Mostrando entradas con la etiqueta Portugal. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Portugal. Mostrar todas las entradas

martes, 10 de mayo de 2016

A rata común ou parda (Rattus norvegicus) unha especie invasora decimonónica.

Seguramente unha das especies de mamíferos silvestres urbanos máis coñecidas sexa a rata común ou parda (Rattus norvegicus), coñecida tamén coma "rata de alcantarilla". Este roedor, o maior dos muridos da Península Ibérica, é unha proba vivinte do éxito que o comensalismo humano pode supor para unha especie.

Pese á súa popularidade existen un gran número de persoas que descoñecen que denantes do século XIX non existían na Península Ibérica ratas comúns, o nicho estaba ocupado polo seu parente a rata negra (Rattus rattus), chegada con anterioridade procente de Asia, e que na actualidade foi desplazada a zonas menos urbanas pola rata común.

Aínda que existen citas ailladas anteriores, asúmese que a rata común chegou ao Leste de Europa procedente do Sureste asíatico, Mongolia e Manchuria a comezos do século XVIII, e a finais do mesmo xa alcanzara gran parte do continente, as Illas Británicas, e os Estados Unidos de América. No tocante á Península Ibérica o primeiro rexistro coñecido data de finais do século XIX, aínda que pode que a especie chegase con anterioridade. Na actualidade a rata parda está extendida pola maior parte das zonas urbanas do mundo. A súa chegada está relacionada co transporte de mercadorías por vía marítima e terrestre, o que é coñecido coma transporte pasivo, é dicir foi directamente axudada polo home para a súa conquista do mundo.

Xa temos tocado algunha vez o tema das invasións biolóxicas e a sçua problemática a través das páxinas deste blogue, máis en poucas listaxes ou catálogos de especies invasoras exóticas aparece a rata parda, a pesares de que o seu inpacto nos ecosistemas insulares está máis que constatado. Nos arquipélagos, que son un dos ecosistemas máis fráxiles, as invasións biolóxicas asociadas á presenza humana teñen causado importantes episodios de extinción de especies. Así a presenza das ratas vense asociando á merma das colonias de certas aves mariñas que usan as illas (cunha taxa de depredacións moito menos que o continente) para reproducirse. No tocante ao continente o impacto ecolóxico da chegada da rata parda non foi nunca avaliado, fora do nomeado desprazamento da rata negra, máis debeu ser máis que considerable, dado o seu amplo espectro alimentico e a súa alta capacidade de adaptación e hábitos anfibios.

Na actualidade estanse a por en marcha campañas de desratización en certos ecosistemas insulares (como por exemplo no Parque Nacional das Illas Atlánticas) para reducir o impacto da especie nas colonias de certas especies de aves, xa que as ratas consumen tanto os ovos coma os polos. Asemade a súa presenza vense relacionando coa merma de certas comunidades de herpetos en illotes, aos que a rata foi quen de chegar dende as illas meirandes ou dende o continente máis próximo.

Nas imaxes unha rata parda fotografada nun parque urbano da cidade  portuguesa de O Porto no pasado mes de febreiro.







martes, 26 de abril de 2016

Galicia, unha nación de osos, un país de ursos!: O oso de Boborás


Visto o visto e  as declaracións aportadas creo, e seguro que non me equivoco, que fai falla comezar a facer pedagoxía oseira, por que me parece que a xente está moi mal informada.



En primeiro lugar, os osos máis cercanos a Galicia non son os osos dos Ancares leoneses, son os osos galegos que viven e se reproducen nos Ancares e no Caurel (provincia de Lugo) cando menos dende o comezo do século XXI.

Imos a facer un pouco de historia, non moita por que hoxe prefiro falar do presente e do futuro do oso e non do pasado. Se unímo-las referencias históricas escritas de presenza de oso pardo na Galiza obteremos unha información valiosa pero claramente insuficiente, xa que a Galiza non é rica en patrimonio escrito. Pero si a esta información lle engadimos a distribución das alvarizas (construcción circular de pedra para protexe-las colmeas dos ataques do oso) entón teremos unha información moito maís completa. Que nos amosa que o oso habitou tanto as zonas altas e baixas do país, dende o Barbanza até Lugo pasando por Santiago de Compostela. É dicer, no momento máis óptimo e amplo da súa distribución histórica o urso habitaba gran parte da Galiza e pescaba salmóns nos ríos Miño e Sil. A toponimia, asemade, tamén nos amosa un escenario similar, con rios, montes e parroquias advocadas ao sacrosanto nome do deus oso. (Oseira, Valdoso, Fonte do oso, río Ursaria, Folgoso..., por moito que se intenten castelanizar Vadoso non é el Valle de los Huesos, se non o Valle de los Osos)

