martes, 10 de mayo de 2016

A rata común ou parda (Rattus norvegicus) unha especie invasora decimonónica.

Seguramente unha das especies de mamíferos silvestres urbanos máis coñecidas sexa a rata común ou parda (Rattus norvegicus), coñecida tamén coma "rata de alcantarilla". Este roedor, o maior dos muridos da Península Ibérica, é unha proba vivinte do éxito que o comensalismo humano pode supor para unha especie.

Pese á súa popularidade existen un gran número de persoas que descoñecen que denantes do século XIX non existían na Península Ibérica ratas comúns, o nicho estaba ocupado polo seu parente a rata negra (Rattus rattus), chegada con anterioridade procente de Asia, e que na actualidade foi desplazada a zonas menos urbanas pola rata común.

Aínda que existen citas ailladas anteriores, asúmese que a rata común chegou ao Leste de Europa procedente do Sureste asíatico, Mongolia e Manchuria a comezos do século XVIII, e a finais do mesmo xa alcanzara gran parte do continente, as Illas Británicas, e os Estados Unidos de América. No tocante á Península Ibérica o primeiro rexistro coñecido data de finais do século XIX, aínda que pode que a especie chegase con anterioridade. Na actualidade a rata parda está extendida pola maior parte das zonas urbanas do mundo. A súa chegada está relacionada co transporte de mercadorías por vía marítima e terrestre, o que é coñecido coma transporte pasivo, é dicir foi directamente axudada polo home para a súa conquista do mundo.

Xa temos tocado algunha vez o tema das invasións biolóxicas e a sçua problemática a través das páxinas deste blogue, máis en poucas listaxes ou catálogos de especies invasoras exóticas aparece a rata parda, a pesares de que o seu inpacto nos ecosistemas insulares está máis que constatado. Nos arquipélagos, que son un dos ecosistemas máis fráxiles, as invasións biolóxicas asociadas á presenza humana teñen causado importantes episodios de extinción de especies. Así a presenza das ratas vense asociando á merma das colonias de certas aves mariñas que usan as illas (cunha taxa de depredacións moito menos que o continente) para reproducirse. No tocante ao continente o impacto ecolóxico da chegada da rata parda non foi nunca avaliado, fora do nomeado desprazamento da rata negra, máis debeu ser máis que considerable, dado o seu amplo espectro alimentico e a súa alta capacidade de adaptación e hábitos anfibios.

Na actualidade estanse a por en marcha campañas de desratización en certos ecosistemas insulares (como por exemplo no Parque Nacional das Illas Atlánticas) para reducir o impacto da especie nas colonias de certas especies de aves, xa que as ratas consumen tanto os ovos coma os polos. Asemade a súa presenza vense relacionando coa merma de certas comunidades de herpetos en illotes, aos que a rata foi quen de chegar dende as illas meirandes ou dende o continente máis próximo.

Nas imaxes unha rata parda fotografada nun parque urbano da cidade  portuguesa de O Porto no pasado mes de febreiro.







No hay comentarios:

Publicar un comentario