Mostrando entradas con la etiqueta Canis lupus signatus. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Canis lupus signatus. Mostrar todas las entradas

jueves, 23 de junio de 2016

O lobo na noite de San Xoan.

En certos puntos do interior galaico o nome dos depredadores non debe ser pronunciado, polo risco que isto supón, xa que se cree que ao facelo, convocamos ao ser para que apareza. Esa é a razón pola que en certos puntos de Ourense ao lobo se lle chama Xan.

A orixe deste tabú secular pérdese na noite dos tempos, e hai quen opina que nace xa no paleolítico, antes incluso de que a sedentarización do ser humano se producise. Nese momento e nso se´culos posteriores o lobo sería adorado coma un totem, e a súa figura nom é frecuentemente representada, crese que froito dese tabú, que atinxe non soio ao lobo, senón tamén ao resto dos grandes depredadores.

Depois da caída do imperio romano, durante o cal a loba capitolina foi frecuentemente representada, xa que amamantara a Rómulo e Remo, fundadores da cidade de Roma, chega o cristianismo, e con este o oscurecimento da figura do lobo. Nese intre o lobo pasa a ser a oposición á propia figura de cristo, representada por un año ou cordeiro o "AGNUS DEI" o "año de deus que quita o pecado do mundo" e as lendas, retazos sen duda das antergas crenzas e sentimentos relixiosos dos galaicos, van oscurecendo tamén o seu discurso arredor do lobo.

Coa chegada da máxica noite de San Xoan ou San Xan, non deixo de lembrarme do lobo, que, por sorte aínda oulea nos nosos montes, e que nesta noite meiga de lume sacro, percorre con sixilo lonxe das miradas que aínda hoxe o perseguen, xa non para adoralo, senón para acabar con él.

Non temades a pronuncia-lo nome do antergo Deus, xa que se o lobo chega a aparecer, teredes a sorte de poder contar ter visto a un dos seres máis espectaculares e belos de cantos percorren a nosa vella Gallaecia.





martes, 1 de diciembre de 2015

O lobo ibérico candidato ás eleccións xerais españolas de 2015: 5ª parte.

Durante séculos tempos escoitado os contos nos que o lobo protagoniza un papel sanguinario e demoníaco, e no que o home, ou animais humanizados, son as súas vítimas. Sen embargo a historia amosa, en ocasións, un papel que supera con creces a ficción ilustrada nos contos. Así, ao longo dos derradeiros cen anos, aparecen, espallados por todo o mundo, unha serie de casos, que non por agochados, deixan de ser reais. Decenas de rapaces, abandonados polos homes en plena natureza, son adoptados por mandas de lobos, que conseguen facelos sobrevivir, nun entorno en principio hostil.

O caso español máis coñecido é o de Marcos Rodríguez Pantoja, cuia historia inspiraria a película "Entre Lobos". Por sorte nos últimos anos observamos a posta en valor destes casos. Que en tempos, lonxe de encumbrar ao lobo a un papel salvador, afunden aos seus protagonistas a un papel demonizador. Son homes salvaxes, e perigosos, pagáns que hai que convertir urxentemente ao cristianaismo para salvar a súa alma.

Marcos é o caso máis coñecido no noso país, pero non o único, aínda que, non sin tempo, rematou ben (máis ou menos), Dista moito da sorte que correron outras persoas atopadas no noso país baixo as mesmas circunstancias. Observemos algúns casos.

Ao longo dos séculos varias persoas abandoadas ou perdidas á súa sorte nos montes da Península Ibérica. A observación ou captura destes indivíduos deron lugar a multitude de lendas, que con maior ou menor proporción de licencias poéticas, foron transmitidas oralmente de xeración en xeración. Dando lugar a contos ou personaxes lendarios, pasarían a engrosar o Olimpo Popular dunhas xentes que pouco ou nada sabían de letras. Co paso dos anos, estas lendas pasarían a engrosar o olimpo postmoderno da criptozooloxía, baixo os epígrafes como lobishomes, dogmans e criaturas similares.

Pero ¿Qué ocorría realmente con estas xentes "salvaxes" capturadas durante os séculos escuros da idade media e moderna?. O máis habitual é que foran detidos e postos a disposición da autoridade da época, que non era outra que a da propia Igrexa, daquela todopoderosa, que soía condenar a morte a estes seres por connivencia cos lobos; considerados nese tempo demos por dereito propio.