A idea de que o oso pardo é un animal de montaña e non pode vivir en zonas baixas é TOTALMENTE ERRÓNEA. O feito de que hoxe en día os ursos se refuxiasen en zonas montañosas débese á persecución directa por parte do home mediante a caza e o envelenamento. Que fixo que se acantonase nos lugares máis recónditos e menos poboados da xeografía. Crédeme, se os Pirineos e a cordilleira Cantábrica non tivesen a orografía que teñen onde vai xa que en España non quedaría oso ningún (e aínda así onde case acaban con eles igualmente).



Ben, falemos agora dos osos ou ursos galaicos e a súa problemática. En primeiro lugar o urso é unha especie en perigo de extinción, como tal a súa mera presencia ten consecuencias, xa que a lei obriga a protexe-lo hábitat da especie, esta é a razón pola que á nosa administración lle costa admitir que hai osos en Galicia, e sempre din o mesmo, os osos galegos son exemplares dispersantes dende Asturias ou León, algo que é totalmente falso. En segundo lugar están os malditos cartos (desculpade pero hoxe estou algo cabreado), existen unha serie de chupatintas cobrando subencións á conta do oso baixo as siglas "ecoloxistas", aos que non lles convén nadiña que o oso se escape de determinadas comunidades autónomas. Así, esta paradóxica situación xeopolítica dos osos desemboca, irremediablemente, nunha xestión pesíma da especie, que implica que a presenza do oso non marque a súa distribución oficial nos mapas. Esta distribución OFICIAL a marcan as osas reproductoras (eminentemente sedentarias), e non todas, xa que ver unha osa con crías nos Ancares ou no Caurel non implica que o oso se reproduza na Galiza, senón que as osas foden e pairen en Asturias "Paraiso Natural", e veñen depois bate-la chanca a Galiza por que sonche unhas caprichosas. Esta contradicción sería parella a protexer a área de cría dunha especie migradora e non protexe-los seus cuarteis de invernada. O urso, como a maior parte dos grandes carnívoros, no é unha especie sedentaria, e as súas dispersións abranguen até 400 ou máis kilómetros nun ano, estas dispersións son realizadas polos albares (oseznos) despois de independizarse da nai, pero tamén polos osos machos adultos, que exploran grandes territorios na pescuda das femias. De feito nos libros de montaría medievais xa se fala deste feito, definindo cuais eran vos cotos para cazar osos en inverno, cuais en verán, e cuais tiñan osos todo o ano. Quen lles ía dicir a aqueles que aseguraban que os lobos impedirían a dispersión dos osos que éstes últimos dispersarían até as portas mesmas de Lugo xustamente hacia os lobos en troques de internarse nas terras libres deles...

Ben, tendo en conta que os osos se reproducen nas montañas orientais de Lugo dende hai xa case vinte anos, é lóxico e normal que os albares percorran cada día máis terreo galaico, así xa no ano 2002 se detecta e fotografía un rastro de oso nunha lagoa de Pena Trevinca, en 2006 se graba un oso atacando unhas colmeas en Enciña da Lastra (Rubiá-Ourense), onde a presenza estacional de osos ten sido constante dende entón. Chegados a este punto (Rubiá) os oso poden coller dous camiños, dispersar hacia o oeste, pola Ribeira Sacra (como o que foi grabado o pasado día 22 de abril en Ribas de Sil), ou cruza-lo Sil (vouvos dicir un segredo os ursos saben nadar, e os ríos non son un impedimento para a súa dispersión). Unha vez cruzado o Sil, o urso ten perante sí unha das zonas con menor desidade poboacional de toda a Iberia, o Macizo Central Ourensán e Trevinca, onde os ataques a colmeas e avistamentos van dende a mesma Pena Trevinca até a Serra de San Mamede. Onde se reportaron ataques a colmeas nos derradeiros tempos nos concellos ourensáns de O Bolo, A Veiga, A Gudiña e Vilar de Barrio. Ollo, os osos que chegan ao Macizo Central Ourensán non teñen que ser todos galaicos xa que existe unha poboación reproductora en Zamora non recoñecida oficialmente (como sempre) que soe dispersar hacia Sanabria.



