miércoles, 30 de marzo de 2016

Palestra de Irmaos Rabudos sobre o benestar animal en O Lar do Queixa.

A asociación medioambiental e de protección animal  Irmaos Rabudos, protagonizará unha palestra sobre a tenencia responsabel de cans en gatos o xoves 31 de marzo en O Lar do Queixa , local alternativo de Vigo situado na Calle Heraclio Botana nº 6.

Na palestra abórdanse temas como a
  • Predisposición racial a enfermidades e vantaxes da mestizaxe
  • Negocio da cría de animais de raza
  • Causas do abandono dos animais
  • Promover a adopción
  • Diferenzas entre protectoras e canceiras
  • Protectoras en Galicia
  • Coidados e obrigas veterinarias que require unha mascota
  • A importancia da esterilización
  • Ciruxías “estéticas”: corte de rabo e orellas
  • Outros…



sábado, 26 de marzo de 2016

Abutres, a historia dos prosquitos, o abutre común (Gyps fulvus).

"Tres clases hai de ignorancia: non saber o que debera saberse, saber mal o que se sabe, e saber o que non debera saberse"- François de La Rochefoucauld (1613-1680)-Escritor francés.


+


A tenor das novas que se están a producir nos derradeiros tempos,  tanto na Galiza coma noutros puntos da Península Ibérica, cremos máis que necesario afondar no papel dos abutres e na súa alongada historia na nosa contorna, esquecida vílmente por aqueles que pretenden xerar correntes de opinión en contra de todo o que corra, voe ou nade polas nosas terras.

Nas terras da Gallaecia temos a constancia, na actualidade, da presencia de cinco especies de aves necrófagas (carroñeiras), coñecidas popularmente coma "buitres", "abutres", "butres", "grifos", "voitres",etc.

O máis pequeno é o abutre branco ou do Exipto (Neophron pernocterus), nidificante moi escaso en Ourense, e migrante, o quebraóso (Gypaetus barbatus), extinto na actualidade en Galicia e citado no s. XIX, o abutre negro (Aegypius monachus), visitante dispersivo escaso, e a especie de maior tamaño, o abutre moteado (Gyps ruepelli), accidental e o abutre común ou leonado (Gyps fulvus).

A especie máis frecuente no noso entorno máis inmediato é o abutre común (Gyps fulvus), antano nidificante en Galicia e na actualidade visitante estacional localmente abondoso, e da que hoxe imos a falar en profundidade.



DESCRIPCIÓN:

Trátase dunha ave rapaz de gran tamaño, cunha envergadura de 2.30 a 2.70 m, sendo unha das maiores que observamos por estas terras. De cor parda e coas prumas do extemo das asas máis escuras (réximes e rectrices). A cabeza, de pequeno tamaño, e mailo pescozo, dan o aspecto de estar "pelados" xa que posúe unha especie de penuxe esbrancuzada. 

Voo lento, con asas moi anchas e rabo curto. Cando remonta, coma tódalas especies de abutres, tarda moito en aletexar,  e cando o fai, move as asas moi lentamente, aínda que o habitual é velos planeando.




Trátase dunha especie gregaria, incluso na época de cría, cando forma colonias en cortados rochosos, tamén usa os cortados rochosos coma durmideiros, estes puntos rupícolas de concentración reciben o nome   "butreiras", "abutreiras" ou "vultureiras". Asemade soen congregarse arredor das preas (carroñas) das que se alimenta, formando grandes concentracións de indivíduos.




O ABUTRE NA HISTORIA DA HUMANIDADE.

Polas súas costumes alimentarias, como xa dixemos os abutres comen restos de animales mortos, é dizer, cadáveres (preas), o abutre ven a simbolizar básicamente a morte ou pasamento.

Unha das primeiras representacións artísticas de abutres a atopamos no xacimento de Gobekli Tepe, situado no sureste de Turquía e datado no aprox no ano 9.800 a. de C. Neste monumento megalítico funerario a imaxe do abutre aparece nun contexto aparentemente chamánico no que a ave é o elemento transmigrador da alma que ascende ao alén.



