martes, 14 de junio de 2016

Mascotas nos ríos galaicos, sapoconchos alóctonos invaden a Gallaecia.

A historia non é nova, e repítese coma un mantra dende hai anos: unha persoa merca unha tartaruga pequena a moi baixo prezo, a tartaruga medra, e sin saber moi ben que facer con ela, pero tendo claro que xa non a queremos, o sapoconcho alóctono é ceibado no primeiro lugar que nos convén.

Foi xa nos anos 80 do pasado século cando a tenencia de sapoconchos exóticos se puxo de moda no noso país. Daquela a especie máis comercializada era o sapoconcho de orellas vermellas ou da Florida (Trachemys scripta elegans), subespecie de orixe Norteamericana e criada masivamente en granxas no sur de USA con destino ao mercado internacional de mascotas exóticas. Tempo despois, debido aos primeiros episodios de solta de mascotas no medio natural, e comprobado o carácter invasor da especie e a súa competencia coas especies autóctonas de sapoconchos, prohíbese o comercio desta subespecie na UE. Lonxe de solucionar o problema, este feito provoca a tomización do mercado de sapoconchos exóticos e prodúcese unha multiplicación do número de especies comercializadas nas tendas de mascotas das máis diversas orixes , algunhas delas próximas ao sapoconcho de orellas vermellas, e outras completamente diferentes, pero a maioría adaptadas á auga fría e con posibilidades de convertirse co tempo nunha especie invasora máis, como ao final ocorreu. Nestas imaxes exemplares de Trachemys scripta elegans naturalizadas nos arredores da cidade de Ourense.





Ao mesmo tempo, a falla de sensibilidade ambiental por parte de moitas das administracións implicadas nesta problemática, deixa en mans de asociacións e particulares con escasos recursos económicos a recollida de especies alóctonas no medio natural e en fogares particulares, aumentando polo tanto a incidencia do problema. En Galicia, no que a insensibilidade á problemática ambiental da nazón é un mal endémico dos nosos sucesivos gobernos postfranquistas, a nula visualización da problemática dos sapoconchos autóctonos galegos por parte da administración fai que a día de hoxe a presenza de sapoconchos xenuínamente galegos sexa ignorada por unha gran parte da poboación, e é ben sabido que é moi dificil protexer aquilo que non se coñece. Así e todo hai xente que coñece a existencia de "reservas de sapoconchos ou tartarugas" en Galicia. Ben vaiamos por partes...que diría Jack...

En Galicia existe unha especie autóctona de sapoconcho en grave perigo de desaparición, o sapoconcho europeo (Emys orbicularis), que conta na actualidade con tres poboacións reproductoras coñecidas, duas en Ourense (Areeiras de San Cristobo, na cunca do río Avia e a cunca do río Arnoia) e unha en Pontevedra, (Gándaras de Budiño, O Porriño). As Gándaras de Budiño é o único espazo protexido de Pontevedra que conta coa presenza da especie, este feito fai que exista xente que considere ás Gándaras unha "reserva de tartarugas", en primeiro lugar as Gándaras de Budiño acubillan non só sapoconchos, senon tamén un bon número de valores naturais, coma varias especies reproductoras de aves, anfibios e hábitats singulares coma a ripisilva do río Louro ou as turbeiras ou brañas. É polo tanto un espazo protexido incluído dentro da Rede Natura 2000, para conservar os seus valores naturais, e non un refuxio onde ir botar as mascotas que xa non queremos. Existe asemade unha poboación da especies provinte dunha reintroducción no Parque Natural de Corrubedo (A Coruña), e citas ailladas noutros puntos da comunidade que poderían indicar a supervivencia de poboacións relictas descoñecidas en Galicia. Nas seguintes imaxes un sapoconcho europeo (Emys orbicularis) ourensán.




Por outra banda temos a un dos misterios faunísticos do noroeste ibérico o sapoconcho leproso (Mauremys leprosa), esta especie de tendencia termófila é un dos sapoconchos autóctonos da Península, as súas poboacións galegas, algunhas delas reproductoras, son consideradas producto de sucesivas traslocacións provintes do mercado de mascotas. No veciño Portugal tódalas súas poboacións son consideradas autóctonas e fican protexidas coma tal. prodúcese así unha curiosa contrariedade cando na cunca do río Miño a especie é considerada autóctona ou alóctona segundo nos atopemos na marxe esquerda ou dereita do mesmo. Existen autores que consideran ao sapoconcho leproso (Mauremys leprosa) unha especie xenuinamente galaica. Esta especie aparece extendida por un considerable número de hábitats acuáticos do Sur de Galicia. Nas imaxes sapoconchos leprosos pontevedreses.