Ben, sigamos, por moi incribel que pareza, un oso, novo e na pescuda de ver mundo, pode perfectamente chegar en dous días dende Ribas de Sil á serra do Candán pasando polos Peares, ben pola presa, ou ben nadando. Pero non moito, xa que nestes días se estivo valeirando esa zona do río Miño  sen respeitar o caudal ecolóxico do mesmo. O de que hai unha vía do tren no medio non o vou nin a comentar, xa que si son eu capaz de cruzala supoño que un oso non á ter maior problema, excepto se o pilla o tren, xa que esa vía non é a do AVE (que si pode supor unha barreira xeográfica importante) senón a de Monforte. Evidentemente o AVE pasa por Boborás, pero ten túneles na zona polos que un oso pode cruzar sen problema. Xa digo, que a nova de que un oso chega a un pobo recóndito de 25 habitantes de Boborás, pode ou non ser certa, pero é totalmente posible dende logo, e dende logo non é un oso na porta da igrexa da Vera Cruz do Carballiño. Facendo memoria, perto de esa zona se reprotou a observación dun oso á que non se lle deu crédito e se asumiu coma un erro de identificación ou un escape dun circo (exactamente igual que agora).

Agora, en pleno século XXI, perante á máis que evidente recuperación do oso pardo na Península, e perante á inacción da nosa administración, debemos tomar as medidas preventivas pertinentes.

En primeiro lugar, invito, encarecidamente aos veciños e veciñas da zona a que saian da casa a pasear sen problema. En Asturias, onde hai dende logo máis osos que en Boborás, non se reportan ataques a persoas nin a camiñantes desvalidos, xa que o oso se TÍ NON LLE FAS NADA él pasa de tí, coma calquera animal vamos.

En segundo lugar, a alimentación do oso pardo, até nun 70% de orixe vexetal, ten escasa incidencia na gandeiría, a principal incidencia está nas colmeas, ás que ataca xa que lle gusta moito o mel. A solución esto é fácil e a temos dende hai séculos, as alvarizas, se vemos que non queremos reconstruir ou construir alvarizas, temos unha solución bastante barata, a colocación dun cable pastor arredor das colmeas. Dende logo é moito máis interesante invertir en prevención que estár a indemnizar os ataques, xa que estamos a actuar en positivo.

En terceiro lugar está a construcción indiscriminada de infraestructuras con cero inversión en pasos para fauna. Temos claros exemplos na liña de AVE que cruza o Macizo Central, na autovía A-52 e na futura A-76, que pretende cruzala Ribeira Sacra e Enciña da Lastra, e que poden impedir a recuperación das poboacións históricas do oso a partires das xa existentes. Polo tanto, se os portugueses queren osos creo que imos ter que comezar a construir pasos de fauna nas autovías.

Chegados a este punto vouvos contar unha pequena anécdota, hai un tempo foi publicada unha foto dun oso pardo nunha lagoa do Parque Nacional da Peneda-Gêres, en pouco tempo a nova deu a volta a Portugal e parte do extranxeiro e comezaron as ameazas, que se ían tomalas medidas pertinentes (evidentemente ilegais), para impedi-la presenza do oso da zona (en todas partes cocen fabas), pouco tempo depois sóubose que o oso en cuestión era un oso cativo que fora usado na zona para grabar unha documental, pero a proba serviu para testar como a presenza da especie na zona non ía ser ben recibida.

