sábado, 2 de abril de 2016

OS ALIENS INVADEN GALICIA






"Cazador e troiteiro,
nin boa meda nin bo palleiro." Refrán popular galego.

Onte, "día dos Inocentes made in Galicia", viralizouse nos meios de comunicación e redes sociais no Noroeste, a nova do achádego de koalas en certo punto da provincia da Coruña. Tendo en conta a superficie invadida polos eucaliptos na nosa comunidade, a nova multiplicou a súa viralidade na rede debido, en principio, á súa credibilidade. Nembargante, algo que se lle escapa á maior parte da comunidade galega é que si ben os koalas se alimentan de follas de eucaliptos, non o fan das que pertencen á especie de eucalipto máis espallada pola Gallaecia, o Eucaliptus glóbulus, xa que lles resultan tóxicas a este simpático e popular marsupial orixinario da Australia.

En ámbitos naturalistas anglosaxóns úsase o termo "Alien" (en teoría sinónimo de extraterrestre), para referirse aos animais detectados fora do seu habitual contexto bioxeográfico. Nas Illas Británicas, onde teñen ampla experiencia na introducción de especies alóctonas, úsase frecuentemente este termo para referirse ás especies invasoras e aos exemplares de especies exóticas aillados detectados no meio natural. Un coñecido exemplo son os "Alien Big Cats" (ABC), que protagonizaron ríos de tinta nos rotativos británicos. Estes casos, asociados ao avistamento de grandes felinos na campiña inglesa, estiveron protagonizados, habitualmente,  por exemplares de expecies exóticas de felinos alleos á fauna británica, coma leóns, pumas, leopardos e gatos asiáticos, que chegaron a depredar sobre a cabana gandeira, pouco habituada xa a depredación despois de séculos de ausencia dos grandes depredadores britátinos autóctonos, lobos, osos e linces (queixas), extintos a causa da persecucións exercida por parte do home.

Asemade, tamén Galicia conta cos seus aliens, algúns deles establecidos xa, e outros protagonistas de episodios máis ou menos aillados, que copan titulares xornalísticos sensacionalistas coñecidos como "serpes de verán", e que desaparecen da mesma maneira que aparecen, de súpeto.

Hoxe imos profundizar nos aliens da fauna vertebrada galaica alóctona, recordando, un pouco, ao fío das novas como as que vimos, aquelas que, xa por desgracia, forman parte da fauna galega. Compre recordar, asemade, que as invasións biolóxicas causadas pola man do home, tanto vexetais como animais, son un dos principais problemas ecolóxicos aos que se enfrenta a natureza a nivel mundial, cunha incidencia especialmente negativa nos ecosistemas insulares.

Comezaremos esta andaina polos aliens da terra galega nos peixes continentais, quizáis un dos grupos máis afectados por este fenómeno. Entre as especies de especies alóctonas que poboan actualmente as terras galegas atopamos varios focos. Os peixes de introducción antiga para o consumo humano como a tenca (Tinca tinca) ou a carpa (Cyprinus carpio) eran críados e engordados para tal fin en tanques a carón das casas para ter peixe fresco todo o ano en zonas interiores. Con posterioridade a arte da piscicultura foi perfeccionada e extendida polos monxes dos mosteiros cristiáns. Asemade estas especies extenderon a súa área de distribucion de forma exponencial coa chegada da pesca deportiva, que introduciu esta e outras especies de forma masiva nas augas ancoradas e pobres en oxíxeno de toda Galicia.

Por outra banda temos ás especies introducidas nos nosos ríos pola denominada "pesca deportiva", nesta listaxe se atopan a maior parte das especies de peixes alóctonas presentes na actualidade en Galicia, existindo asemade dúas clases; aquelas que son botadas ao río para ser pescadas directamente e aquelas, de menor tamaño, utilizadas coma cebo vivo para servan de alimento ás especies de peixes rapaces.

No primeiro grupo atopamos a multiples especies de diferentes orixes, como a troita arco da vella (Oncorhynchus mynkiss), o salvelino (Salvelinus fontinalis), a perca americana (Micropterus salmoides), o lucio (Esox lucius), a perca-sol (Lepomis gibbosus), o carpín (Carassius carassius), etc.

No segundo grupo atopamos á gambusia (Gambusia holbrooki), (orixinalmente introducida coma método de loita contra o paludismo, pero na actualidade ámplamente utilizada coma cebo vivo), o gobio (Gobio lozanoi) (endémico da Península pero alleo á maior parte das cuncas galegas, espallado amplamente pola súa utilización coma alimento para as troitas de piscifactoría), ou o piscardo (Phoxinus bigerri).

Por outra banda temos un foco de chegada de especies invasoras no uso de certas especies de peixes coma ornamento ou mascota. A acuariofilia e o uso de especies ornamentais en estanques de espazos públicos e privados son a causa da chegada aos nosos ríos e, principalmente, encoros, de esepcies tan senlleiras e coñecidas coma o carpín dourado (Carassius auratus) ou o puppy (Poecilia reticulata).