Xa no séptimo milenio a. de C. no xacimento neolítico de Çatal Húyük (Anatolia-Turquía), se presentan abutres sobrevoando cadáveres humanos decapitados.

Na cultura do antigo Exipto faraónico o xerorífico do abutre significa "nai", creíase por aquel entón que polo feito de alimentarse de cadáveres estaba relacionado coa "Nai Natureza" que devolve ao pó aos mortos. A deusa Nekhbet é frecuentemente reprepresentada coma un abutre e considerada coma protectora dos nacimentos (quedádevos con este dato, por que o usaremos máis adiante). Asemade, a deusa Mut, deusa da xusticia, cúbre a a cabeza habitualmente coas asas do abutre.

Na India o abutre é simbolo dos espritos protectores, e representa neste caso a paternidade. Os parsis deixan os cadáveres dos seus seres queridos, en lugares elevados para que os abutres os consuman, facilitando asi o renacimento dunha nova vida. Asemade no Tibet atopámolo "Enterro do ceo" ou das "nubes", funeral no que os mortos, excepto os menores de 18, mulleres embarazadas ou mortos por enfermidades infecciosas, son postos tamén a disposición dos abutres para a renovación da vida. Os abutres, neste caso "daikinis", son anxos que bailan entre as nubes e que perpetúan o ciclo da vida.

Na cultura do antigo Imperio Romano, a figura do abutre aparece asociado ao mito de Rómulo e Remo, e a fundación da cidade de Roma, capital do Imperio. O abutre é un paxaro adivinatorio, na antiga Roma os paxaros son mensaxeiros de Xúpiter, e mediante o seu voo pódese coñece-lo futuro ("ornitomancia"). No caso da fundación da cidade Remo observa seis abutres pousados sobre o monte Palatino e Rómulo doce sobre o monte Aventino, como resposta dos deuses á cuestión de onde construi-la cidade.




Chegamos entón so xermolo das grandes relixións monoteístas, así no Antigo Testamento, no Deuteronomio, que digamos é a lexislación na que se basarán o Xudaísmo, o Islamismo e o Cristianismo, establécese a prohibición de consumi-la carne de abutre por considera-la impura.

En tempos convulsos e de constantes guerras, séculos escuros da xa Idade Media, os abutres seguen aos exércitos, sabedores de que despois de cada gran batalla o campo queda sementado de cadáveres que consumir. Este feito será aproveitado polo cristianismo para trocala imaxe sacra e transcendente que até entón tiñan os abutres. Así compárase ao abutre co pecador, imitador dos soldados do diaño que se alimenta da carroña, das almas impuras. As preas serán entón os praceres da vida causantes da condena eterna no inferno. O feito de que despois dun gran festín aos abutres lles coste levanta-lo voo, é asimilado cos pesos dos propios pecados, que impiden o ascenso da alma ao ceo.










Nos bestiarios medievais ao abutre (vultur) venlle dado o seu nome pola lentitude característica do seu pausado voo. E pese ao cristianismo, segue a asignárselle á especie certas propiedades que beben de cultos pagáns anteriores.



Segundo a tradición popular da época, os machos da especie non se aparean coas femias, xa que estas conciben por sí mesmas. as crías viven como tales até a frioleira dun século. Esa razón ven a confirmar o feito polo cal certas doncellas son capaces de concebir sen mediación masculina. Á femia costalle moito polos ovos, polo que o macho pescuda unha pedra que existe nunha zona determinada da India, semellante a un ovo de pita, que ao avalar soa coma si tivese outro ovo dentro, e que produce calor por si mesma. O macho coloca esta pedra baixo a femia para que poña os ovos con facilidade. Esta pedra era cobizada por ese tempo, xa que se cría tiña o poder para facilita-lo parto, nunha época no que con frecuencia fenecían mulleres parindo. Se a muller collía unha "pedra de abutre" durante o parto as cousas irían ben (esta superstición tamén atinxía ás pedras atopadas en niños de águias coñecidas coma "pedras d´aguia").

