza está máis ou menos concentrada no entorno das Rías Baixas, especialmente na Ría de Vigo.

É precisamente na cidade de Vigo a que quizáis sexa a cidade galega onde a súa observación sexa máis frecuente, xa que a especie aparece asentada en diversos xardíns da cidade e puntos de masificación turística do seu entorno, como é o caso do entorno da coñecida praia de Samil. 

A cata é unha ave social que cría colonialmente. Os seus niños, tamén comunitarios, poden estar ocupados por vaias parellas e chegar a formar unha gran estructura con varias entradas a modo de colmea, que defenden frente a presenza de outras catas alleas á colonia. As colonias poden estar formadas por varios niños, que de feito é o máis habitual. Para a construcción do niño, no que usan polas vexetais, usan arbores de diverso tipo dependendo da cobertura vexetal que teñan á súa disposición. así poden facelos en coníferas, eucaliptos ou planifolias.







A incidencia desta especie invasora, á marxe da súa competencia con outras aves autóctonas, ben marcada pola súa alimentación, extraordinariamente versátil, o que fai que se lle acuse de danar a producción de certas froiteiras, de consumir ovos doutras especies de aves, e depredar sobre polos recén eclosionados ou voantóns.


Nas  imaxes que acompañan este post, optidas todas elas recentemente no entorno máis inmediato á praia viguesa de Samil, vedes unha boa mostra das características desta especie exótica invasora. A continuación unha pequena mostra, meramente documental de como un bando de catas se alimenta de garmíneas nunha zona herbácea sen urbanizar próxima á colonia de aniñamento.





miércoles, 22 de junio de 2016

Cascuda vermella (Periplaneta americana) especie invasora mentireira.

Son numerosas as especies que chegaron nos derradeiros tempos á nosa terra axudadas, dun xeito ou doutro pola man do home. Nalgunhas ocasións a chegada destas especies non agocha unha intencionalidade directa por parte do home, se non que a traslocación ocorre polo marcado comensalismo antrópico destas especies, o que redunda no seu transporte pasivo. Neste grupo de especies atópanse un bon número de insectos e roedores, que acadaron a Galicia de xeito "involuntario". As cascudas, especies comensais do home moi coñecida e aborrecidas, entran dentro deste grupo. 

Hoxe presentámosvos á cascuda vermella (Periplaneta americana). A pesares do seu nome a cascuda vermella americana é de orixe africana, e trátase dunha das de maior tamaño do noso país. Esta cascuda debe o seu incorrecto nome ao feito de ser descrita no continente americano, a pesares de que despois se soupo da súa orixe na África tropical, sendo polo tanto unha especie invasora tamén alí, crese que durante o século XVII, relacionada co tráfico mariño asociado ao tráfico de escravos entre o continente africano e o americano. Querenciosa de lugares quentes trátase dunha das especies de cascudas de maior difusión mundial na actualidade, sendo protagonista de numerosos episodios de pragas en diversas cidades do mundo.

As cascudas son un antergo grupo de insectos que conta xa cuns 300 millóns de anos de antigüidade, cuia morfoloxía, a tenor dos fósiles atopados, pouco ten cambiado. En España, esta especie está a desprazar ás especies de cascudas autóctonas da Península, sobre todo nas áreas máis termófilas. Esta especie é, asemade, unha das máis lonxevas, podendo acadar no caso das femias a idade de 22 meses.

