martes, 26 de abril de 2016

Galicia, unha nación de osos, un país de ursos!: O oso de Boborás


Visto o visto e  as declaracións aportadas creo, e seguro que non me equivoco, que fai falla comezar a facer pedagoxía oseira, por que me parece que a xente está moi mal informada.



En primeiro lugar, os osos máis cercanos a Galicia non son os osos dos Ancares leoneses, son os osos galegos que viven e se reproducen nos Ancares e no Caurel (provincia de Lugo) cando menos dende o comezo do século XXI.

Imos a facer un pouco de historia, non moita por que hoxe prefiro falar do presente e do futuro do oso e non do pasado. Se unímo-las referencias históricas escritas de presenza de oso pardo na Galiza obteremos unha información valiosa pero claramente insuficiente, xa que a Galiza non é rica en patrimonio escrito. Pero si a esta información lle engadimos a distribución das alvarizas (construcción circular de pedra para protexe-las colmeas dos ataques do oso) entón teremos unha información moito maís completa. Que nos amosa que o oso habitou tanto as zonas altas e baixas do país, dende o Barbanza até Lugo pasando por Santiago de Compostela. É dicer, no momento máis óptimo e amplo da súa distribución histórica o urso habitaba gran parte da Galiza e pescaba salmóns nos ríos Miño e Sil. A toponimia, asemade, tamén nos amosa un escenario similar, con rios, montes e parroquias advocadas ao sacrosanto nome do deus oso. (Oseira, Valdoso, Fonte do oso, río Ursaria, Folgoso..., por moito que se intenten castelanizar Vadoso non é el Valle de los Huesos, se non o Valle de los Osos)

A idea de que o oso pardo é un animal de montaña e non pode vivir en zonas baixas é TOTALMENTE ERRÓNEA. O feito de que hoxe en día os ursos se refuxiasen en zonas montañosas débese á persecución directa por parte do home mediante a caza e o envelenamento. Que fixo que se acantonase nos lugares máis recónditos e menos poboados da xeografía. Crédeme, se os Pirineos e a cordilleira Cantábrica non tivesen a orografía que teñen onde vai xa que en España non quedaría oso ningún (e aínda así onde case acaban con eles igualmente).



Ben, falemos agora dos osos ou ursos galaicos e a súa problemática. En primeiro lugar o urso é unha especie en perigo de extinción, como tal a súa mera presencia ten consecuencias, xa que a lei obriga a protexe-lo hábitat da especie, esta é a razón pola que á nosa administración lle costa admitir que hai osos en Galicia, e sempre din o mesmo, os osos galegos son exemplares dispersantes dende Asturias ou León, algo que é totalmente falso. En segundo lugar están os malditos cartos (desculpade pero hoxe estou algo cabreado), existen unha serie de chupatintas cobrando subencións á conta do oso baixo as siglas "ecoloxistas", aos que non lles convén nadiña que o oso se escape de determinadas comunidades autónomas. Así, esta paradóxica situación xeopolítica dos osos desemboca, irremediablemente, nunha xestión pesíma da especie, que implica que a presenza do oso non marque a súa distribución oficial nos mapas. Esta distribución OFICIAL a marcan as osas reproductoras (eminentemente sedentarias), e non todas, xa que ver unha osa con crías nos Ancares ou no Caurel non implica que o oso se reproduza na Galiza, senón que as osas foden e pairen en Asturias "Paraiso Natural", e veñen depois bate-la chanca a Galiza por que sonche unhas caprichosas. Esta contradicción sería parella a protexer a área de cría dunha especie migradora e non protexe-los seus cuarteis de invernada. O urso, como a maior parte dos grandes carnívoros, no é unha especie sedentaria, e as súas dispersións abranguen até 400 ou máis kilómetros nun ano, estas dispersións son realizadas polos albares (oseznos) despois de independizarse da nai, pero tamén polos osos machos adultos, que exploran grandes territorios na pescuda das femias. De feito nos libros de montaría medievais xa se fala deste feito, definindo cuais eran vos cotos para cazar osos en inverno, cuais en verán, e cuais tiñan osos todo o ano. Quen lles ía dicir a aqueles que aseguraban que os lobos impedirían a dispersión dos osos que éstes últimos dispersarían até as portas mesmas de Lugo xustamente hacia os lobos en troques de internarse nas terras libres deles...

Ben, tendo en conta que os osos se reproducen nas montañas orientais de Lugo dende hai xa case vinte anos, é lóxico e normal que os albares percorran cada día máis terreo galaico, así xa no ano 2002 se detecta e fotografía un rastro de oso nunha lagoa de Pena Trevinca, en 2006 se graba un oso atacando unhas colmeas en Enciña da Lastra (Rubiá-Ourense), onde a presenza estacional de osos ten sido constante dende entón. Chegados a este punto (Rubiá) os oso poden coller dous camiños, dispersar hacia o oeste, pola Ribeira Sacra (como o que foi grabado o pasado día 22 de abril en Ribas de Sil), ou cruza-lo Sil (vouvos dicir un segredo os ursos saben nadar, e os ríos non son un impedimento para a súa dispersión). Unha vez cruzado o Sil, o urso ten perante sí unha das zonas con menor desidade poboacional de toda a Iberia, o Macizo Central Ourensán e Trevinca, onde os ataques a colmeas e avistamentos van dende a mesma Pena Trevinca até a Serra de San Mamede. Onde se reportaron ataques a colmeas nos derradeiros tempos nos concellos ourensáns de O Bolo, A Veiga, A Gudiña e Vilar de Barrio. Ollo, os osos que chegan ao Macizo Central Ourensán non teñen que ser todos galaicos xa que existe unha poboación reproductora en Zamora non recoñecida oficialmente (como sempre) que soe dispersar hacia Sanabria.