Unha vez posta en práctica a prohibición. apareceron no mercado español unhas "primas chegadas" da tartaruga de orellas vermellas, a subespecie nominal desta especie Trachemys scripta scripta, unha vez ceibadas ambas, cando non xa nas granxas de orixe, hibridaron ambas, dando lugar á aparición nos ríos do país o que un colega denomina "cenleites" que non son outra cousa que híbridos de diferentes sub/especies do xénero Trachemys. Nas imaxes exemplares de Trachemys scripta híbridos fotografados en ríos do sur galaico.










A reproducción desta especie invasora no medio natural galego, xa foi confirmada hai tempo en algún punto coa observación de neonatos, como os das seguintes imaxes, fotografados en Ourense.





Outro dos lugares de ceiba máis frecuentemente utilizados son os estanques de parques e xardíns urbanos, como podedes comprobar nestas imaxes optidas nun parque urbano no centro da cidade asturiana de Oviedo.









A solta de exemplares de quelonios de especies exóticas no medio non é, como vedes, un feito aillado, senón un problema xeralizado, e para solucionalo precisa unha boa dose de traballo e vontade por parte de todos.

Agora vouvos ensinar un pequeno exemplo, na cidade de Vigo, onde existe un parque, Castrelos, que posúe un gran estanque con aves ornamentais e nenúfares, o ano pasado este charco foi desecado en plena época de cría de aves acuáticas (que tamén crían nel), unha vez valeirado e limpo os sapoconchos exóticos foron "supostamente" retirados e postos a bon recaudo. Un mes despois deste feito foron optidas as seguintes imaxes.





O Parque de Castrelos de Vigo (Pontevedra) está atravesado polo río Lagares, o río urbano da cidade, polo tanto a solta de exemplares neste entorno supón un perigo real para a naturalización e introducción no medio natural, nunha zona que si ben na actualidade está moi alterada, conta con testemuñas da presenza histórica de sapoconchos autóctonos na cunca deste río.

O problema en cuestión, que fai que a aparicións das máis diversas especies de sapoconchos foráneos sexa un feito frecuente na práctica totalidade dos hábitats acuáticos de auga doce do país, vese reflectido nas seguintes imaxes, optidas no mesmo lugar esta mesma semana. Nelas podedes observar un exemplar de Grathemys konhi, sapoconcho de orixe americana frecuente, e varios exemplares (7 observados en total) do xén. Trachemys.
















Dende Fauna da Gallaecia instamos á autoridade competente a que retirre tódolos exemplares de quelonios alóctonos ceibados neste e noutros parques urbanos e os deposite nos centros autorizados para tal fin,  polo risco que supoñen de chegar a formar poboacións invasoras no medio natural e polo "efecto chamada" que estes exemplares causan na poboación, que pode chegar a crer que ceibar sapoconchos é unha costume recomendábel. Asemede recomendamos a colocacións de paneis informativos correctamente redactados que acheguen información sobre esta problemática nos lugares de ceiba máis utilizados, e unha política de edicación ambiental ao restecto nos centros de ensinanza.

Agora chegou a hora de actuar e facer as recomendacións necesarias para tratar de soluciona-lo problema que supoñen os quelonios alóctonos. En primeiro lugar persar dúas veces se realmente precisamos ter unha mascota destas características, temos que saber que este tipo de animais medran, son lonxevos e o seu mantemento leva un tempo e un custo. Reflexionar profundamente sobre a mascota que queremos ou debemos ter sería sen dúbida un primeiro e máis que necesario paso.

Deberiamos pensar tamén, se realmente queremos un sapoconcho, se existe a necesidade real de mercalo, ou é mellor que acollamos algún dos moitos que neste momento están a pescudar un fogar en centros de recuperación, protectoras e refuxios de animais exóticos. Quizáis poderemos brindar un fogar a un animal que seguramente xa sexa adulto. Neste caso,unha vez na casa, deberiamos extremar as precaucións para que este non fuxa, xa que algúns dos exemplares que se atopan no medio natural, un pequeno poorcentaxe, son o resultado de fuxidas de animais cautivos.

En terceiro lugar, se temos un sapoconcho na casa, e polas razóns que sexan, xa non o queremos ter, NUNCA DEBEMOS CEIBAR O ANIMAL NO MEDIO NATURAL, este animal debe ser depositado nun ZOO, chamar ao SEPRONA para que se faga cargo del, depositalo nun centro de recuperación de fauna salvaxe, (Hai un por provincia), ou chamar a algunha das asociacións protectoras de animais domésticos, algunhas delas especializadas en especies exóticas, que nos axudarán e nos asesorarán nos pasos a seguir para actuar da maneira máis axeitada posíbel según o caso, xa que o protocolo de actuación varía segundo a especie que se trate e algunhas, ao estar inclúidas no catálogo de especies invasoras, teñen un protocolo específico a seguir, e, se queredes, escribídeme, estarei encantado de axudarvos en todo o que faga falla. De todos xeito se estades a ler isto, é por que tedes internet, unha poderosa ferramenta de información á vosa disposición, e sería tan sinxelo coma por no google "¿qué facer cun sapoconcho exótico?" para que as respostas aparezan na vosa pantalla...A tenencia responsábel de mascotas debería ser, dende xa, unha asignatura obrigatoria ou tema máis da asinatura de coñecemento do medio no noso sistema educativo.

Por último, non estaría de máis que os medios de comunicación amarilleasen algo esta problemática, en troques de estar a crear alarma coa presenza de especies autóctonas en certos lugares, que lonxe de ser un problema, é un orgullo. Os problemas reais do noso medio ambiente, están en ocasións, moi lonxe dos titulares que habitualmente protagonizan os nosos xornais.



domingo, 12 de junio de 2016

Escáncer comun (Anguis fragilis) a beleza dos momentos sinxelos

(...) "Tamén da á xente coma nós, á xente común e corrente, á xente sensible, palabras para expresar o fundamental do cotián que é o encontro e o desencontro do amor, da morte, o desexo, é dicer, as cousas pequeeas e esenciais da vida."- Hugo Gutierrez Vega (1934-2015)- Escritor e poeta mexicano.

En ocasións para observa-la beleza máis abraiante non temos máis que botar unha pequena ollada ao noso arredor, e darnos conta que no noso entorno máis inmediato, nos seres máis comúns, e incluso nos pequenos, podemos atopar ese instante inspirador que nos abstrae da dura realidade e nos transporta ao alén.

Hoxe ímonos achegar ao escáncer común (Anguis fragilis), un reptil ápodo de aspecto serpentiforme, que a pesares do seu aspecto, non está emparentado coas cobras, digamos, por resumir dalgún modo, que o escáncer común é, básicamente un lagarto sen patas. 




Totalmente inofensivo, trátase dunha das especies de herpetos máis beneficiosas para a agricultura e a xardinería, xa que basea a súa alimentación en gasterópodos, lesmas ou caracois, que poden danar os cultivos, é polo tanto un aliado do agricultor e o xardineiro. Debido aos seus hábitos é unha especie especialmente sensíbel aos pesticidas. Habitante da Iberia máis húmida, na Galiza atópase distribuido por todo o territorio, aínda que acada menores densidades nas bisbarras de maior influenza mediterránea, onde aparece asociado a medios húmidos, coma veigas, prados asulagadizos ou zonas pertos de cursos fluviais.







Os profundos cambios no medio ambiente galego, como as plantacións de eucaliptos, a roturacións de brañas e prados húmidos, os incendios forestais ou a desecación de zonas húmidas para a optención de terras de cultivo ou terreos urbanizables, teñen provocado a extinción local de certas poboacións en Galicia, especialmente en zonas urbanas, e nas provincias costeiras. Asemade sofre frecuentemente atropelos nas estradas e é habitualmente eliminado por ser confundido cunha serpe, (non esquezamos que tódolos anfibios e reptiles da Galiza están protexidos pola lei, incluídas as cobras, e polo tanto, deben ser respetados).

A pesares destes episodios, o escáncer común segue a ser unha especie frecuente en Galicia, especialmente en bisbarras coma A Limia, en Ourense, ou a Terra Cha, en Lugo.

Nas imaxes achégovos un fermoso indivíduo desta especie atopado no concello limiao de Rairiz de Veiga (Ourense) o pasado día 5 de xuño de 2016. Nesta ocasión trátase dun exemplar xuvenil, probablemente nado en datas recentes. Os exemplares novos desta especie posúen unha librea característica composta por duas liñas paralelas dorsais douradas ou amarelentas e tons negras no ventre e rostro. Un instante de extrema beleza que se reflicte nun ser de escasos centímetros que seguramente pasa desapercibido para a maioría das persoas que se cruzan con él.







sábado, 11 de junio de 2016

O sardón (Timon lepidus) o lagarto arnal a carón do Miño pontevedrés.