Nas imaxes, unha cascuda americana, que aínda non chegou ao estado adulto.atopada o pasado día 21 de xuño de 2016 no barrio vigués de Bouzas (Pontevedra), lugar asociado ao porto marítimo da cidade no que se produce un alto tráfico de mercadorías a diario.






miércoles, 4 de mayo de 2016

Nidificación dunha parella de gaivotas patiamarelas (Larus michaellis) nunha palmeira despois do ataque do picudo

"Palmero sube a la palma
y dile a la palmerita,
que se asome a la ventana,
que su amor la solicita" Cantiga popular criolla

"Non hai mal que por ben non veña" dicía frecuentemente a miña avoa, e mira tí que en ocasións pode ser certo, polo menos en parte. Seguramente xa sabedes que dun tempo a esta parte as palmeiras que se usan con fines ornamentais están sendo atacadas por un coleóptero chamado "picudo vermello" (Rhynchophorus ferrugineus), de orixe asiática, que as fai secar e está a supor un saco sen fondo presupostario para as arcas municipais en tratamentos fitosanitarios preventivos e paliativos, sen contar a retirada daquelas palmeiras que rematan por perecer.

Cando este escarabello remata por secar a palmeira, se esta non é retirada, queda unha especie de poste de gran altura. Fai precisamente un par de días foi localizada unha parella de gaivota patiamarela (Larus michaellis) con actitude reproductiva nunha palmeira seca, depois do ataque do picudo, nun parque urbán da cidade de Vigo (Pontevedra).

Onte, día 3 de maio de 2016, fun tratar de fotografar este feito que ao final puiden fotografar e velahí tendes a testemuña gráfica da parella en cuestión facendo da malograda palmeira canaria (Phoenix canariensis) o seu novo fogar.








martes, 3 de mayo de 2016

Ratos do monte (Apodemus sylvaticus), pequenos habitantes da Gallaecia.

Moitas veces os naturalistas deixamos de lado ao falar de mamíferos aqueles de menor tamaño, denominados xenéricamente "micromamíferos", nembargantes este heteroxéneo grupo de mamíferos é unha parte máis que fundamental para o correcto funcionamento do ecosistema. Podemos dicir que se consideran micromamíferos aqueles máis pequenos que unha lebre ou un coello, ainda que taxonómicamente esta división non ten valided algunha xa que se consideran pertencentes a este grupo tanto mamíferos insectívoros coma roedores. Para o estudio das poboacións destes mamíferos é frecuente utiliza-las egragópilas das aves rapaces que se alimentan del, sendo este un traballo árduo e difícil non apto para persoas que teñan pouca paciencia.

Hoxe, imos a achegarnos ao grupo dos roedores a través dun dos máis frecuentes roedores da Galiza o rato do monte (Apodemus sylvaticus), tamén coñecido coma rato do campo, e ratón de campo ou campestre en castelán. Neste caso acuño un nome vernáculo propio da Limia (Ourense), que é utilizado frecuentemente polos veciños para referirse aos ratos que moran en zonas menos humanizadas que o rato doméstico (Mus domesticus).



O rato do monte é un roedor de tamaño medio (un múrido concretamente) habitante de zonas con boa cobertura vexetal, tanto arbustiva coma arbórea ou herbácea, e, aínda que pode ser unha especie comensal do ser humano, tende a afastarse das zonas urbanas, quedando os episodios de comensalismo doméstico ás zonas máis rurais. Tende a ser maior que o rato doméstico, e soe ter unha librea bicolor parta escura no lombo e máis crara nas patas e partes ventrais.

Esta especie, xunto con outras de micromamíferos, supón un compoñente fundamental e básico para a dieta de un gran número de especies dende aves rapaces diurnas e nocturnas pasando por a maior parte dos denominados carnívoros medianos coma mustélidos , raposos ou algarias. Ao ser unha das especies de roedores máis abondosas  e espalladas é unha das especies máis frecuentes nas egragópilas das aves rapaces.

Na Galiza aparece dende o nivel do mar até o cumio das serras, evitando somentes a zonas máis urbanizadas, aínda que pode aparecer incluso en parques e solares abandonados das cidades sempre e cando exista terreo libre para a construcción das galerías que lle dan acubillo.

Nas imaxes aparecen uns ratos do monte fotografiados recentemente en saídas nocturnas no entorno da ría de Vigo, onde a especie é relativamente frecuente.