Mostrando entradas con la etiqueta Aves. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Aves. Mostrar todas las entradas

jueves, 30 de junio de 2016

Pitas de río (Gallinula chloropus) nun entorno urbano.

A un paso de tí, quizáis moito máis perto do que pensas, podes atopar en ocasións un universo ornitolóxico e natural, digno de ser admirado, protexido e coñecido. As areas urbanas e suburbanas da Galiza, contan habitualmente con zonas húmidas, ben en forma de ríos como o Miño e o Barbaña en Ourense, o Lagares en Vigo, ou Lérez en Pontevedra, ben en forma de desembocaduras ou marismas deses ríos como a Xunqueira do Lagares (Vigo) ou a Xunqueira de Alba (Pontevedra), ou ben coma medios totalmente artificiais, coma os estanques de diverso tamaño que podemos atopar en parques e xardíns.




Un dos habitantes máis senlleriros destes espazos, en ocasións claramente maltratados, é a pita de río (Gallinula chloropus), un ave acuática que tendo unha fisionomía que recorda a unha galiña non ten nada a ver con elas, xa que se trata dun rálido. 

A súa identificación non reviste demasiada dificultade, a cor xeral negra, e o peteiro e escudete frontal vermello axudaravos sen dúbida a recoñecer a este, cada día máis escaso habitante das zonas húmidas galaicas. Se ben aínda non é unha especie escasa, segue a ser localmente común, a pita de río ten sufrido nos derradeiros anos un marcado declive das súas poboacións, este debacle poboacional ven causado pola degradación do seu hábitat natural, e a depredación por parte de especies exóticas invasoras como o visón americano.







Seguramente se vos dades unha volta por algunha das zonas húmidas da vosa cidade ou do voso entorno máis inmediato, poderedes desfrutar destas aves, inquietas e en constante movemento, que neste momento se atopan acompañadas por polos en diferentes estadíos de desenrolo, xa que poden por durante toda a tempada, e en ocasións hai postas moi tardías (en agosto) ou moi temperás (en febreiro).












Na imaxes que acompañan este post veredes diferentes exemplares afotados na cunca do río Lagares (Vigo) e en zonas axardinadas cercanas ao mesmo, como o parque de Castrelos. 

Debido á marcada diminución dos efectivos desta especie, gustaríanos recomendar varias cousas. En primeiro lugar que respetedes ao máximo aos habitantes dos nosas zonas húmidas, tratando de minimizar ao máximo o impazto das nosas actividades de lecer no medio ambiente. En segundo lugar gustaríanos recomendar que as tarefas de "limpeza" dos cauces do ríos e estanques de zonas urbanas se fiscalicen ao máximo, vendo si realmente son necesarias ou non (algunhas desbrozas son claramente evitables), e no caso de ser precisas que estas se realicen FORA do período reproductor das aves, para minimizar o impacto dos mesmos. Asemade deberíase ter en conta a presenza desta e doutras aves para evaluar o impacto que certas actividades poden ter sobra a fauna (como actividade cinexética, obras urbanas e de humanización do medio natural coma os moitas veces inservibles paseos fluviais). 













martes, 28 de junio de 2016

Cotorra arxentina ou cata (Myiopsitta monachus) ave invasora na Gallaecia.

Alleos ao burlir dos nenos dos parques urbanos das cidades da Galiza, voan por riba dos seus habitantes unha ave de caste única entre as que se observan nos ceos galaicos, exótica como a que máis, son moitas as persoas que ignoran que nas terras galegas existen cotorras que fan desta verde terra o seu fogar.




Verde como a terra que habitan son as catas (Myiopsitta monachus), estas cotorras de orixe sudamericana, que tamén reciben o nome de cotorra arxentina, xa que é neste país onde se atopa unha parte da súa área de distribución, que abrangue tamén Brasil, Uruguay, Paraguay e Bolivia.

Frecuente coma ave de gaiola, as soltas, deliberadas ou fortuítas, provintes do mercado de macotas, fan que a súa presenza sexa frecuente en áreas urbanas e suburbanas de Norteamérica, Europa e zonas de Sudamérica onde a especie non estaba presente con anterioridade.



Na Galiza a súa preseza está constatada dende os anos 80 do pasado século, e aínda que despois de diversas citas e procesos de colonización e posterior extincións, parece que na actualidade a súa presenzza está máis ou menos concentrada no entorno das Rías Baixas, especialmente na Ría de Vigo.

É precisamente na cidade de Vigo a que quizáis sexa a cidade galega onde a súa observación sexa máis frecuente, xa que a especie aparece asentada en diversos xardíns da cidade e puntos de masificación turística do seu entorno, como é o caso do entorno da coñecida praia de Samil. 