Chegamos agora nesta viaxe á estación herpetolóxica, xa que os anfibios e réptiles non son alleos á problematica das invasións biolóxicas.

No tocante aos anfibios a fonte de invasión ten dous camiños, a fuga accidental de especies de ra verde de morfotipos centroeuropeos de granxas de engorde de rás con destino ao consumo humano. Moitas destas granxas (na que tamén se criaba a inmensa ra toro americana (Lithobates catesbeianus)), remataron por pechar e liberaron os escedentes ao medio ambiente. Estes exemplares hibridan coas rás verdes ibéricas (Pelophylax perezi), filoxenéticamente moi próxima ás especies de rá  verdes centroeuropeas (P. ridibunda ou lessoane).

O mercado ornamental pampouco ten sido alleo a este feito, e ras verdes centroeuropeas son vendidas para poboar estanques urbanos, incluso en aqueles de propiedade ou xestión pública. Así, en non poucas ocasións, vemos rás verdes de dubidosa orixe o día mesmo da inauguración do parque en cuestión.





No tocante aos réptiles, o principal, e case único, foco de invasión o atopamos no mercado de mascotas. A día de hoxe son múltiples as especies de quelonios autóctonos que teñen sido citados en liberdade nos medios acuáticos galegos. Estas citas teñen a súa orixe la liberación sistemática de especies de sapoconchos exóticas mantidas en catividade como mascotas, e que compiten coas especies de galápagos autóctonas. Entre as moitas especies que teñen sido vistas a que acumula maior número de rexistros (incluso episodios de reproducción) é o sapoconcho de florira (Trachemys scripta), aínda que non con tanta frecuencia, tamén teñen sido detectados sapoconchos mapa (Pseudemys pseudogeografica) ou sapoconcho pintado (Pseudemys picta).












Chegamos agora ao complexo mundo das aves, o grupo de vertebrados continentais con maior número de especies detectadas en Galicia. Nesta ocasión tamén temos varios focos, por un lado a liberacións de especies alóctonas por parte dos cazadores para a súa posterior caza, coma pode ser o caso do faisán (Phasianus colchicus), o colín de Virxinia (Colinus virginianus) ou perdices gregas (Alectoris graeca) etc.

Por outra banda atopamos ás especies liberadas dende o mercado das aves de gaiola, principalmente paseriformes e psittaciformes (loros, cotorras, etc), nesta listaxe atopamos ás cotorras arxentinas (Myositta monachus), ao pico de coral (Strilda troglodytes), etc.

Por último atopamos ás especies de aves usadas coma ornamento en parques e xardíns públicos ou privados. Neste senso, en Galicia atopamos xa poboacións reproductoras de Pato criollo (Cairina moschata), ganso do exipto (Alopochen aegyptiaca), pato mandarín (Aix galericulata) e poboacións de cisnes mudos (Cygnus olor) de dubidosa orixe.







A listaxe de aves exóticas detectadas en Galicia é moi ampla, e pomos aquí unha pequena mostra, que completaremos nun post específico sobre cada grupo de vertebrados e invertebrados invasores. Somentes puntualizar que á nosa terra chegan tamén exemplares invernantes de especies introducidas noutros puntos do continente coma o ganso indio (Anser indicus), a barnacla canadense (Branta canadensis), etc.

Chegamos entón ao mundo dos mamíferos, neste punto a especie invasora máis recoñecida e problemática é o visón americano (Neovison vison), do que xa falamos en detalle nun post anterior. 

Algo que poucos saben é que as ratas (Rattus sp.) son tamén especies invasoras de orixe asiática que chegaron a Europa traslocadas e transportadas involuntariamente polo comercio de mercadorías. A rata negra (Rattus rattus) chegou na Idade Media, e a rata gris (Rattus norvegicus) entre os séculos XVIII e XIX.

Entre os mamíferos alóctonos atopamos tamén un  bo puñado de especies liberadas nos montes para o seu aproveitamento cinexético, coma muflóns (Ovis musimon), gamos (Dama dama) aínda que a orixe alóctona desta especie está en tela de xuízo e ten sido posta en dúbida, coello de virxinia (Sylvilagus floridanus), e variedades certroeuropeas de cervo común (Cervus elaphus).

O mercado de mascotas tampouco é alleo a este feito e así atopamos rexistros de mapaches (Procyon sp), poboacións cimarronas de gatos domésticos (Felis catus) e cans (Canis familiaris) abandonados, e mesmo poboacións de cabras domésticas (Capra hircus) en certas illas da costa galega.



Como vedes a listaxe dos aliens galegos é moi ampla. A preseza destas especies causa un grave perigo para o equilibrio ecolóxico dos nosos ecosistemas, xa de por sí maltreitos e malferidos pola propia man do home.

No hay comentarios:

Publicar un comentario