sábado, 9 de abril de 2016

Limpafontes palmado, pequeno habitante das augas da Gallaecia.

Augas galegas están cheas de vida, e os galegos nunca foron alleos a este feito, as nosas augas sempre estiveron habitadas por seres máxicos, míticos e sagrados, aos que os habitantes da Gallaecia ofrecían agasallos e ofrendas para mantelos contentos e sosegados. Este feito non era do agrado dos priimeiros bispos cristiáns, que condenaron este feito deixando documentos escritos que describían este feito.

Co paso dos séculos, excepto contadas ocasións coma o bautismo, as augas ceibes e naturais, van perdendo ese carácter sacro, e polo tanto o respeito á súa correcta conservación. A merma da calidade das augas dos dezmil ríos e fontes que se reparten pola xeografía galaica, foise facendo patente, e con ela a necesidade de precisar bioindicadores para testar a potabilidade da auga. 

Os anfibios, cuia vida transcurre a cabalo entre o meio terrestre e acuático, son quizáis un dos grupos faunísticos máis sensibles á calidade da auga, e este feito non pasou desapercibido, tampouco o feito de que certas especies son máis sensibles que outras á contaminación, coma é o caso dos urodelos, que son aqueles anfibios que posúen cauda. 

Na nosa terra galega temos rexistrada a presenza de cinco especies de urodelos, sendo os denominados gardafontes, os que gozan de maior sona popular coma bioindicadores, algo que non deixa de ser sorprendente tendo en conta a repulsión que os herpetos en xeral soen causar na poboación.

Os denominados gardafontes, limpafontes ou pintafontes (coñecidos en castelán co nome de "tritones"), son considerados nos pobos de Galicia coma salvagardas da potabilidade das augas, posuíndo incluso, segundo o lendario popular, o poder de transformar en potables aquelas augas que non o son, de ahí o seu nome.

En Galicia habitan tres especies de gardafontes ou limpafontes, o verde (Triturus marmoratus), de gran tamaño de cor verde e negra, o común (Lissotriton boscai), endémico do candrante occidental ibérico, de pequeno tamaño e o ventre laranxa, e o palmado (Lissotriton heveticus), de pequeno tamaño, do que falaremos hoxe.

O gardafontes palmado (Lissotriton helveticus), é un pequeno anfibio urodelo de apenas dez centímetros de lonxitude, de cor crema con pintas máis escuras, recoñecerédelo por posuír unha especie de mancha negra a modo de antiface arredor da zona ocular, un fiamento caudal na punta do rabo, e palmaduras moi desenroladas nas extremidades posteriores, características todas elas dos machos da especie. No caso das femias as cores soen ser máis uniformes, carecen das palmaduras das patras traseiras, e son un pouco maiore que os machos, en ambos sexos o ventre é de cor amarelenta.

De ampla distribución Europea, na Península Ibérica preséntase exclusivamente na metade Norte. En Galicia aparece en tódalas provincias, aínda que na de Ourense a distribución soe ser bastante localizada, a diferencia das provincias costeiras, onde aparece de maneira máis xeneralizada. Aparece frecuentemente asociado a zonas de brañas ou turbeiras, aínda que tamén pode presentarse en outro tipo de hábitats acuáticos.

Posúe dúas fases, unha terrestre, na que a pel ten un aspecto amarelento e atrciopelado, e unha reproductora e acuática, na que os machos desenrolan pequenas cristas dorsais e o filamento caudal, e na que ambos sexos aparecen cunha pel esbaradía.

Nas imaxes poderedes apreciar varios exemplares fotografados en diferentes puntos da provincia de Pontevedra durante os tres primeiros meses deste ano 2016, agardo sexan do voso agrado.






1 comentario:

  1. Parabéns por este estupendo blog con entradas tan interesantes, e grazas

    ResponderEliminar