En Asturies, coñecemos incluso un vernáculo para as xentes criadas por lobos e que comandaban mandas destes, sendo coñecidos baixo o nome de "lloberus". Un dos máis coñecidos foi o "lloberu" de Burbudín (Llanes) que merodeaba polos altos del "Puertu Riensena"

Coñecido é tamén o caso de Ana maría García, natural de llanes, e que foi acusada no ano 1641 en Toledo polo tribunal da Santa Inquisición, acusada de "llobera" ou "capitana dos lobos".Aínda que non existe constacia da convivencia desta cos lobos direitamente, e a súa confesión foi, coma todas optida medinte torturas. E que foi condenada a morte.

En Catalunya é coñecido o proceso da Santa Inquisición contra Pere Torrent, "O bruxo da Garrotxa". Acusado de bruxo e "lobero" e aforcado. A figura do lobero en Catalunya é tida por un persoeiro escuro que cobra por manter alonxadas ás mandas de lobos do gando, son coñecidas por nomes como " llobaters, llopaters, amansidors, encortadors, menadors, amenadors, ensalmadors ou salmaires de llops."


Como podedes observar, a relación de homes ou mulleres cos lobos, xamáis foi ben vista, e mesmo foi encarnizadamente perseguida.
 

Con isto, pomos sobre a mesa unha verdade incontestable, o lobo sanguinario, culpable de tódolos males, é quen de críar rapaces, adoptándoo. Rapaces, recordemos, abandonados polo home, antes e despois da súa convivencia cos lobos. A día de hoxe, o que queda da poboación lobeira da que formaba parte a manda que criou a Marcos, son catro lobos. Catro lobos que ao meu entender, deberían ser considerados monumento natural polo protagonismo exercido nesta apasionante historia que, por sorte, hoxe coñece moita xente.

¿Debemos entón, pobo alienado e asoballado, seguir considerando ao lobo como a un inimigo?, ou ¿debemos consideralo un compañeiro de viaxe tan asoballado coma nós mesmos?


domingo, 29 de noviembre de 2015

O lobo ibérico candidato ás eleccións xerais españolas de 2015: 4ª parte.

Unha noite calquera, un vello conta un conto a carón da lareira a un cativo, que treme de medo ao ouvir as andanzas de todo tipo de seres demoníacos que posúen ao lobo co fin de leva-la súa alma de cabeza ao inferno. Estes contos pescudan atemorizar ao rapaz para que o seu comportamento sexa ético e prudente. E que vaia cedo para o leito xa que estamos. Moitos séculos e anos depois pouco ou nada parece ter cambiado, os podedoros seguen a contarche contos, non para ensinarte nada, senón para atemorizarte e manter a túa cabeza ben baixa. para que os teus ollos non atinxan a ver nada máis que as sombras que te atemorizan, pero xamáis albisques a aqueles que en realidade as producen.

Históricamente, o lobo foi obxeto de todo tipo de escarnios públicos, foi acusado sistemáticamente coma útil chivo expiatorio das culpas dunha caste poderosa incapaz de garantir o benestar dos seus subditos. En cada cambio cultural. En cada cambio político, un lobo aparece para demostrar que é o verdadeiro causante dos problemas dun pobo que, históricamente, sofre a incompetencia e maldade daqueles que enarbolan baideiras nas que tan só eles creen.

A chegada do cristianismo a Europa occidental vai a supor un antes e un despois no que á imaxe pública do lobo corresponde. Até aquel entón, tanto a relixión do imperio, coa loba capitolina á fronte, como diferentes relixións paganas extendidas polo continente, consideran ao lobo como un animal totémico enviado dos deuses. O cristianismo tiña que romper con toda crenza anterior, usará a imaxe do lobo coma un demo, en oposición á o símbolo cristián "agnus dei", o año de Deus, que pasará así a ser vítima do lobo. Esta imaxe cala profundamente na sociedade dende entón. Amosando ao lobo como o mesmo diaño, comeza a campaña de desprestixio que dende entón sufre a especie. O lobo xa non é un competidor, senón unha entidade demoníaca que hay que eliminar sistemáticamente. Esta nova realidade vese claramente reflectida na cultura popular, amosando ao lobo en contos e refráns, sempre dun xeito negativo.