A tenor deste tema fálanos o rei Afonso X "O Sabio" na obra do Lapidario "Libro de las piedras según los grados del Zodíaco", no que di :

DE LA PIEDRA QUE LLAMAN  ABYETITIZ


De los XXVI grados del signodeAries es la piedra a que dicen abyetitiz, que quiere decir "buitreña" . Y este nombre ha por que la trae la hembra del buitre a su nido poe que para más ligeramente a sus hijos. Y es de su natura caliente y seca (...). Y es  hayada de figura de bellota, pero hay algunas de ellas que son cuanto más luengas.

Blanda es, y  ligera de quebrantar, y liviana de peso, y tira ya cuanto ha blanco, pero no mucho. Y cuando la quebrantan, hallan dentro otra más dura que tira a amarillo un poco., y a las veces hallan dentro otrosí unas piedras menudas y amarillas que son ligeras de quebrantar como las otras.

Y esta piedra ha tal virtud, que cuando la meten en cuero de ciervo, y la atan a la mujer a la cosa siniestra, cuando está de parto, pare luego ligeramente y sin peligro, y nacen los hijos si la ocasión y la natura no era antes de formarlos. 

Y la estrella que es mediana de las tres que son a la cola de Aries, ha poderío sobre esta piedra y de ella recibe la fuerza y la virtud. Y cuando es en medio del cielo muestra esta piedra más manifiestamente sus obras.


Durante séculos, unha das causas de mortandade entre as mulleres era o postparto. As febres puerperales non respeitaban ni tan sequiera ás raiñas. A dona María de Portugal, primeira esposa de Felipe II, para axudala no parto puxéronlle sobre a ingle a "pedra d´águia" , remedio que solían usar para este fin, pois crían que dita pedra irradiaba calor e que por iso as águias as puñan nos niños para favorece-la incubación dos polos, atribuíndolle efeitos similares no parto da muller. Pola mesma época empregábanse outros remedios co mesmo fin, coma pruma de águia ou abutre colocada baixo o pe esquerdo ou poutas do miñato baixo a camisa. 

As pedras de águia ou de abutre eran recollidas nos niños das aves rapaces ou nas súas proximidades, e proveñen das pedras que algunhas aves tragan para favorecela dixestión, e tamén da regurxitación de material óseo por parte doutra especie, o quebraóso, do que falaremos pormenorizadamente nun futuro próximo.

  O ABUTRE EN GALICIA

No contexto galaico o abutre aparece citado como nidificante nas montañas  e canóns fluviais de Lugo e Ourense a mediados do ´seculo XIX por Ríos Naceyro e Seoane, extinguido con porterioridadea causa da persecución directa e o uso indiscriminado de cebos envelenados, a especie extínguese como nidificante. Proba da presenza histórica da especie quédannos un puñado de topónimos espallados polo cadrante Noroeste como a "Grifeira" (Lalín-Pontevedra), "A Vultureira" (San Cibrao das Viñas-Ourense), Pena da Butre (Sarreaus-Ourense), San Esteban de los Buitres (Río Navia-Asturias). Asemade temos constancia de restos subfosiles atribuidos á especie en Enciña da Lastra (Rubiá-Ourense).

Durante a maior parte do século XX, a especie móstrase raramente por Galicia, extinguese como nidificante, e prodúcense escasos avistamentos, normalmente de exemplares solitarios, que coincide coa merma da maior parte das colonias da Península.

Cos chegada do século XXI as poboacións reproductoras de abutre común recupéranse na maior parte da Península, multiplcándose os avistamentos en Galicia, principalmente nos cordais montañosos con gandeiría en extensivo ou gando montresco, onde atopan alimento e hábitat para forma-los durmidoiros. Estas concentracións, de decenas de indivíduos están formados principalmente por exemplares inmaturos e adultos en período postreproductor, xa que até o día dehoxe, o abutre común segue sen reproducirse en terreo galego. As colonias máis cercanas están situadas nas provincias veciñas (e formantes da Gallaecia), de Asturias, León e Zamora. Existindo algunha colonia no Norte de Portugal.