Ben, sigamos, por moi incribel que pareza, un oso, novo e na pescuda de ver mundo, pode perfectamente chegar en dous días dende Ribas de Sil á serra do Candán pasando polos Peares, ben pola presa, ou ben nadando. Pero non moito, xa que nestes días se estivo valeirando esa zona do río Miño  sen respeitar o caudal ecolóxico do mesmo. O de que hai unha vía do tren no medio non o vou nin a comentar, xa que si son eu capaz de cruzala supoño que un oso non á ter maior problema, excepto se o pilla o tren, xa que esa vía non é a do AVE (que si pode supor unha barreira xeográfica importante) senón a de Monforte. Evidentemente o AVE pasa por Boborás, pero ten túneles na zona polos que un oso pode cruzar sen problema. Xa digo, que a nova de que un oso chega a un pobo recóndito de 25 habitantes de Boborás, pode ou non ser certa, pero é totalmente posible dende logo, e dende logo non é un oso na porta da igrexa da Vera Cruz do Carballiño. Facendo memoria, perto de esa zona se reprotou a observación dun oso á que non se lle deu crédito e se asumiu coma un erro de identificación ou un escape dun circo (exactamente igual que agora).

Agora, en pleno século XXI, perante á máis que evidente recuperación do oso pardo na Península, e perante á inacción da nosa administración, debemos tomar as medidas preventivas pertinentes.

En primeiro lugar, invito, encarecidamente aos veciños e veciñas da zona a que saian da casa a pasear sen problema. En Asturias, onde hai dende logo máis osos que en Boborás, non se reportan ataques a persoas nin a camiñantes desvalidos, xa que o oso se TÍ NON LLE FAS NADA él pasa de tí, coma calquera animal vamos.

En segundo lugar, a alimentación do oso pardo, até nun 70% de orixe vexetal, ten escasa incidencia na gandeiría, a principal incidencia está nas colmeas, ás que ataca xa que lle gusta moito o mel. A solución esto é fácil e a temos dende hai séculos, as alvarizas, se vemos que non queremos reconstruir ou construir alvarizas, temos unha solución bastante barata, a colocación dun cable pastor arredor das colmeas. Dende logo é moito máis interesante invertir en prevención que estár a indemnizar os ataques, xa que estamos a actuar en positivo.

En terceiro lugar está a construcción indiscriminada de infraestructuras con cero inversión en pasos para fauna. Temos claros exemplos na liña de AVE que cruza o Macizo Central, na autovía A-52 e na futura A-76, que pretende cruzala Ribeira Sacra e Enciña da Lastra, e que poden impedir a recuperación das poboacións históricas do oso a partires das xa existentes. Polo tanto, se os portugueses queren osos creo que imos ter que comezar a construir pasos de fauna nas autovías.

Chegados a este punto vouvos contar unha pequena anécdota, hai un tempo foi publicada unha foto dun oso pardo nunha lagoa do Parque Nacional da Peneda-Gêres, en pouco tempo a nova deu a volta a Portugal e parte do extranxeiro e comezaron as ameazas, que se ían tomalas medidas pertinentes (evidentemente ilegais), para impedi-la presenza do oso da zona (en todas partes cocen fabas), pouco tempo depois sóubose que o oso en cuestión era un oso cativo que fora usado na zona para grabar unha documental, pero a proba serviu para testar como a presenza da especie na zona non ía ser ben recibida.

Evidentemente os carnívoros non son ben recibidos en moitas partes, e soen causar alarma social pola ignorancia que en xeral se ten dos mesmos, e polas escasas medidas preventivas que se poñen en marcha. Unha proba delo é a aparición de cebos envelenados na zona na se se publicou que chegara un lince ibérico a Ourense. Queda moito mellor cobrar danos e perxuizos e, ao paga-lo,s ir gañando votos depaso. Xa veredes que pouco tarda en desaparecer o oso vítima do veleno, dun cepo ou similar, por que esta nosa terra é así, pero aínda temos tempo de cambia-la e facer ver que unha terra chea de vida é unha terra máis rica, e unha terra morta, ademáis de ser unha tristeza, non deixa de xerar pobreza. Abride as portas á vida e por elas han cruzar aqueles que a anelan para observala, e eles durmirán nos nosos hoteis, e han comer os produtos da nosa terra, abride as portas á vida e abriredes tamén o corazón, pero, sobre todo, abriredes os ollos, e descubriredes que unha mentira mil veces repetida non é unha verdá, senón unha GRAN MENTIRA.

Por último, este tipo de novas demostran unha cousa, que moitas veces non é preciso reintroducir ou controlar nada, senón deixar que a natureza siga o seu camiño NATURALMENTE, sen impedimentos, moito máis barato e moito máis efectivo...

1 comentario: