lunes, 29 de febrero de 2016

SOBRE A POSIBLE PRESENZA HISTÓRICA DA FOCA MONXE (MONACHUS MONACHUS) NAS COSTAS ATLÁNTICAS DA PENÍNSULA IBÉRICA.

"O misterio é a cousa máis fermosa que podemos experimentar. É a fonte de todo arte e ciencia verdadeiros"- Albert Einstein (1879-1955), físico alemán.


Como vimos de partillar recentemente, o estado de conservacións dos mamíferos mariños dista moito de ser o máis óptimo. O chamamento da CEMMA, Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, ante a falla de medios para o coidado dos mamíferos mariños atopados na costa galega, é un claro exemplo dunha das razóns desta triste realidade.

Hoxe ímonos achegar a un dos grupos máis misteriosos e menos coñecidos da fauna galega, os pinnípedos, é dicer as focas. Até o momento as cinco especies pinnípedos citados na costa galega pertencen á familia Phocidae.

As focas, tamén coñecidas coma lobos mariños, soen aparecer an Galicia durante o inverno. No caso do lobo mariño cincento (Halichoerus grypus), a especie máis frecuente por estas latitudes, a maior parte dos exemplares observados son xuveniles recén emancipados das colonias de cría situadas nas costas das illas Británicas e na Bretaña francesa. Con menor frecuencia aparecen exemplares doutras especies como a foca común (Phoca vitulina),  e xa dun xeito máis excepcional téñense observado exemplares de foca anelada (Pusa hispida), foca barbada (Erignathus barbatus) e foca de capelo (Cystophora cristata). Nas costas astures téñense observado tamén exemplares de morsa (Odobenus rosmarus), pertencente á familia dos odobénidos.

A foca monxe ou fraile (Monachus monachus) é o único pinnípedo do que se ten constacia de cría na Península Íberica en tempos recentes. En grave perigo de extinción, a súa distribución histórica española recente abranguía as costas mediterráneas peninsulares, as illas Baleares, as posesións espñalas no Norte de África e as Illas Canarias. As derradeiras colonias de cría peninsulares desapareceron na segunda metade do século XX. Nerbargantes a especie estivo presente no arquipélago de Chafarinas, no Norte de África,  até cando menos 1998. A observación recente de exempalres en furnas do arquipélago Balear, así como o descubrimento recente de colonias de cría noutros arquipélagos do Mediterráneo, permite albergar certa esperanza da supervivencia da especie en España, que na actualidade se considera extinta de facto. A maior colonia mundial da especie na actualidade sitúase en Cabo Blanco (Sahara occidental) e conta coa metade da poboación mundial (estimada en 500-600 ex).

No pasado a distribución da especie estendíase por todo o Mar Mediterráneo, O Mar Negro, e a costa Atlántica Norteafricana, así como os arquipélagos da Macarionesia (Canarias, Desertas, Madeira, Cabo Verde, Selvagens, e Azores). 

A tenor dos achádegos arqueolóxicos realizados nos derradeiros anos no Norte e Occidente peninsular podemos intuir unha distribución pretérica maior da especie, descoñecida até o momento, e que se extendería pola costa Atlántica e Cantábrica peninsular até o Soroeste francés.
 
A persecución á que a especie foi sometida por parte do home, fixo que a especie mudase co paso do tempo os seus costumes reproductores. se ben nun principio utilizaban praias máis ou menos inaccesibles para os partos e cortexos, debido á ameaza costante exercida polo ser humán, a especie escolle furnas mariñas para tal fin, feito que se observa tanto nas derradeiras colonias reproductoras constatadas nas costas mediteráneas peninsulares como nas actuais colonias de cría supervivintes no Mediteráneo e Atlántico Norteafricano.
 