Os abutres aliméntanse de carroña, desenrolando un papel fundamental no ecosistema, ao elimina-los cadáveres que poden ser froito de infección para o resto da fauna. Nembargantes, os abutres non teñen un monitor que lles indique o latexo dun maltreito e agonizante corazón, polo que si atopan un animal agonizante, poden comezar a elimentarse antes de que éste feneza. este feito non que dicer, polo tanto, que o animal morrera por causa do abutre. Do mesmo xeito é habitual que se alimenten das placentas expulsadas polos mamíferos despois dos partos, este feito é a causa da lenda de que os abutres se alimentan das entrañas das vacas recén paridas, feito que carece de calquera base real. Asemade, poden atacar a crías que naceron con algún problema ou malformación, o cal non quere dicir que se alimenten sistemáticamente das crías de ningunha especie. O feito de velos alimentarse de cadáveres fai pensar a certos gandeiros que estas aves son as causantes da morte do animal, algo que é totalmente falso.

A día de hoxe, Galicia aínda ten unha asignatura pendente cos abutres, que é a recuperación das colonias de cría da especie que desapareceron no século XIX, feito que  coidamos moi desexable, e imprescindible para o correcto funcionamento do ecosistema galaico.





miércoles, 23 de marzo de 2016

Os sacrosantos sapoconchos galaicos están a desaparecer.

"O home absurdo é o que non cambia nunca"- Georges Benjamin Clemenceaus- (1841-1929)- Médico, xornalista e político francés.

Houbo un tempo no que a maior parte dos ríos e zonas húmidas da Gallaecia estiveron habitadas por unha especie de tartaruga de auga doce, o sapoconcho común ou europeo (Emys orbicularis), a día de hoxe, a especie sobrevive en contados puntos das provincias de Pontevedra e Ourense, Zamora e Norte de Portugal, ameazado pola persecución directa por parte do home, as especies invasoras e a alteración do seu hábitat natural.
Especie amplamente coñecida polos pobos do Noroeste ibérico, que lle otorgaban propiedades máxicas e relixiosas. A lenda conta que os sapoconchos eras sapos ou píntegas moi vellas ás que se lle endurecía a pel até o punto de crear unha cuncha. No tocante á relixión, a carne do sapoconcho, coma otras provintes dos meios acuáticos, estaba considerada apta para o consumo humano durante as vixilias da coresma. Asemade, en certas bisbarras os sapoconchos eran introducidos en fontes e pozos de auga como meio para potabilizar as augas para o consumo humano. De feito, aínda a día de hoxe, se atopan sapoconchos en minas de auga das provincias de Ourense e Pontevedra, temos constatada a presenza de exemplares nestas circunstancias en Ourense capital, en Dozón (Pontevedra) e en Chaves (Portugal).

Tendes asemade máis información sobre este feito en "Capitilo Cero", do xornalista Manuel Gago, que aborda o tema da tenencia de sapoconchos na Proba do Caramiñal.

Na actualidade o sapoconcho europeo (Emys orbicularis), é unha especie estrictamente protexida en todo o territorio peninsular. No tocante a Galicia, o sapoconcho está incluido no Catálogo Galego de Especies ameazadas coa categoría de "En Perigo de Extinción", e conta cun plan de recuperación propio, redactado e publicado hay xa uns cantos anos, que a día de hoxe aínda non ten sido desenrolado en tódolos seus puntos.

A tenor do publicado nos derradeiros tempos, nin sequera se coñecen todas a spoboacións que sobreviven da especie en Galicia. As tres que se coñecen, carecen na práctica de medidas efectivas de protección de garanticen a supervivencia da especie a medio e longo prazo. A poboación da provincia de Pontevedra parece a máis ameazada a nivel Galaico, e ten sufrido episodios de recheado de lagoas onde a especie se reproduce.