Pasando os séculos escuros que supoñen a idade meia e moderna, con rexímenes políticos baseados nas monarquias absolutistas e imperialistas, chegamos ao que coñeceremos como a ilustración. Quizáis o maior cambio político occidental dende a caida do imperio romano e a chegada do cristianismo. Este cambio político acontecido entre os séculos XVIII e XIX, vai a supor a caída de moitas das monarquías da época, ou cando menos un cambio significativo nas actitudes daquelas que conqueriron sobrevivir. Pero, como cada vez ocorre un profundo cambio político, as castes poderosas non van a estar dispostas a deixarse vencer tan fácilmente, e utilizarán para manter intacto o seu poder, toda a mecánica do estado da que dispoñen.

Durante estes séculos, sucédense por toda Europa Occidental, unha serie de sucesos que terán ao lobo , en diferentes formas, como principal protagonista. Así aparecen extratéxicamente unha serie de bestas de aspecto lobuno, espalladas polos diferentes reinos da época, que se adican a matar sistemáticamente ao pobo e ao seu principal sustento da época, o gando. Puntualmente, case milagrosamente, o nobre, monarca ou exército de turno, aparece para dar caza á besta e demostrar así o interese por un pobo que até aquel mesmo intre pouco ou nada importara. Nin que dicir ten os discursos apocalípticos que dende os púlpitos das diferentes igrexas se emiten, para atemorizar a un pobo farto de cadeas e asoballado. Nacen así as primeiras constitucións e democracias, débiles e fráxiles. As bestas depredadoras quedarán coma un capítulo curioso que engrosará as páxinas da criptozooloxía, que non se preocupará de contextualizar os feitos descritos, co período histórico nos que se suceden.

Pero a sorte do lobo distaba aínda moito de cambiar, xa que os cambios de rexímenes non sempre supoñen unha mellora dos dereitos dos pobos. Depois do nacimento das primeiras democracias e monarquías ilustradas, e xa en pleno século XX, sucédense dous dos acontecimentos máis catastróficos da historia da humanidade, as 1ª e a 2ª guerras mundiais. Caldos de cultivo dos diferentes rexímenes militares e autoritarios, fascistas ou comunistas e, habitualmente de corte militar, que se erixen en salvamento dun pobo, pouco acostumado aínda á unha liberdade real. Nos rexímenes fascistas a igrexa xogará un papel máis que protagonista, coma nova caste poderosa que redimirá ao pobo antes liberto dos seus pecados. O soño dunha liberdade lobuna ficará conxelado durante unhas décadas máis. Na península, o réxime fascista demostrará o seu interese e preocupación polo pobo a través da eliminación sistemática de depredadores, unha das moitas canles de limpeza de imaxe da época, deta volta denominada "Junta de extinción de especies dañinas", que financiará a morte de todo depredador sisvestre no estado. Este pensamento e forma de actuar non trocará até a chegada á pequena pantalla de Felix Rodríguez de la Fuente, que fomentará o cambio na lexislación conservacionista da época.

Sen embargo, non hai mal que cen anos dure, e coa chegada das décadas dos sesenta e setenta do século XX, os rexímenes totalitarios van facendo augas, caendo polo seu propio peso, a presión popular, ou a morte do "dignatario". Durante esas convulsas décadas, unha vez máis as castes poderosas usarán ao lobo coma chivo expiatorio, nun derradeiro intento de manter o seu poder. Sucédense en España e outros países, ataques de lobos a persopas, e acumúlanse os titulares de heroicas intervencións de gardas civís ou policías, para salvar a un pobo, unha vez máis, sedento de liberdade. As democracias intálanse en aqueles países atados baixo os xugos dos ditadores.

Atópámonos xa en pleno século XXI, sin dúbida algunha, unha nova época de cambios nos que aqueles que exerceron o poder durante as décadas postfascistas, ven peligrar o seu estatus. Unha vez máis, atopamos, aos mesmos no mesmo encasillado papel de actor fracasado. Enabolando a bandeira antilobuna, para contentar a un pobo farto de corruptelas. Coitados aqueles que morden o anzol envelenado do lobo. Emponzoñada a verdade, que non é outra que a demolición controlada dun agro, dun rural, que xamáis importou a ninguén. Se en verdade lles importa, por que firman o TTIP, que encherá de carne barata os nosos mercados??, sería o lobo o que firmou o tratado entón, ou foi o lobby??