 
A día de hoxe dispomos xa de suficiente información, tanto histórica como arqueolóxica e etnográfica,  como para aceitar a teoría, non só da presenza prehistórica da especie nas costas occidentais peninsulares, senón tamén da presenza histórica recente na mesma zona, cuia extinción se debeu producir a mediados do século XIX no Cantábrico Oriental. Esta presenza histórica estaria detrás, asemade, dun gran número de topónimos e lendas sementadas por toda a costa do Noroeste Peninsular, e apoiada tamén na recolleita de vernáculos claramente asignablena á Monachus monachus. O esquecimento popular da especie en Galicia, sería parello ao esquecimento doutras especies extintas con anterioridade ao século XX, como a cabra montesa (Capra pirenaica lusitanica), e certas especies de aves. As costas galegas puideron estar habitadas até o século XVIII segundo reportaremos a continuación.

O primeiro dato arqueolóxico relevante nas costas peninsulares atopámolo na Península de Peniche, na costa occidental portuguesa. Neste lugar de alto interese xeolóxico atópase situado ao Norte de Lisboa, fronte ao arquipélago das Illas Berlengas, foi reportado o achádego de restos fóseis de foca monxe (Monachus monachus) na Gruta da Furninha, asociados ao parecer co consumo humano do home do cuaternario. 

O seguinte dato arqueolóxico importante aparece en Santoña (Cantabria), onde se atopa nos anos 90 restos desta especie cunha datación de 4300 a de C. 

Pero Galicia non ía estar á marxe deste tipo de achádegos, e así, aparece na ría de Arousa (Pontevedra) restos de foca monxe asociados ao consumo humano, cunha datación que se remonta ao 4000 a. de C.

Estes achádegos foron, nun principio, interpretados coma unha proba do fenómeno climatolóxico coñecido cama "óptimo Holoceno", período climatolóxico postglacial no que a temperatura meia do continente Europeo é entre 1.5 e 3º C superior a actual, e que según algúns autores dura uns 300 anos, feito que xustificaría a presenza da foca monxe (Monachus monachus) nas augas atlánticas peninsulares. Sen embargo, segundo outros autores o óptimo Holoceno non afectou ao SO europeo, estes autors, apoiándose en probas paleopolínicas, aseguran que a temperatura do suroeste de Europa, non soio non subiu, senón que baixou na mesma proporción na que subiu no centro do continente.

A aparición de novos restos de foca monxe nas Rías Baixas galegas e noutros puntos da costa cantábrica, cunha datación que se remonta ao 2000 a de C. e continúa até a conquista romana, parece confirmar que a presenza da especie nas costas atlánticas peninsulares non foi un fenómeno puntual, senón que se trata da proba de que nesa zona existían colonias de cría de foca monxe, que foron aproveitadas como recurso alimenticio plas poboacións humanas dende o período Neolítico até a chegada das lexións romanas. Os achádegos arqueolóxicos achegados ao tempo da conquista romana da península foron interpretados coma unha proba da cotume supersticiosa que os romanos posuían con respecto á foca monxe. Segundo se ten constatado en diversos xacimentos arqueolóxicos romanos, éste usaban as aletas das foca monxe como amuletos, e secas, solíanas colocar como amuleto baixo as almofadas. Nerbargantes, os achádegos arqueolóxicos postos sobre a mesa amosan claras mostras de depredación e consumo por parte do home, como as puntas dos osos queimadas, asemade de que as mostras optidas non son en ningñun caso de aletas.

Unha vez manifestados os achádegos arqueolóxicos, seguirémola nosa viaxe a través da historia natural da foca monxe afondando no coñecimento naturalista e popular da especie no Noroeste. Segundo certos autores foron as focas e non os sirénidos, os que deron orixe ás lendas das sereas, frecuentes na mitoloxía clásica e no lendario popular europeo. Este feito, certo ou nón, pode estar detrás non soio das lendas dos homes e mulleres peixe reportados na costa galega, senón tamén nas lendas que falan das lontras xigantes.

As lontras xigantes, segundo a cultura popular do Noroeste Ibérico, son mamíferos anfibios de gran tamaño, con cabeza de lontra, e aletas en lugar de patas. Soen vivir en furnas mariñas, e causas estragos nas artes de pesca ao tentar de rouba-los peixes atrapados nas redes (feito repostado tamén nas poboacións costeiras de Marrocos e Arxelia, que consideran á foca monxe nos mesmos termos). As lendas de lontras mariñas xigantes habitantes de furnas están amplamente espalladas pola costa galega, e deron, asemade, orixe a topónimos relaionados con esta especie mitolóxica como a "Furna da Lontra" en Moaña.