A cata é unha ave social que cría colonialmente. Os seus niños, tamén comunitarios, poden estar ocupados por vaias parellas e chegar a formar unha gran estructura con varias entradas a modo de colmea, que defenden frente a presenza de outras catas alleas á colonia. As colonias poden estar formadas por varios niños, que de feito é o máis habitual. Para a construcción do niño, no que usan polas vexetais, usan arbores de diverso tipo dependendo da cobertura vexetal que teñan á súa disposición. así poden facelos en coníferas, eucaliptos ou planifolias.







A incidencia desta especie invasora, á marxe da súa competencia con outras aves autóctonas, ben marcada pola súa alimentación, extraordinariamente versátil, o que fai que se lle acuse de danar a producción de certas froiteiras, de consumir ovos doutras especies de aves, e depredar sobre polos recén eclosionados ou voantóns.


Nas  imaxes que acompañan este post, optidas todas elas recentemente no entorno máis inmediato á praia viguesa de Samil, vedes unha boa mostra das características desta especie exótica invasora. A continuación unha pequena mostra, meramente documental de como un bando de catas se alimenta de garmíneas nunha zona herbácea sen urbanizar próxima á colonia de aniñamento.





lunes, 9 de mayo de 2016

Gaivina negra (Chlidonias niger) na Limia.

Tamos nunha das ápocas do ano máis interesantes para os amantes da ornitoloxía, o paso prenupcial, momento de pasaxen das aves migratorias cara as súas localidades de aniñamento, momento no que algunhas delas locen os seus belos plumaxes nupciais, moito máis chamativos que os invernais.

O pasado sábado día 7 de maio de 2016 partillamos unha estupenda xornada naturalista cos compañeiros de Amigos da Terra e a asociación ecoloxista portuguesa Campo Aberto, entre outros lugares da provincia de Ourense visitámola ZEPA da Limia, que apesares da climatoloxía adversa do día non defraudou e amosou parte desa riqueza ornitolóxica que alberga a miña querida bisbarra da Limia.

Entre as especies vistas tivemos a sorte de observar unha gaivina negra (Chlidonias niger), ave acuátiva pouco frecuente na Galiza que se observa principalmente durante os pasos migratorios, principalmente no prenupcial, sendo a Limia un dos espazos naturais que máis citas da especie acubilla.

As gaivinas negras son aves acuáticas similares aos carráns (Sternidae), que amosa unha prumaxe moi escura durante a plumaxe nupcial, o que facilita a identificación fronte a outras especies da familia.  

Querenciosas das augas doces doces, principalmente durante a época de cría. Na Península Ibérica nidifica locamente en algúns humidais do Leste e do Sur, sendo a localidade de cría máis cercana Villafáfila (Zamora). A poboación total de arredor de 40 parellas en España, fronte ás 150 dos anos 80 do século XX dá unha idea do difícil momento que a especie atravesa no noso país.

Descoñécese até o momento se a especie nidificou no pasado na tristemente desaparecida lagoa de Antela, mais pode ser bastante probable que así fose. Agardamos que certas iniciativas postas en marcha na actualidade na bisbarra da Limia, e a máis que imperante necesidade de recuperar o humidal limiao produzan máis cedo que tarde a nidificación da gaivina negra nas agora resecas cando non maltreitas terras limiás.





miércoles, 4 de mayo de 2016

Nidificación dunha parella de gaivotas patiamarelas (Larus michaellis) nunha palmeira despois do ataque do picudo

"Palmero sube a la palma
y dile a la palmerita,
que se asome a la ventana,
que su amor la solicita" Cantiga popular criolla

"Non hai mal que por ben non veña" dicía frecuentemente a miña avoa, e mira tí que en ocasións pode ser certo, polo menos en parte. Seguramente xa sabedes que dun tempo a esta parte as palmeiras que se usan con fines ornamentais están sendo atacadas por un coleóptero chamado "picudo vermello" (Rhynchophorus ferrugineus), de orixe asiática, que as fai secar e está a supor un saco sen fondo presupostario para as arcas municipais en tratamentos fitosanitarios preventivos e paliativos, sen contar a retirada daquelas palmeiras que rematan por perecer.

Cando este escarabello remata por secar a palmeira, se esta non é retirada, queda unha especie de poste de gran altura. Fai precisamente un par de días foi localizada unha parella de gaivota patiamarela (Larus michaellis) con actitude reproductiva nunha palmeira seca, depois do ataque do picudo, nun parque urbán da cidade de Vigo (Pontevedra).

Onte, día 3 de maio de 2016, fun tratar de fotografar este feito que ao final puiden fotografar e velahí tendes a testemuña gráfica da parella en cuestión facendo da malograda palmeira canaria (Phoenix canariensis) o seu novo fogar.