Evidentemente os carnívoros non son ben recibidos en moitas partes, e soen causar alarma social pola ignorancia que en xeral se ten dos mesmos, e polas escasas medidas preventivas que se poñen en marcha. Unha proba delo é a aparición de cebos envelenados na zona na se se publicou que chegara un lince ibérico a Ourense. Queda moito mellor cobrar danos e perxuizos e, ao paga-lo,s ir gañando votos depaso. Xa veredes que pouco tarda en desaparecer o oso vítima do veleno, dun cepo ou similar, por que esta nosa terra é así, pero aínda temos tempo de cambia-la e facer ver que unha terra chea de vida é unha terra máis rica, e unha terra morta, ademáis de ser unha tristeza, non deixa de xerar pobreza. Abride as portas á vida e por elas han cruzar aqueles que a anelan para observala, e eles durmirán nos nosos hoteis, e han comer os produtos da nosa terra, abride as portas á vida e abriredes tamén o corazón, pero, sobre todo, abriredes os ollos, e descubriredes que unha mentira mil veces repetida non é unha verdá, senón unha GRAN MENTIRA.

Por último, este tipo de novas demostran unha cousa, que moitas veces non é preciso reintroducir ou controlar nada, senón deixar que a natureza siga o seu camiño NATURALMENTE, sen impedimentos, moito máis barato e moito máis efectivo...

lunes, 25 de abril de 2016

Rabilargo (Cyanopica cooki), misterio faunístico alado.

O rabilargo ibérico (Cyanopica cooki) é quizáis unha das máis curiosas aves endémicas da Península. Trátase dun córvido que en galego recibe tamén o nome de pega azul, e en castelán é coñecido tamén cos nomes de "rabúo" ou "mohino".




Trátase dunha especie habitante de foestas aclaradas e abertas, típico de devesas, añinda que pode aparecer tamén en plantacións de choupos, habitualmente en entornos de clara influenza mediterrádea ou continental en altitudes por baixo dos 1000m.






Durante anos a distribución da especie foi un auténtico misterio. Veredes, en orixe a denominación científica do rabilargo era (Cyanopica cyanus), esta especie tiña a maior parte da súa distribución no continente asiático, e unha pequena área na Península Ibérica. Esta paradóxica distribución fixo que durante non pouco tempo se pensase que os rabilargos da Península foran traidos dende o lexano oriente por mariñeiros portugueses. Posteriores descubrimentos paleontolóxicos e estudos xenéticos puxeron de manifesto que os rabilargos ibéricos e os asiáticos se separaran hai 1 ou 2 millos de anos, durante as glaciacións pleistocénicas, e que en realidade eran duas especies diferentes, quedando entón a denominación Cyanopica cyanea para os rabilargos asiáticos e a Cyanopica cooki para os ibéricos.

Na Península Ibérica a distribución da especie atinxe básicamente a zonas ao Sur do río Douro, onde viven unhas 200.000 parellas, que soen criar en colonias en árbores. A pesares que algúns autores apuntaban a unha diminución do número de exemplares e da área de presenza da especie, recentes estudos apuntan na dirección contraria, sinalando un aumento da área de distribución.

En principio as colonias máis cercanas a Galicia están situadas na cunca do río Douro na provincia de Zamora e no Norte de Portugal. Nembargantes entre o final do século XX e comezos do XXI houbo unha pequena colonia asociada a unha zona de piñeiro manso (Pinus pinea) nas proximidades da cidade de Ourense que desapareceu depois dun incendio que rematou con toda a cobertura arbórea da zona.


Con todo, tendo en conta o actual escenario climático, e o progresivo abandono do rural, certos autores apuntan a un progresivo aumento da área potencial de ocupación da especie. E de feito acaban de rexistarse importantes episodios recentes de colonización por parte da especie no Leste ibérico, Valencia e Catalunya, e no NE de Castela, habitualmente aproveitando as depresións fluviais.

En tempos o rabilargo ibérico foi unha especie mo perseguida en gran parte da súa área de distribución ibérica, xa que se lle adxudicaban graves danso á caza menor e aos cultivos de froiteiras. O feito de que aniñe colonialmente facilitaba a persecución á especie. Como dato anecdótico sinalaremos que se trata dunha especie habitualmente parasitada polo cuco papudo (Clamator glandarius).


miércoles, 23 de marzo de 2016

Os sacrosantos sapoconchos galaicos están a desaparecer.

"O home absurdo é o que non cambia nunca"- Georges Benjamin Clemenceaus- (1841-1929)- Médico, xornalista e político francés.