Queridos gandeiros, desconfiade dos depredadores económicos con garabata, non daqueles libres como o vento e de catro patas, que supoñen a excusa para a incompetencia endémica dos nosos políticos. Agora que China planea clonar sistemática de gando para encher os nosos supermercados, loitade contra aqueles que o permiten. Non contra aqueles que defendemos o equilibrio ecolóxico, político e económico da terra.


viernes, 27 de noviembre de 2015

O lobo ibérico, candidato ás eleccións xerais españolas de 2015: 3ª parte

Imos continuar hoxe afondando na problemática do lobo ibérico, achegándonos desta volta a un grupo que poucos asocian como perxudicial para o noso emblemático carnívoro endémico, o colectivo ecoloxista. Depois de moitos anos interactuando con diferentes movimentos funme decatando que dentro do colectivo ecoloxista existen rémoras administrativas que tan só pescudan o seu proprio interese, habitualmente económico pero tamén alimentar o ego dalgúns. 

Veredes, para ben e para mal, o lobo é un animal mediático que non pasa desapercivido, razón pola que moitas veces é usado por uns e outros como chivo expiatorio, por que mal a mal, o lobo é unha máquina natural de producir titulares e cartos a esgalla, e para que mentres tanto non se fale dos problemas reais que nos afectan, digamos, por exemplo, que o lobo ibérico é un socorrido Xibraltar ao que acudimos cando as cousas non van ben, Que sube o paro...Gibraltar español e ao carallo, vouvos por un exemplo.

Fai uns anos o sector cinexético de certa serra deu a voz de alarma ante a baixada da densidade do corzo na súa área de acción. Sen estudos previos, sen siquera un análise superficial, o culpable foi rápidamente localizado, o lobo era o mal que o provocaba. Sectores ecoloxistas subíronse ao carro tamén, a causa, unha partida presupostaria cuantiosa para o estudo do lobo. Había que controlalo dicían todos. Finalmente alguén chegou á orixe real do problema, non estudando ao lobo, senón ao corzo. O corzo estaba sufrindo unha epidemia de tuberculose con orixe no gando doméstico. Sobra dicer que a incidencia da epidemia na fauna salvaxe teria sido moito menor se o lobo non fose encarnizadamente perseguido. Xa que os grandes depredadores fan unha máis que eficaz eliminación de animais enfermos, foco de contaxio para outros sans.

Sigamos con outros exemplos, recentemente, e en base a diferentes proxectos de desenvolvimento rural, certos colectivo dan a man cos gandeiros máis antilobeiros co gallo de pescudar os millons de euros que choven dende Bruxelas. Atacando sistemáticamente a colectivos que históricamente e sen condicións veñen defendendo ao lobo. Producíndose na actualidade un binomio máis que curioso, o lobo é "controlado" e sistemáticamente eliminado no Norte da súa área de ditribución (incluso no interior de espacios protexidos como Parques Nacionais), e estase a proxectar un proxecto de reintrodución en Andalucia. Lobos estes últimos dos que falaremos específicamente nun post.

Dar a man con certo grupo de agricultores e gandeiros, garantiza un posto na mesa para o reparto da suculenta tarta de euros que ven do Norte, cartos que pasan moitas veces por comulgar con rodas de muiño que outros non están dispostos a tragar.

Nos derradeiros anos estamos sendo testemuñas de discursos ecoloxistas economistas, que esgrimen frases como "a conservación do oso pardo vese perxudicada pola presenza do lobo ibérico", "hai tantos lobos que até comen os cans" etc. Cando outro tipo de inciativas demostran que un lobo vivo produce máis riqueza que catro mortos. Por exemplo en ecoturismo, no control poboacional de mamíferos coma o corzo ou o xabarín, ou mesmo polo control que...como todo superdepredador, fai sobre os carnívoros medianos que outros tantop odian.

Como sempre non imos por nomes, pero que cada una aguante o seu pecado, xa que se está a pedir a morte dun mamífero endémico, que acaba de sair dunha situación complicada, e que cando empeza a recuperarse, comezan a cazalo, coma sempre...para revertir a situación que tantos anos costou acadar. Non existe en Europa occidental un caso similar, producíndose una curiosa situación, mamíferos carnívoros con poboacións moi superior están estrictamente protexidos, e o lobo cunha poboación que con sorte chea aos 2500 indivíduos, segue a estar perseguido.

Na próxima entrada faremos unha achega á situación política do lobo, e a súa utilización coma fonte inexgotable de votos, cheos de sangue, e como tamén dende as administracións públicas se usa o lobo para agochar as miserias na xestión do territorio e a súa riqueza natural.


jueves, 26 de noviembre de 2015

O lobo ibérico candidato ás eleccións xerais españolas de 2015: 2ª parte.