Parece necesario a implementación dun plan de conservación efectivo e ambicioso a nivel Galaico para a creación de novas poboacións reproductoras da especie e a consolidación das escasas poboacións que aínda sobreviven, puntos que sin ben foron especificados no correspondente plan de coservación, non foron desenrollados a día de hoxe.



jueves, 17 de marzo de 2016

Presentazón do Libro "Los vencejos sueñan despiertos".

O día 29 de marzo presentarase na aula da natureza do río Miño de Ourense, ás 20:00 o libro de David Álvarez "Los vencejos sueñan despiertos". David Álvarez é un biólogo e naturalista asturiano, autor do laureado blogue Naturaleza Cantábrica.

Ao día seguinte terá lugar a presentazón da mesma obra en Vigo, en O Lar do Queixa, tetería alternativa situada en Heraclio Botana nº 6, ás 20:30 h.

domingo, 13 de marzo de 2016

Gallaecia e Iberia, as terras da simpatría dos linces en Europa.Europeos e Ibéricos.


 "A pesares do meu escepticismo quédame algo de superstición. Por exemplo, esta extrana convicción de que tódalas historias que ocorren na vida teñen ademáis un sentido, significan algo. Que a vida, coa súa propia historia dí algo sobre sí mesma, que nos desvela gradualmente algún dos seus segredos, que está ante nós como un acertixo que é preciso resolver" - Milan Kundera (1929-) escritor checo.

Moitas veces temos fallado da fabulosa e case mítica riqueza ambiental que a Gallaecia tivo, e en parte segue a ter, no contexto Ibérico, formando parte desa terra peninsular chamada Iberia. Parte desa riqueza ven dada pola historia xeolóxica do Noroeste ibérico, pola nosa agrestre xeografía, pola súa privilexiada posición no Suroeste Europeo, mirando a poñente, alí a onde medio continente peregrinaba  para ver morre-lo Sol no Océano Atlántico. A nosa posición xeográfica, a cabalo entre diferentes dominios climáticos, e a nosa latitude, fixo do país un acubillo faunístico imprescindible durante os diferentes períodos que o planeta ten vivido. Durante as glaciacións, acontecemento climatolóxico prehistórico non soio Gallaecia, senón toda a Península Ibérica, actuou coma refuxio da fauna continental expulsada do seu territorio por glaciares de kilómetros de expesor.

Recentemente tivemos constancia dunha nova sorprendente á par que esperanzadora, Kentaro, un lince ibérico (Lynx pardina) posto en liberdade en Castela-A Mancha polo proxecto de cría en catividade e reintroducción desta especie endémica e en perigo de extinción, chegaba a Ourense depois de recorrer máis de 2000 km dende o monmento da súa solta. Este exemplar, radiomarcado, está a constituirse coma un dos exemplares máis viaxeiros dos que se ten constancia dende que existen rexistros.

En primeiro lugar gustaríame puntualizar que parece totalmente irresponsable publica-la localización xeográfica concreta do exemplar dunha especie en perigo de extinción en tempo real nun medio de comunicación. Xa que se pon realmente en perigo a supervivencia do exemplar, dunha especie cobizada por cazadores que, lonxe de ser unha minoría, son cada vez máis extremistas, e no lobo temos un bon exemplo do que estamos a falar.

Ante a avalancha incesante de novas e comentarios ao respecto, vémonos na obriga de pronunciarnos e matizar uns cantos puntos, e facer pedagoxía da historia natural do xénero Lynx no cadrante noroccidental ibérico. Xa que parece que está a ser posta en dúbida a galeguidade do endemismo ibérico no noso terrirorio.

Fagamos un pouco de historia, xuntémolo coa arqueoloxía, botémoslle unha pizca de intuición, e seguramente cheguemos a ter unha idea bastante clara do que ocorreu en Gallaecia até non fai tanto tempo.