Houbo un tempo no que a maior parte dos ríos e zonas húmidas da Gallaecia estiveron habitadas por unha especie de tartaruga de auga doce, o sapoconcho común ou europeo (Emys orbicularis), a día de hoxe, a especie sobrevive en contados puntos das provincias de Pontevedra e Ourense, Zamora e Norte de Portugal, ameazado pola persecución directa por parte do home, as especies invasoras e a alteración do seu hábitat natural.
Especie amplamente coñecida polos pobos do Noroeste ibérico, que lle otorgaban propiedades máxicas e relixiosas. A lenda conta que os sapoconchos eras sapos ou píntegas moi vellas ás que se lle endurecía a pel até o punto de crear unha cuncha. No tocante á relixión, a carne do sapoconcho, coma otras provintes dos meios acuáticos, estaba considerada apta para o consumo humano durante as vixilias da coresma. Asemade, en certas bisbarras os sapoconchos eran introducidos en fontes e pozos de auga como meio para potabilizar as augas para o consumo humano. De feito, aínda a día de hoxe, se atopan sapoconchos en minas de auga das provincias de Ourense e Pontevedra, temos constatada a presenza de exemplares nestas circunstancias en Ourense capital, en Dozón (Pontevedra) e en Chaves (Portugal).

Tendes asemade máis información sobre este feito en "Capitilo Cero", do xornalista Manuel Gago, que aborda o tema da tenencia de sapoconchos na Proba do Caramiñal.

Na actualidade o sapoconcho europeo (Emys orbicularis), é unha especie estrictamente protexida en todo o territorio peninsular. No tocante a Galicia, o sapoconcho está incluido no Catálogo Galego de Especies ameazadas coa categoría de "En Perigo de Extinción", e conta cun plan de recuperación propio, redactado e publicado hay xa uns cantos anos, que a día de hoxe aínda non ten sido desenrolado en tódolos seus puntos.

A tenor do publicado nos derradeiros tempos, nin sequera se coñecen todas a spoboacións que sobreviven da especie en Galicia. As tres que se coñecen, carecen na práctica de medidas efectivas de protección de garanticen a supervivencia da especie a medio e longo prazo. A poboación da provincia de Pontevedra parece a máis ameazada a nivel Galaico, e ten sufrido episodios de recheado de lagoas onde a especie se reproduce.

Parece necesario a implementación dun plan de conservación efectivo e ambicioso a nivel Galaico para a creación de novas poboacións reproductoras da especie e a consolidación das escasas poboacións que aínda sobreviven, puntos que sin ben foron especificados no correspondente plan de coservación, non foron desenrollados a día de hoxe.



martes, 17 de noviembre de 2015

A píntega común, un anfibio característico da Gallaecia.

Un dos anfibios máis característicos e mellor distribuidos da Gallaecia é a píntega común (Salamandra salamandra), esta ampla distribución na zona de estudo acadada por este blogue, ten como consecuencia a aparición de multitude de nomes vernáculos, prácticamente un por pobo, con diferentes orixes lingüiticos incluso. Sacavera (en asturias) zalamera ou sacaveira (na Galiza), píntega ou píntega (na Galiza ou en Portugal), son só algúns exemplos.

A distribución da mundial da especie acada gran parte do Paleártico occidental, existindo asemade especies estreitamente emparentadas en zonas próximas da mesma rexión bioxeográfica. Ao longo desta ampla área  foron descritas multitude de subespecies, nove das cales habitarían na Península Ibérica. Non embargante, recentemente, as subespecies peninsulares de Salamandra salamandra foron reducidas a cinco complexos, dous dos cales estarían presentes na área que nos ocupa. 

"Bernardezi" de pequeno tamaño, habitualmente vivípara, ou con certa tendencia a este modo de reproducción, e con diseños maioritariamente raiados, estaría presente no tercio Norte da Galiza, Asturias, e zonas limítrofes con León. Nas seguintes imaxes podedes apreciar diferentes exemplares da serra de "A Capelada", en terreos da provincia da Coruña.