No tocante aos naturalistas galegos do século XIX, Seoane a inclúe na súa obra "Fauna Mastozoológica de Galicia"  nos seguintes termos: "Como no tenemos más noticias referentes a esta especie que el nombre de fraile marino, consignado por el sabio naturalista ferrolano Sr. Alonso López; nos vemos en la imposibilidad de afirmar cual fuese la especie a que se refería, en relación a lo poco conocidos que eran aquella época estos animales, por más que nos sintamos inclinados a creer que sea la que asignamos"

Consultada a obra de Alonso, este naturalista ferrolano de comezos do s. XIX, este nomea non soio a recolleita de vernáculos na zona, como fraile mariño, lobo mariño ou monxe mariño, senón tamén a escoita dun son atribuído á especie, e denota, asemade, a testemuña do alto coñecimento popular da especie por parte dos habitatntes da zona que consideran á especie sedentaria e reproductora na zona.


Estas capturas, tendo en conta a idade dos exemplares capturados, parecen indicar a supervivencia dunha colonia reproductora da especie, relicta, na fachada Atlántica sudeuropea até comezos do século XX.

Facendo un pouco de memoria podemos, incluso, aventurar unha hipótese con resteito ao que coñecemos da historia recente do declive das poboacións da foca monxe nas costas Peninsulares.

A día de hoxe sabemos que as poboacións de foca monxe sitúan as súas colonias de cría en furnas mariñas de dificil acceso dende terra. Esta costume supón ao parecer unha resposta da especie perante á persecución á que foi sometida por parte do home, xa que orixinalmente a especie usaba praias para reproducirse. Este feito constátase aínda a día de hoxe no Mediterráneo oriental, onde recentemente foi atopada unah colonia de cría nunha illa deshabitada, que aínda cría nas praias ante a ausencia de persecución. 

O feito de que os achádegos arqueolóxicos máis antigos son reportados en covas e amosan depredación por parte do home, amosa que a especie foi perseguida dende antigo, ante esta realidade a especie múda os seus costumes e traslada as súas colonias de cría a illas e firnas mariñas de dificil acceso. Estas illa spodías ser visitadas periódicamente polos seres humanos co fin de capturar ás crías e adultos das colonias, como ao parecer indican os hachádegos arqueolóxicos da Ría de Arousa. 

Certos autores reportan unha colonía de cría nas illas Lobeiras (A Coruña) até o século XVII ou XVIII, esta colonia de cría foi identificada coma unha colonia de lobo mariño concento (Halichoerus grypus), sen embargo até o momento carecemos de restos arqueolóxicos que confirmen este feito, e esta colonia de focas foi asignada ao lobo mariño cincento pola proximidade xeográfica das colonias de cría de eta especie, unida ao feito de que é a especie que con maior frecuencia aparece nas nosas costas.
 
Os vernáculos e topónimos recullidos e espallados pola costa galega gardan grande concordancia cos vernáculos e topónimos asignados á especie na costa mediterránea peninsular, como lobo mariño, fraile mariño ou as Illas Lobeiras mencionadas anteriormente.
 
Esta é soio unha teoría, mais coma tal amosa o escaso coñecimento que existe da fauna histórica galega, até tal punto que despoñecemos que nas nosas costas existiron colonias de foca, e que puideron ser dunha especie hoxe en día en grave perigo de extinción. Estes datos amosan tamén, que non se pode valorala ecoloxía dunha especie cando esta amosa unha distribución relicta e subóptima na actualidade, sen ter en conta, que no pasado esta era moito maoir. Un claro exemplo o atopamos no oso pardo (Ursus arctos) hoxe habitante da cordilleira cantábrica e dependente a arandos e masas fragosas de caducifoilias, pero habitante até o s. XVII dos mediterráneos montes da rexión de Murcia.
 
Próximamente falaremos pormenorizadamente da toponimia e os nomes vernáculos asociados á especie, nos vos perdades a seguinte entrada.