sábado, 11 de junio de 2016

O sardón (Timon lepidus) o lagarto arnal a carón do Miño pontevedrés.

Sardón é un vernáculo utilizado para denominar ao lagarto arnal ou arnao (Timon lepidus) en certos puntos do Baixo Miño, este vernáculo é similar ao portugués sardão. O sardón é o maior lacértido da Gallaecia, e está amplamente distribuido pola nosa terra. En castelán recibe o nome de "lagarto ocelado" debido ás pintas azuis (ocelos) que a especie posúe nos costados. A cor xeral do corpo é verde.




Sendo o lagarto arnal un dos maiores réptiles da Galiza, e sendo como é esta terra propicia para al lendas e as hsitorias fascinantes, non nos sorprende nada que o lagarto teña no maxín popular un papel protagonista.  Popularmente o lagarto ven sendo asociado á figura masculina e a cobra á feminina, pola contra o lagarto ten sido secularmente considerado coma un inimigo das mulleres, con un bon número de lendas que tratan de demostrar a inquina que este réptil ten ao sexo feminino, sendo definido casi coma un animal misóxino. Nin que dicir ten que este tipo de crenzas carecen de calquera fundamento real. Asemade existe a crenza de que lagartos e cobras (homes vs mulleres) protagonizan un secular enfrontamento.

En certos lugares crese tamén que o lagarto amosa a presenza das cobras para que os homes as maten, de feito asegúrase que o feito de que o lagarto levante a cabeza cando está a asolearse é indicativo da presenza dun ofidio nas cercanías. Na Limia (Ourense) dise que cando se ve un lagarto a cobra non anda lonxe. este aparente enfrontamento entre lagartos e ofidios fai que en algúns puntos da xeografía galaica o lagarto fose un animal certamente apreciado.

O lagarto aparece tamén reflexado no refraneiro popular do país, un exemplo sería "En marzo saca a cabeza o lagarto, i en abril saca o resto".






O lagarto arnal é unha especie protexida no noso país coma todas as especies de herpetos, polo que a súa morte está penada pola lei, a pesares desta protección os lagartos poden chegar a ser eliminados a causa do medo que este grupo e vertebrados produce en cretas persoas. Asemade tamén ten sufrido os profundos cambios na paisaxe galaica, coma a eliminación sistemática dos muros de pedra, a plantación indiscriminada de monocultivos forestais, os atropelos nas estradas, as concentracións parcelarias, etc, etc.

Nas imaxes un sardón, fotografado no sur da provincia de Pontevedra en datas recentes, en actitude defensiva, coa cabeza erguida e a boca aberta. Os lagartos son totalmente inofensivos para o home, e escapan á menor oportunidade.







No hay comentarios:

Publicar un comentario