Mostrando entradas con la etiqueta España. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta España. Mostrar todas las entradas

martes, 10 de mayo de 2016

A rata común ou parda (Rattus norvegicus) unha especie invasora decimonónica.

Seguramente unha das especies de mamíferos silvestres urbanos máis coñecidas sexa a rata común ou parda (Rattus norvegicus), coñecida tamén coma "rata de alcantarilla". Este roedor, o maior dos muridos da Península Ibérica, é unha proba vivinte do éxito que o comensalismo humano pode supor para unha especie.

Pese á súa popularidade existen un gran número de persoas que descoñecen que denantes do século XIX non existían na Península Ibérica ratas comúns, o nicho estaba ocupado polo seu parente a rata negra (Rattus rattus), chegada con anterioridade procente de Asia, e que na actualidade foi desplazada a zonas menos urbanas pola rata común.

Aínda que existen citas ailladas anteriores, asúmese que a rata común chegou ao Leste de Europa procedente do Sureste asíatico, Mongolia e Manchuria a comezos do século XVIII, e a finais do mesmo xa alcanzara gran parte do continente, as Illas Británicas, e os Estados Unidos de América. No tocante á Península Ibérica o primeiro rexistro coñecido data de finais do século XIX, aínda que pode que a especie chegase con anterioridade. Na actualidade a rata parda está extendida pola maior parte das zonas urbanas do mundo. A súa chegada está relacionada co transporte de mercadorías por vía marítima e terrestre, o que é coñecido coma transporte pasivo, é dicir foi directamente axudada polo home para a súa conquista do mundo.

Xa temos tocado algunha vez o tema das invasións biolóxicas e a sçua problemática a través das páxinas deste blogue, máis en poucas listaxes ou catálogos de especies invasoras exóticas aparece a rata parda, a pesares de que o seu inpacto nos ecosistemas insulares está máis que constatado. Nos arquipélagos, que son un dos ecosistemas máis fráxiles, as invasións biolóxicas asociadas á presenza humana teñen causado importantes episodios de extinción de especies. Así a presenza das ratas vense asociando á merma das colonias de certas aves mariñas que usan as illas (cunha taxa de depredacións moito menos que o continente) para reproducirse. No tocante ao continente o impacto ecolóxico da chegada da rata parda non foi nunca avaliado, fora do nomeado desprazamento da rata negra, máis debeu ser máis que considerable, dado o seu amplo espectro alimentico e a súa alta capacidade de adaptación e hábitos anfibios.

Na actualidade estanse a por en marcha campañas de desratización en certos ecosistemas insulares (como por exemplo no Parque Nacional das Illas Atlánticas) para reducir o impacto da especie nas colonias de certas especies de aves, xa que as ratas consumen tanto os ovos coma os polos. Asemade a súa presenza vense relacionando coa merma de certas comunidades de herpetos en illotes, aos que a rata foi quen de chegar dende as illas meirandes ou dende o continente máis próximo.

Nas imaxes unha rata parda fotografada nun parque urbano da cidade  portuguesa de O Porto no pasado mes de febreiro.







viernes, 1 de enero de 2016

Ferreiriño azul, un pequeno e curioso paxaro cotián.

"Ese precioso e necesario don do sentido común, que é o menos común dos sentidos" -Ramón Gomez de la Serna (1891-1963)- Escritor español.

Entonar o "mea culpa" é, habitualmente, un bon exercicio que te permite seguir avanzando na pescuda do coñecimento. Hoxe, que comezamos a andaina dun novo ano, propóñovos un exercicio de responsabilidade na divulgación desa parte indispensabel da nosa biodiversidade que forman as especies coñecidas como "comúns". Estas especies, frecuentemente abondosas, non son moitas veces tidas en conta, e non chaman a nosa atención, cegada por aquelas que debido á súa rareza, teñen un feixe de seguidores. Ocorre así que en coasións, unha parte importante do noso patrimonio natural pasa totalmente desapercivido perante aos ollos da maior parte da poboación.
A cotío, o noso andar diario vai parello ao voo das aves cotiáns, esas que discretamente, fan dos nosos hortos, dos nosos parques e xardíns, o seu fogar. A pouco que prestemos atencións a esas aves cotiás, atoparemos toda unha paleta de cores, toda unha partitura de notas musicais, que quizáis axudarán a facer o noso pasa máis doado.

