sábado, 28 de mayo de 2016

A cobra rateira, tralos lendarios réptiles da Gallaecia.

Houbo un tempo lonxano, no que as cobras, os ofidios galegos, eran adorados coma emisarios dos deuses do olimpo galaico, e temos sobradas probas da nosa anterga historia grabadas nos penedos da nosa terra en forma de petroglifos. Lonxe fican esos tempos de sagrados ofidios, xa que coa chegada das novas crenzas e o mito de Adan e Eva, as serpes comezaron a ser asociadas co maligno e, en consecuencia, perseguidas, ignorando o seu indispensábel e beneficioso papel no ecosistema.

O maior dos ofidios das terras peninsulares é a cobra rateira ou cobregón (Malpolon monspessulanus), unha serpe que pode superar os dous metros de lonxitude, pero que habitualmente é de menor tamaño. Réptil termófilo, la Galiza atopámolo nas provincias de Pontevedra e Ourense, e o Sur das Provincias de Lugo e A Coruña. 

O seu tamaño e o seu marcado carácter, fai desta especie unha das máis perseguidas e temidas, coma outros dos grandes depredadores dos nosos ecosistemas, a pesares de que a súa dieta, basada na predación de micromamíferos principalmente, fai dela unha das especies máis beneficiosas para o control natural da poboacións de roedores, que poden supor un perxuizo para a agricultura, sendo polo tanto un valioso aliado do agro.

Nas imaxes podedes apreciar un macho de tamaño consideráble, aproximadamente 1.60 m., atopado no Sur da provincia de Pontevedra en datas recentes. A cobra rateira amosa un marcado dimorfismo sexual, sendo os machos, en xeral, de maior tamaño que as femias, de cores averdezadas uniformes, cunha mancha no primeiro terzo do corpo, de cor escura, denominada "silla de montar". As femias soen ser moteadas, patrón que tamén mostran unha alta porcentaxe dos xuveniles.

Na primavera, os machos soen amosar unha alta movilidade na pescuda das femias para a reprodución, momento no que son especialmente sensíbles aos atropelos nas estradas, sendo unha das especies de ofidios que máis frecuentemente atopamos morta nas estradas por esta causa. Asemade, esta e outras especies de réptiles poden usar a capacidade calorífica do negro asfalto, para asolearse máis eficientemente, o que asemade, aumenta o número de atropelos nas estradas.





















No hay comentarios:

Publicar un comentario