martes, 14 de junio de 2016

Mascotas nos ríos galaicos, sapoconchos alóctonos invaden a Gallaecia.

A historia non é nova, e repítese coma un mantra dende hai anos: unha persoa merca unha tartaruga pequena a moi baixo prezo, a tartaruga medra, e sin saber moi ben que facer con ela, pero tendo claro que xa non a queremos, o sapoconcho alóctono é ceibado no primeiro lugar que nos convén.

Foi xa nos anos 80 do pasado século cando a tenencia de sapoconchos exóticos se puxo de moda no noso país. Daquela a especie máis comercializada era o sapoconcho de orellas vermellas ou da Florida (Trachemys scripta elegans), subespecie de orixe Norteamericana e criada masivamente en granxas no sur de USA con destino ao mercado internacional de mascotas exóticas. Tempo despois, debido aos primeiros episodios de solta de mascotas no medio natural, e comprobado o carácter invasor da especie e a súa competencia coas especies autóctonas de sapoconchos, prohíbese o comercio desta subespecie na UE. Lonxe de solucionar o problema, este feito provoca a tomización do mercado de sapoconchos exóticos e prodúcese unha multiplicación do número de especies comercializadas nas tendas de mascotas das máis diversas orixes , algunhas delas próximas ao sapoconcho de orellas vermellas, e outras completamente diferentes, pero a maioría adaptadas á auga fría e con posibilidades de convertirse co tempo nunha especie invasora máis, como ao final ocorreu. Nestas imaxes exemplares de Trachemys scripta elegans naturalizadas nos arredores da cidade de Ourense.





Ao mesmo tempo, a falla de sensibilidade ambiental por parte de moitas das administracións implicadas nesta problemática, deixa en mans de asociacións e particulares con escasos recursos económicos a recollida de especies alóctonas no medio natural e en fogares particulares, aumentando polo tanto a incidencia do problema. En Galicia, no que a insensibilidade á problemática ambiental da nazón é un mal endémico dos nosos sucesivos gobernos postfranquistas, a nula visualización da problemática dos sapoconchos autóctonos galegos por parte da administración fai que a día de hoxe a presenza de sapoconchos xenuínamente galegos sexa ignorada por unha gran parte da poboación, e é ben sabido que é moi dificil protexer aquilo que non se coñece. Así e todo hai xente que coñece a existencia de "reservas de sapoconchos ou tartarugas" en Galicia. Ben vaiamos por partes...que diría Jack...

En Galicia existe unha especie autóctona de sapoconcho en grave perigo de desaparición, o sapoconcho europeo (Emys orbicularis), que conta na actualidade con tres poboacións reproductoras coñecidas, duas en Ourense (Areeiras de San Cristobo, na cunca do río Avia e a cunca do río Arnoia) e unha en Pontevedra, (Gándaras de Budiño, O Porriño). As Gándaras de Budiño é o único espazo protexido de Pontevedra que conta coa presenza da especie, este feito fai que exista xente que considere ás Gándaras unha "reserva de tartarugas", en primeiro lugar as Gándaras de Budiño acubillan non só sapoconchos, senon tamén un bon número de valores naturais, coma varias especies reproductoras de aves, anfibios e hábitats singulares coma a ripisilva do río Louro ou as turbeiras ou brañas. É polo tanto un espazo protexido incluído dentro da Rede Natura 2000, para conservar os seus valores naturais, e non un refuxio onde ir botar as mascotas que xa non queremos. Existe asemade unha poboación da especies provinte dunha reintroducción no Parque Natural de Corrubedo (A Coruña), e citas ailladas noutros puntos da comunidade que poderían indicar a supervivencia de poboacións relictas descoñecidas en Galicia. Nas seguintes imaxes un sapoconcho europeo (Emys orbicularis) ourensán.




Por outra banda temos a un dos misterios faunísticos do noroeste ibérico o sapoconcho leproso (Mauremys leprosa), esta especie de tendencia termófila é un dos sapoconchos autóctonos da Península, as súas poboacións galegas, algunhas delas reproductoras, son consideradas producto de sucesivas traslocacións provintes do mercado de mascotas. No veciño Portugal tódalas súas poboacións son consideradas autóctonas e fican protexidas coma tal. prodúcese así unha curiosa contrariedade cando na cunca do río Miño a especie é considerada autóctona ou alóctona segundo nos atopemos na marxe esquerda ou dereita do mesmo. Existen autores que consideran ao sapoconcho leproso (Mauremys leprosa) unha especie xenuinamente galaica. Esta especie aparece extendida por un considerable número de hábitats acuáticos do Sur de Galicia. Nas imaxes sapoconchos leprosos pontevedreses.







Unha vez posta en práctica a prohibición. apareceron no mercado español unhas "primas chegadas" da tartaruga de orellas vermellas, a subespecie nominal desta especie Trachemys scripta scripta, unha vez ceibadas ambas, cando non xa nas granxas de orixe, hibridaron ambas, dando lugar á aparición nos ríos do país o que un colega denomina "cenleites" que non son outra cousa que híbridos de diferentes sub/especies do xénero Trachemys. Nas imaxes exemplares de Trachemys scripta híbridos fotografados en ríos do sur galaico.










