(...) "Tamén da á xente coma nós, á xente común e corrente, á xente sensible, palabras para expresar o fundamental do cotián
que é o encontro e o desencontro do amor, da morte, o desexo, é dicer, as cousas pequeeas e esenciais da vida."- Hugo Gutierrez Vega (1934-2015)- Escritor e poeta mexicano.
En ocasións para observa-la beleza máis abraiante non temos máis que botar unha pequena ollada ao noso arredor, e darnos conta que no noso entorno máis inmediato, nos seres máis comúns, e incluso nos pequenos, podemos atopar ese instante inspirador que nos abstrae da dura realidade e nos transporta ao alén.
Hoxe ímonos achegar ao escáncer común (Anguis fragilis), un reptil ápodo de aspecto serpentiforme, que a pesares do seu aspecto, non está emparentado coas cobras, digamos, por resumir dalgún modo, que o escáncer común é, básicamente un lagarto sen patas.
Totalmente inofensivo, trátase dunha das especies de herpetos máis beneficiosas para a agricultura e a xardinería, xa que basea a súa alimentación en gasterópodos, lesmas ou caracois, que poden danar os cultivos, é polo tanto un aliado do agricultor e o xardineiro. Debido aos seus hábitos é unha especie especialmente sensíbel aos pesticidas. Habitante da Iberia máis húmida, na Galiza atópase distribuido por todo o territorio, aínda que acada menores densidades nas bisbarras de maior influenza mediterránea, onde aparece asociado a medios húmidos, coma veigas, prados asulagadizos ou zonas pertos de cursos fluviais.
Os profundos cambios no medio ambiente galego, como as plantacións de eucaliptos, a roturacións de brañas e prados húmidos, os incendios forestais ou a desecación de zonas húmidas para a optención de terras de cultivo ou terreos urbanizables, teñen provocado a extinción local de certas poboacións en Galicia, especialmente en zonas urbanas, e nas provincias costeiras. Asemade sofre frecuentemente atropelos nas estradas e é habitualmente eliminado por ser confundido cunha serpe, (non esquezamos que tódolos anfibios e reptiles da Galiza están protexidos pola lei, incluídas as cobras, e polo tanto, deben ser respetados).
A pesares destes episodios, o escáncer común segue a ser unha especie frecuente en Galicia, especialmente en bisbarras coma A Limia, en Ourense, ou a Terra Cha, en Lugo.
Nas imaxes achégovos un fermoso indivíduo desta especie atopado no concello limiao de Rairiz de Veiga (Ourense) o pasado día 5 de xuño de 2016. Nesta ocasión trátase dun exemplar xuvenil, probablemente nado en datas recentes. Os exemplares novos desta especie posúen unha librea característica composta por duas liñas paralelas dorsais douradas ou amarelentas e tons negras no ventre e rostro. Un instante de extrema beleza que se reflicte nun ser de escasos centímetros que seguramente pasa desapercibido para a maioría das persoas que se cruzan con él.
No hay comentarios:
Publicar un comentario