Onte introducímonos superficialmente na problemática do lobo falando da problemática da especie fronte aos gandeiros que, sobresaturados de cabezas de gando, e con poucos ou nulos meios preventivos, sufren a incidencia de episodios depredatorios por parte do lobo ibérico nos seus rabaños. Estes episodios son solucionados frecuentemente cun método pouco selectivo, a sementenira indiscriminada de cebos con velenos nos montes, e a ver se alguén se atreve a negarmo.

Agora tócalle o turno aos cazadores, caste de seres humanos que adican o seu tempo libre ao mal chamado deporte ou arte da caza. Cando falamos de caza debemos diferenciar entre duas clases principais. A caza menor, na que se trata de matar aves e mamíferos de tamaño meio, coma perdices, coellos e raposos; e a caza maior, na que se pescuda matar mamíferos de gran tamaño, coma xararíns, cervos, corzos ou lobos. Ambas teñen unha incidencia negativa nas poboacións de lobo.

No caso da caza menor a incidencia ven dada pola utilización sistemética de métodos de eliminación de depredadores medianos non selectivos, coma cebos envelenados, lazos ou cepos, nos que frecuentemente cae o lobo. Estes métodos pescudan elimina-la competencia supostamente exercida polos carnívoros medianos fronte aos cazadores. Estes métodos son ilegais ou legais dependendo da comunidade autónoma ou o método en cuaestión que utilicemos.

No caso da caza maior temos á súa vez dúas modalidades de caza, a montería e a batida, no caso da montería os postos son fixos, no caso das batidas os postos de caza poder ser móviles. En Galicia a modalidade máis frecuente é a batida, co corzo e o xabarín ou porco bravo como presa máis habitual. En principio nas batidas non se pode cazar outra cousa que a especie obxeto da mesma, pero todos sabemos que a realidade é ben diferente. Coñezo moitos cazadores, e sempre procurei ter unha boa relación con eles. De feito, como moitos dos naturalistas deste país, teño orixe nunha familia de tradición cinexética. Esto, unido a unha estreita relación co rural, fíxome manter sempre unha visión conciliadora con todos os colectivos até agora mencionados, pero hoxe, xa en pleno século XXI, e con algunha cana máis no cabelo, a miña percepción da realidade vai mudando conforme me vou enterando de según que tipo de cousas.

Hai uns anos, un par deles, un colega cazador da zona do Noroeste da provincia de Ourense, con presenza de lobos, contoume o seguinte, que poño hoxe en día por escrito por primeira vez. 

Conta este rapaz que pertencía a unha das moitas "cuadrillas" de cazadores que existen na Galiza, como moitas outras organizaban frecuentemente batidas de xabarín. Durante estas batidas, os cazadores poden comunicarse por walkie talkie co fin de comunicar a achega dun exemplar de xabarín á posición dun dos tiradores. Estas conversas poden ser intervidas, e de feito sono, pola gardería de montes, para garantiza-la legalidade das mesmas. Sen embargo existe un "código segredo" utilizado por estes cazadores para indicar a presenza dun lobo e así tirarlle, "el de la pana". Cando un lobo aparece en escea, un dille ao outro "ahí va el de la pana", como soa e en castelán, para asegurarse de que se entera de que hai un lobo ibérico a tiro.

Este rapaz, recibiu a mensaxe, mais por razóns persoais da súa experiencia persoal cos lobos, non é quen de tirarlle, e déixao pasar a pesar de telo claramente a tiro. E para asombro dos seus compañeiros e até entón amigos, que comezan a hostigalo e ameazalo, até tal  punto que o rapaz abandona a cuadrilla ante o medo a sufrir un accidente. E agora cito textualmente o que el me dí palabra por palabra: "Mira Alberto, moitos dos acidentes de caza con vítimas humanas non son accidentes, senon asasinatos, recillas entre cazadores que se solucionan así, e eu teño unha filla e unha muller, e para mín son máis importantes que a puta caza"

Sin máis asimilade este post con tranquilidade e sosego, que na próxima parte tócalle o turno a parte de certo sector que se autodenomina ecoloxista. Namentras, ide pensando en cantos lobos morren ilegalmente ao ano en realidade.