Son varios os autores clásicos que nos falan da existencia de linces no Noroeste ibérico, feito posto tamén en dúbida en varias ocasións. O primeiro en profundizar no tema foi o pai Sarmiento no s. XVIII, nomeándoo tamén Seoane no s.XIX, e Vaverde, xa no s.XX.


Tempo despois, Carlos Nores, profesor da universidade de Oviedo, publica as primeiras análises que demostran que o lince boreal ou europeo habitou a Cordilleira Cantábrica en tempos históricos. 

Ben, como sabedes, Gallaecia é un terreo complexo bioxeográficamente falando, con elementos de clara ascendencia eurosiberiana (como Rana temporaria, Perdix perdix, ou Tetrao urogallus), combinados con outros de clara tendencia mediterranea (como Blanus cinereus, Psammodromus spp., Oenanthe hispanica, ou Oryctolagis cuniculus). Esta combinación ofrece un escenario común a outros puntos da península ibérica, de extrema riqueza faunística.

Na Gallaecia, durante os derradeiros anos, foron recollidos numerosos vernáculos para referirse aos integrantes do xénero Lynx. En Galicia atopouse lobo cerval, luberno, lubican, queixa, gato cravo, tigre, xuxa etc.. En Asturias llobu cerval, gato rabón, gato de les penas, etc. En León tigre, lobo cerval, etc, en Zamora tigre gallego, lubian, lluberno, lobo cerval, lince, etc. En Portugal, lince, queijo, lobo cerval, tigre etc. 

Durante todos estes anos, periódicamente, foron recollidos tamén testemuñas oculares e documentales que nos fan ter unha idea máis ou menos clara do que foi a distribución dos linces no territorio da Galaecia, así tendo en conta incluso os datos aportados por tramperios, que achegan pesos e medidas dos exemplares cazados, podemos afirmar que no noso territorio habitaron dúas especies de lince, o lince boreal ou queixa (Lynx lynx) e o lince ibérico (Lynx pardina)

A distribución histórica do lince boreal ou queixa (Lynx lynx) abranguía o Norte de Galicia na súa práctica totalidade, existindo poboacións no Sur da mesma en altitudes sempre superiores aos 800 metros, na serra do Suído, na serra do Xurés, no Macizo Central Ourensán, na Limia ou nas montañas do Leste Ourensán. Estas poboacións estaban en conexión coas da Cordilleira Cantábrica, (Asturias, León, Cantabria e partes de Zamora), que se unían a través dos Montes Vascos coas poboacións do Pirineo.

O Lince ibérico (Lynx pardina), distribuíase én Galicia polos vales de maoior influencia mediterránea, Caurel, o Val do Sil, dende Enciña da Lastra (en contacto coas poboacións zamorano-leonesas) pasando pola Ribeira Sacra até a depresión Ourensá e o Ribeiro, xa no Val do Miño, E a depresión do Támega, estas últimas xa en contacto coa e formando parte da metapoboación do Noreste portugués asentada na zona de Tras-os-Montes. 

Durante todos estes anos, téñense producido avistamentos de linces en varios puntos do país que nos permiten alberga-la esperanza que que aínda se poden atopar exemplares no noso territorio. Algúns destes avistamentos poden ter sido protagonizados por exemplares dispersantes de poboacións relictas (e non recoñecidas oficialmente)  do Sistema Central e do Norte de Portugal. Outros destes datos, atinxen ao dominio eurosiberiano, e parecen indicar a supervivencia do queixa en puntos recónditos das montañas antes mencionadas.

Dado o que hoxe sabemos da taxomonía do lince boreal (Lynx lynx), non sería de extrañar que as poboacións ibéricas desta especie, pertenzan a unha subespecie endémica aínda por describir, como as do resto de poboacións ailladas desta especie no sur do continente. Así, aínda que desexemos profundamente un proxeto de reontrodución de linces boreais ou queixas no Norte da Península, parécenos recomendable, descarta-la posibilidade da supervivencia da especie e o seu conseguinte análise xenético, para desentraña-la definitivamente o enigma da posición taxonómica do queixa.