Entre esas aves cotiáns atopamos ao ferreiriño azul (Cyansites caeruleus), un pequeno paxaro forestal, frecuente nas masas fragosas da nosa terra, pero tamén nas nosas alamedas, e zonas verdes das poboacións humanas máis urbanas. Debe o seu nome ao costume de martelar a comida co peteiro namentres a amarra cas gadoupas. Dun modo semellante a como o faría un ferreiro na forxa. Espallado por toda a área da Gallaecia, hoxe amósovos unhas imaxes desta especie na cidade de Zamora, provincia española que pertenceu ao territorio da antiga provincia romana da Gallaecia, e que agocha grandes maravillas naturais e históricas.










lunes, 7 de diciembre de 2015

O limpafontes verde na Ría de Vigo e os anfibios da Gallaecia.

A Gallaecia, área de estudo abranguida por este blogue, é unha das rexións peninsulares con maior número de especies de anfibios. Na actualidade, están citadas nada menos que 18 especies diferentes. Algunhas destas especies teñen nesta terra, ademáis, a maior parte da súa distribución muldial; como é o caso dos endemismos ibéricos Chioglossa lusitanica, Rana iberica ou Lissotriton boscai. Existen ademáis subespecies endémicas doutras das especies presentes e cunha distribución máis ampla. Por outra banda a listaxe dos anfibios da Gallaecia dista de ficar pechada, xa que é moi posíbel que pronto a aumentemos con novas especies, conforme se van mellorando os estudios deste grupo de vertebrados, e coas profundas revisións sistemáticas que están tendo lugar en Europa. 
 
Pronto vos ofreceremos unha listaxe completa dos anfibios da Gallaecia, máis hoxe ímosvos amosar un dos máis belos anfibios da nosa contorna, o limpafontes verde (Triturus marmoratus), coñecido en castelán co nome de "Tritón jaspeado". Na Galiza son usados frecuentemente para referirse aos anfibios urodelos dos xéneros Triturus e Lissotriton, os nomes vernáculos de "pintafontes", "limpafontes", "gardafontes" etc, estes nomes nacen da crenza xeneralizada de que as augas habitadas por este tipo de vertebrados eran aptas para o consumo humano, potables polo tanto. Temos sí un uso tradicional de bioindicadores na nosa terra.

O limpafontes verde é o maior dos limpafontes dos que se atopan na Galiza. De cor pintada de verde e negro, trátase dun dos anfibios máis rechamantes, presentando sempre a zona ventral negra e punteada de branco. Tamén se trata dunha especie frecuente, tendo unha distribución xeneralizada en toda a Gallaecia.

Teñen dous períodos vitais anuais, coñecidos coma "fase acuática" e "fase terrestre". A fase acuática é coincidente, máis ou menos, co período reproductos (non sempre). Nesta, os machos desenrolan cristas no lombo e cauda coam caracter sexual para atraer ás femias. Ademáis presentan unha banda lonxitudinal na cauda de cor branca case prateada en ocasións. Na fase terrestre a pel presenta un aspecto áspero e seco, e as cores son máis mates, non tas cintilantes. Os machos perden as cristas. En tódalas fases as femias e xuveniles presentan unha banda lonxitudinal no medio do lombo de cor laranxa.

Nas imaxes podedes apreciar unha serie de exemplares fotografados durante os pasados meses de Setembro e Outubro, no entorno da Ría de Vigo.









domingo, 6 de diciembre de 2015

Lagarto arnal en Cíes, ocelados insulares.

O arquipélago das illas Cíes e un dos que forman o chamado Parque Nacional das Illas Atlánticas, composto por unha serie de illas e fondos mariños circumdantes a estas, próximos á súa vez á costa Atlántica galega. Coñecidas polos seus valores turísticos e naturais, son especialmente nomeadas as súas poboacións nidificantes de aves mariñas, de importancia internacional para certas especies. 