A reproducción desta especie invasora no medio natural galego, xa foi confirmada hai tempo en algún punto coa observación de neonatos, como os das seguintes imaxes, fotografados en Ourense.





Outro dos lugares de ceiba máis frecuentemente utilizados son os estanques de parques e xardíns urbanos, como podedes comprobar nestas imaxes optidas nun parque urbano no centro da cidade asturiana de Oviedo.









A solta de exemplares de quelonios de especies exóticas no medio non é, como vedes, un feito aillado, senón un problema xeralizado, e para solucionalo precisa unha boa dose de traballo e vontade por parte de todos.

Agora vouvos ensinar un pequeno exemplo, na cidade de Vigo, onde existe un parque, Castrelos, que posúe un gran estanque con aves ornamentais e nenúfares, o ano pasado este charco foi desecado en plena época de cría de aves acuáticas (que tamén crían nel), unha vez valeirado e limpo os sapoconchos exóticos foron "supostamente" retirados e postos a bon recaudo. Un mes despois deste feito foron optidas as seguintes imaxes.





O Parque de Castrelos de Vigo (Pontevedra) está atravesado polo río Lagares, o río urbano da cidade, polo tanto a solta de exemplares neste entorno supón un perigo real para a naturalización e introducción no medio natural, nunha zona que si ben na actualidade está moi alterada, conta con testemuñas da presenza histórica de sapoconchos autóctonos na cunca deste río.

O problema en cuestión, que fai que a aparicións das máis diversas especies de sapoconchos foráneos sexa un feito frecuente na práctica totalidade dos hábitats acuáticos de auga doce do país, vese reflectido nas seguintes imaxes, optidas no mesmo lugar esta mesma semana. Nelas podedes observar un exemplar de Grathemys konhi, sapoconcho de orixe americana frecuente, e varios exemplares (7 observados en total) do xén. Trachemys.
















Dende Fauna da Gallaecia instamos á autoridade competente a que retirre tódolos exemplares de quelonios alóctonos ceibados neste e noutros parques urbanos e os deposite nos centros autorizados para tal fin,  polo risco que supoñen de chegar a formar poboacións invasoras no medio natural e polo "efecto chamada" que estes exemplares causan na poboación, que pode chegar a crer que ceibar sapoconchos é unha costume recomendábel. Asemede recomendamos a colocacións de paneis informativos correctamente redactados que acheguen información sobre esta problemática nos lugares de ceiba máis utilizados, e unha política de edicación ambiental ao restecto nos centros de ensinanza.

Agora chegou a hora de actuar e facer as recomendacións necesarias para tratar de soluciona-lo problema que supoñen os quelonios alóctonos. En primeiro lugar persar dúas veces se realmente precisamos ter unha mascota destas características, temos que saber que este tipo de animais medran, son lonxevos e o seu mantemento leva un tempo e un custo. Reflexionar profundamente sobre a mascota que queremos ou debemos ter sería sen dúbida un primeiro e máis que necesario paso.

Deberiamos pensar tamén, se realmente queremos un sapoconcho, se existe a necesidade real de mercalo, ou é mellor que acollamos algún dos moitos que neste momento están a pescudar un fogar en centros de recuperación, protectoras e refuxios de animais exóticos. Quizáis poderemos brindar un fogar a un animal que seguramente xa sexa adulto. Neste caso,unha vez na casa, deberiamos extremar as precaucións para que este non fuxa, xa que algúns dos exemplares que se atopan no medio natural, un pequeno poorcentaxe, son o resultado de fuxidas de animais cautivos.

En terceiro lugar, se temos un sapoconcho na casa, e polas razóns que sexan, xa non o queremos ter, NUNCA DEBEMOS CEIBAR O ANIMAL NO MEDIO NATURAL, este animal debe ser depositado nun ZOO, chamar ao SEPRONA para que se faga cargo del, depositalo nun centro de recuperación de fauna salvaxe, (Hai un por provincia), ou chamar a algunha das asociacións protectoras de animais domésticos, algunhas delas especializadas en especies exóticas, que nos axudarán e nos asesorarán nos pasos a seguir para actuar da maneira máis axeitada posíbel según o caso, xa que o protocolo de actuación varía segundo a especie que se trate e algunhas, ao estar inclúidas no catálogo de especies invasoras, teñen un protocolo específico a seguir, e, se queredes, escribídeme, estarei encantado de axudarvos en todo o que faga falla. De todos xeito se estades a ler isto, é por que tedes internet, unha poderosa ferramenta de información á vosa disposición, e sería tan sinxelo coma por no google "¿qué facer cun sapoconcho exótico?" para que as respostas aparezan na vosa pantalla...A tenencia responsábel de mascotas debería ser, dende xa, unha asignatura obrigatoria ou tema máis da asinatura de coñecemento do medio no noso sistema educativo.

Por último, non estaría de máis que os medios de comunicación amarilleasen algo esta problemática, en troques de estar a crear alarma coa presenza de especies autóctonas en certos lugares, que lonxe de ser un problema, é un orgullo. Os problemas reais do noso medio ambiente, están en ocasións, moi lonxe dos titulares que habitualmente protagonizan os nosos xornais.



No hay comentarios:

Publicar un comentario