No Sur da área considerada por este bogue atopariamos outra subespecie, igualmente endémica da Península Ibérica, denominada "gallaica", que estaría presente nos dous tercios meridionais da Galiza, Zamora e Norte de Portugal. Este subespecie caracterizaríase por posuir un diseño maioritariamente manchado, un tamaño maior que a anterior, e a aparición, frecuente, de pintas de cor vermella. Coma podemos apreciar nas seguintes imaxes.
Femia adulta do concello Ourensán de Cartelle (Terras de Celanova)



 Femia adulta de Castro Leboreiro no Parque Nacional de Peneda-Gêres (Portugal)






Xuvenil do concello de Amoeiro (Ourense)


Xuvenil do Parque Natural "Arribes del Duero" en Zamora



Macho adulto do concello de O Riós (Val do Támega-Ourense)



Femia adulta do concello de Lobeira (A Baixa Limia-Ourense)



Diferentes exemplares do concello de Vilar de Santos (A Limia-Ourense).




Diferentes exemplares do concello de Sanxenxo (Pontevedra).




Como podedes apreciar nas imaxes anteriores, a variabilidade cromática da subespecie gallaica é moi alta, existindo numerosos patróns incluso dentro dos exemplares dunha mesma poboación. Existen na Gallaecia poboacións singulares cuio status sigue sendo fonte de controversia. Así no, en vales do centro de Asturias atopamos as "alfredschmidti" de impresionante variabilidade cromática, con exemplares verdes, amarelos, marrón chocolate, monocromáticos, etc. Considerada por algúns autores coma subespecie por dereito propio, outros apuntan aos refuxios glaciares coma a causa da alta variabilidade xenética e cromática destes exemplares. Aínda coa falla de consenso, amósovos un enlazamento ao blogue do meu colega David Álvarez, un experto na materia, que fala pormenorizadamente do tema.

Nas illas atlánticas galegas atopamos asemade poboacións de píntega adaptadas a un meio no que a auga doce escasea. Así, estas poboacións, soen dar a luz crias completamente desenroladas, sen necesidade de completar a metamorfose na auga. Este mecanismo reproductivo ten sido observado en outros puntos da distribución da especie. As píntegas das illas atlánticas galegas teñen tendencia ao melanismo, con escasas pintas amarelas, moi reducidas en tamaño, existindo exemplares completamente negros.

Por outra banda existen poboacións nas Rías Baixas Galegas, cunha ampla variabilidade cromática, que se ben non son comparables ás "alfredschmidti" asturianas, sí amosan características destas últimas.

Segundo certos autores, certas zonas situadas a baixa altitude no Norte da Península Ibérica, tales coma zonas costeiras ou vales fluviais, foron utilizadas por certas especies de hérpetos coma refuxios durante os diferentes períodos glaciais, cando as zonas altas se cubrían de xeos e neves perpétuas. Dende estes refuxios glaciais, que aglutinarían a totalidade da variacións xenética da especie, as píntagas recolonizarían a súa área de distribucións potencial, que mediante a conseguinte selección natural, escollería aqueles xenes que mellor se adaptasen ao seu medio ambiente. Por esta razón certas zonas baixas amosarían unha variación cromática e xenética maior, ao non seren abandonadas pola especie. Máis isto que remato de contarvos non é máis que unha das varias teorías que tratan de explicar a variación intraespecífica da especie, que aínda está lonxe de ser aclarada.

Como mostra vouvos ensinar uns cantos exemplares da área da ría de Vigo, unha das zonas nomeadas como posibeis refuxios glaciares da especie.

Diferentes exemplares da ría de Vigo (Pontevedra). Fotografados nos meses de Xullo, Agosto, Setembro e Outubro de 2015 na compaña de Miguel Costas.







































































































Por último, segundo algunhos autores, na Gallaecia estaría presente unha cuarta subespecie de píntega a "bejarae" habitante do Sistema Ibérico e Central, así como dos Montes de Toledo, e presente ao parecer nos Montes de León. Sería interesante revisar en profundidade o estatus taxonómico de certas poboacións do Noroeste peninsular que amosan características morfolóxicas singulares.

No tocante ao estado de conservación das poboacións de píntega común na Gallaecia, tense observado unha importante reducción da densidade das súas poboacións en certos puntos da súa área de distribucións. Así como capturas para o mercado de terrariofilia, que afecta sobre todo á subespecie alfredschmidti

A merma das súas poboacións débese principalmente á alteración profunda do seu hábitat natural, á introducción de especies invasoras, e á ausencia de pasos nas estradas nos puntos onde se producen atropelos masivos de anfibios, aos que esta especie é especialmente sensíbel.