Marza, rela ou ranilla son nomes vernáculos recollidos na Galiza para referirse a unha especie de rá de costumes trepadoras denominada na actualidade pola ciencia coma Hyla molleri, e coñecida en castelán coma "ranita de san Antonio". Durante moitos anos as marzas foron consideradas unha subespecie da Hyla arborea, máis depois de complexos estudos xenéticos demostrouse que Hyla molleri era unha especie por dereito propio, e con ela un bon número de poboacións de outras subespecies da Hyla arborea espalladas por diversos puntos da súa distribución.
Na Galiza a especie está presente ailladamente dende puntos achegados á costa até as grandes alturas das serras interiores, sendo o seu hábitat o principal factor limitante da súa presenza, e non tanto a climatoloxía.
O seu hábitat, consistente en zonas de auga doce con abondosa cobertura vexetal, máis non demasiado desenrolada, e áreas de herbazáis e matogueiras. A pesares da súa distribución espallada polas catro provincias galegas, a especie considérase ameazada tanto a nivel español coma galego, pola paulatina diminución da súa densidade e área de distribución acontecida nos derradeiros anos.
Así, a especie parece que está a sufrir especialmente a transformación do seu hábitat natural (por canalización de ríos, desecación de humedais e utilización indiscriminada de pesticidas). Asemade, a introducción de especies exóticas coma o cangrexo americano ou certo tipo de especies de peixes alóctonos ten causado a extinción de certas poboacións.
O período reproductor da especie comeza, habitualmente na primavera, nerbargantes este pode adiantarse ou retrasarse, dependendo das condicións climatolóxicas, así se a primavera se adianta tamén alas adiantan o período de amplexos, podendo observarse xa dende o mes de xaneiro até case o vran dependendo do ano. Durante o período reproductor, se a densidade da poboación en cuestión o permite, poden formar grandes coros nas zonas húmidas escollidas para reproducirse, estes coros poden escoitarse a quilómetros de distancia, pero, en troques, poden resultar difícil de localizar os exemplares, debido aos seus hábitos trepadores e a súa alta capacidade de mimetizarse co entorno.
As poboacións máis densas coñecidas parecen atoparse no interior galego, aínda que as costumes trepadoras da especie poden facer que certas poboacións pasen totalmente desapercibidas durante anos.
Aínda que habitualmete presentan cores verdes máis ou menos intensas, as marzas ou relas poden mudar de cor con relativa rapidez, sempre dentro do diseño propio da especie. Así, este troco de cor pode vir producido polo hábitat natural no que desenrola a súa actividade, ou polo estado anímico do animal (comunicación social). Asemade poden atoparse variacións individuais máis ou menos rechamantes, xa que a especie presenta unha alta taxa de variabilidade cromática individual intrapoboacional.
Nas imaxes tendes unha pequena mostra da variabilidade dunha poboación do Sur da provincia de Pontevedra, detectada durante un período reproductor acontecido no pasado mes de xaneiro. Este período reproductor foi pasible debido ás anormais condicións climatolóxicas dese mes en Galicia, que uniu ás fortes precipitacións un período de altas temperaturas, incluso nocturnas. asemade, o plenilunio pode ser tamén un factor a ter en conta nos períodos reproductores de certas especies, que no caso concreto de Hyla molleri, non foi evaluado até o día de hoxe.
Coma moitas especies de anfibios, as relas ou marzas, son consideradas perxudiciais e incluso velenosas ou perigosas para o home ou as as súas actividades. Nada máis lonxe da realidade, xa que os seus hábitos alimenticios, basicamente insectívoros, tanto dos adultos como das súas larvas, (cágados, cullaróns) que habitan en augas estancadas e sen peixes, poden ser un método insecticida máis que eficaz para o control natural de certas especies, coma cínifes (mosquitos).
Onde se di marza? Gracias
ResponderEliminarMarza é un vernáculo recollido polo naturalista Xosé Ramón Reigada (Verin Natural), na bisbarra de Monterrei. O vernáculo asemade, aparece en certos puntos da Limia, todos eles en Ourense. Un saúdo.
ResponderEliminar