Sen embargo unha das grandes riquezas das illas atlánticas atópase nas súas singulares poboacións de herpetos (anfibios e réptiles), ailladas do continente dende hai séculos, amosan tácticas de supervivencia singulares, tanto no aspecto reproductivo como alimenticio, ou la súa morfoloxía.

Nas nomeadas illas Cíes, situadas na ría de Vigo,  e pertencentes administrativamente ao concello homónimo,  atopamos características climatolóxicas que favorecen especialmente ás poboacións de réptiles. Que si ben menos variadas en especies, acadan densidades altas debido principalmente á escaseza de precipitacións e ás temperaturas suaves anuais.

Unha das especies máis frecuentes do arquipélago é o lagarto arnal (Timos lepidus), feito que recorda en certo modo a outros arquipélagos atlánticos ricos en poboacións de grandes lacértidos. 

O lagarto arnal, chamado lagarto ocelado en castelán, pasa por ser o maior lacertido vivo do continente, de cor verdosa, debe o seu nome español ao feito de posuir ocelos (manchas circulares) nos costados. Estes ocelos, de cor azul, son especialmente visibles durante o período reproductor. En Cíes os lagartos arnais, amosan un comportamento especialmente manso, permitindo acercamentos maiores que as poboacións desta mesma especie habitantes das nonas continentais próximas. Sendo a súa alimentación tamén máis variada, admitindo máis tipos de alimentos, cunha maior proporción dos de orixe vexetal. Como en outros meios insulares, os lacértidos poden ser esenciais para a polinización e dispersión de certas especies vexetais.

A forestación ocorrida nas illas atlánticas durante a ditadura franquista, que primou o monocultivo forestal de piñeiros, eucaliptos e acacias nestes meios, debeu supor unha importante merma no hábitat dispoñible para as diferentes especies de herpetos do arquipélago, especialmente para certs réptiles, ao mermar considerablemente as áreas de asoleamento dispoñibles.

Nas imaxes, uns cantos arnais fotografados nas illas no pasado verán, recordos bucólicos de pasadas experiencias insulares, que moitos  de vós coñecedes.




























sábado, 5 de diciembre de 2015

Sapo corriqueiro na Ría de Vigo.

Moitas veces, á hora de reinvindicar a protección do noso patrimonio natural, esquecemos os pequenos microhábitats que poden chegar a ser indispensables para algunhas especies. Un destes hábitats que poucas veces temos en conta no seu xusto valor son as charcas temporais, que poden chegar a ser vitais para certas especies de vertebrados e invertebrados. Entre os vertebrados son certas especies de anfibios as que dependen das charcas temporais para a súa reproducción, entre elas, o sapo corriqueiro (Bufo calamita).

O sapo corriqueiro é un anuro máis pequeno que o sapo cunqueiro ou común (Bufo spinosus), e de cores máis contrastadas, habituallmente verdosas con diversos moteados e unha liña vertebral máis crara. Sem embargo dentro das poboación podemos atopar diseños variados, máis ou menos próximos, polo que soemos dicir que amosa variabilidade cromática que non se corresponde con subespecies ou razas.

Na ría de Vigo o sapo corriqueiro aparece en menor frecuencia que o seu parente o sapo cunqueiro, dunha forma similar ao que ocorre no resto da Gallaequia. Parece presentar unha certa querencia polas áreas de matogueira atlántica ou mediterránea. Precisa, asemade, da presencia de charcas temporais para a súa reproducción, grandes ou pequenas, podendo chegar a por en charcas tan pequenas como a pegada dunha vaca. A forestación e roturación sistemática de terreos parece que foi moi perxudicial para a especie, e télense constatado extincións locais por estes feitos, así como pola urbanización de tereros valdíos que acumulaban auga de choiva, feito costatado especialmente na franxa costeira e nos arredores das vilas e cidades da Gallaecia.

Nas imaxes aparecen varios exemplares fotografados nos derradeiros meses na área da Ría de Vigo, e amosan a variabilidade cromática que detectamos nas poboacións desta especie que habitan os montes que circundan a ría.