miércoles, 25 de noviembre de 2015

O Lobo ibérico candidato ás eleccións xerais españolas de 2015. 1ª parte

Nas derradeiras xornadas estamos sendo testemuñas de como o lobo ibérico (Canis lupus signatus), entra de cheo na carreira electoral de cara ás próximas eleccións xerais españolas dete ano 2015. Por un lado parte do colectivo ecoloxista reclama aos partidos políticos un compromiso claro de protección da especie previo á covocatoria, cunha clara resposta dos partidos maioritarios, "cri cri", que diría un amigo meu. Por outra banda os sindicatos agrogandeiros e cazadores varios, aumentan o tono do seu discurso reclamando o control da especie pescudando as mesmas promesas por parte dos políticos de turno. No medio, coma sempre, o lobo, a pricipal e única vítima deste conflicto que dura xa 2000 anos, tantos como a igrexa católica, e que parece non ter visos de solucionarse.

Ben, vaiamos por partes como diría Jack, por que o do lobo e moito máis complicado do que parece, mais con vontade todo é posibel, xa que si fomos capaces de cheagr á lúa, non creo que a solución desto sexa tan difícil.

En primeiro lugar temos que entender que tanto a gandeiría coma a caza son actividades privadas que pescudan un beneficio económico. Como tal deben de ser autosustentables económicamente. No caso da gandeiría consideremos que é un sector económico clave para a fixación da poboación no rural e moitas veces tamén clave para a conservación da biodiversidade, ante a ausencia secular de herbívoros que pasten ao xeito do que o fan certas especies de gado domésticas. Unha vez dito isto vaiamos a facer unha análise un pouco máis profunda do sector gandeiro extensivo no país.

Na actualidade a gandeiría extensiva desenrola a súa actividade en multitude de ocasións sen medios preventivos para a seguridade dos rabaños, non só perante aos ataques de depredadores (cans domésticos e salvaxes, lobos, osos, etc) senón tamén perante a roubos ou accidentes fortuitos (que tamén os hai). Vouvos por un exemplo de como as cousas se poden facer ben: En Olelas pobo do concello ourensán de Entrimo situado na bisbara de A Baixa Limia, existe un rapaz que posúe unha gandeiría de vacas cachenas de 300 cabezas. Este gandeiro de apenas 30 anos obra da seguinte maneira. En verán as vacas pasan todo o día no monte, chegado o inverno, as vacas pasan as noites nunha corte, a razón de 100 por corte. Na época dos partos as vacas quedan na corte até parir, xa que é un momento onde o animal é especialmente vulnerable aos ataques dos depredadores, e poden presentarse problemas durante o parto que requiran a intervención do gandeiro ou dun veterinario. Namentras os xatos son pequenos quedan na corte, os nais saen a pastar pero regresan cada noite á corte a darlle de mamar aos becerros. Cando os becerros alcanzan un tamaño suficiente xa saen ao monte coas nais. Este rapaz non reporta negún ataque de lobo durante os derradeiros oito anos. É máis, segundo él mesmo dí: "Tí vícheslle os cornos, se mata algunha é por que a vaca non está ben".

Vale, entón  temos un rapaz con 300 vacas, o que non pode ser e que teñamos un gandeiro con 1000 vacas, que vai unha vez á semana a ver por onde andan, e tope unha morta e reclame a morte do lobo por que lle matan unha vaca.

Por outra banda, otemos a polítca de subencións posta en práctica perante aos ataques de lobo, sen entrar na dinámica de picarescas varias, coido que é unha política totalmente errada. Se consideramos que un gandeiro que realiza a súa actividade nunha zona "lobeira" ten un handicap perante outro que o fai nunha zona sen lobos, deberiamos ir a unha política de premio e non de subención. É dicer, se ti és un gandeiro de zona lobeira o seguro autónomo sáleche pola metade. Sen máis.

Por outra banda temos ao TTIP, tratado de libre comercio con Norteamérica, que traerá consigo o afundimento de precios de productos do sector primario como a gandeiria ou a agricultura. Aínda non vin nas manifestacións a ningún sindicato agrícola. Ademáis, recentemente saltou a noticia da posta en marcha de granxas de clonación masiva de gando na China, seguramente con destino non só ao consumo interno, senón a exportación. Eses son en realidade os números que teñen que ter en conta os gandeiros, e non os das catro vacas e duas ovellas que lles matan ao ano.

Por outra banda temos aos cazadores, pero eso será asunto para a segunda parte deste post, seguide atentos, por que non vai ter deperdicio.