Sardón é un vernáculo utilizado para denominar ao lagarto arnal ou arnao (Timon lepidus) en certos puntos do Baixo Miño, este vernáculo é similar ao portugués sardão. O sardón é o maior lacértido da Gallaecia, e está amplamente distribuido pola nosa terra. En castelán recibe o nome de "lagarto ocelado" debido ás pintas azuis (ocelos) que a especie posúe nos costados. A cor xeral do corpo é verde.




Sendo o lagarto arnal un dos maiores réptiles da Galiza, e sendo como é esta terra propicia para al lendas e as hsitorias fascinantes, non nos sorprende nada que o lagarto teña no maxín popular un papel protagonista.  Popularmente o lagarto ven sendo asociado á figura masculina e a cobra á feminina, pola contra o lagarto ten sido secularmente considerado coma un inimigo das mulleres, con un bon número de lendas que tratan de demostrar a inquina que este réptil ten ao sexo feminino, sendo definido casi coma un animal misóxino. Nin que dicir ten que este tipo de crenzas carecen de calquera fundamento real. Asemade existe a crenza de que lagartos e cobras (homes vs mulleres) protagonizan un secular enfrontamento.

En certos lugares crese tamén que o lagarto amosa a presenza das cobras para que os homes as maten, de feito asegúrase que o feito de que o lagarto levante a cabeza cando está a asolearse é indicativo da presenza dun ofidio nas cercanías. Na Limia (Ourense) dise que cando se ve un lagarto a cobra non anda lonxe. este aparente enfrontamento entre lagartos e ofidios fai que en algúns puntos da xeografía galaica o lagarto fose un animal certamente apreciado.

O lagarto aparece tamén reflexado no refraneiro popular do país, un exemplo sería "En marzo saca a cabeza o lagarto, i en abril saca o resto".






O lagarto arnal é unha especie protexida no noso país coma todas as especies de herpetos, polo que a súa morte está penada pola lei, a pesares desta protección os lagartos poden chegar a ser eliminados a causa do medo que este grupo e vertebrados produce en cretas persoas. Asemade tamén ten sufrido os profundos cambios na paisaxe galaica, coma a eliminación sistemática dos muros de pedra, a plantación indiscriminada de monocultivos forestais, os atropelos nas estradas, as concentracións parcelarias, etc, etc.

Nas imaxes un sardón, fotografado no sur da provincia de Pontevedra en datas recentes, en actitude defensiva, coa cabeza erguida e a boca aberta. Os lagartos son totalmente inofensivos para o home, e escapan á menor oportunidade.







jueves, 9 de junio de 2016

Escáncer ibérico (Chalcides bedriagai) o pequeno gran tesouro herpetolóxico galaico.

Contadas son as bibarras galaicas que contan coa sorte de ter entre os seus habitantes ao escáncer ibérico (Chalcides bedriagai), un dos réptiles de máis escasa distribución da nosa terra e, asemade, un dos menos coñecidos.






Co nome xenérico de escáncer, esgonzo, liscancro, escouparón ou liscáncer son coñecidos en diferentes puntos da Galiza aos réptiles similares a lagartos ou lagartixas de aspecto serpentiforme sen patas (ápodos) ou con extremidades moi reducidas dos xéneros Anguis, Chalcides ou Blanus. De todos eles o que ten menor tamaño e as extremidades máis desenroladas é o escárcer ibérico (Chalcides bedriagai) un endemismo da Península Ibérica como o seu propio nome indica.

O escáncer ibérico ten dous focos de distribución ben diferenciados na Galiza, un achegado á costa e asociado a areais costeiros ben conservados das provincias de Pontevedra e A Coruña. E outro no interior asociado a grandes depresións de maior influenza mediterránea da provincia de Ourense, asociado a áreas de mato mediterráneo arraigado sobre sustratos máis ou menos soltos.






A bisbarra de Monterrei, nos vales fluviais dos afluentes galegos do río Douro, é un dos puntos de maior densidade poboacional da especie na nosa comunidade, que ten ao escáncer ibérico incluído dentro do Catálogo Galego de Especies Ameazadas debido á súa escasa presenza en Galicia. 









Entre as principais ameazas ás que esta especie se enfronta á especie está a urbanización e destrucións dos areais costeiros para as poboacións litorais e os reiterados incendios forestais no caso das poboacións interiores. Estas últimas teñen que brear en ocasións coa intención de construir certas infraestructuras que ameazan con destruir as algunhas das súas escasas poboacións no entorno da cidade de Ourense.









Nas imaxes aparecen varios exemplares fotografados recentemente no concello tamagano de Oimbra, un dos paraísos herpetolóxicos galaicos.