domingo, 19 de junio de 2016

O escouparón cego (Blanus cinereus), un réptil característico da bisbarra rexiomontana.

A bisbarra de Monterrei, comarca ourensá situada no extremo SE da Galiza, é tamén coñecida como a rexión Rexiomontana. Esta descoñecida bisbarra, unha das rexións galegas bioxeográficamente máis interesantes, é unha das de maior influenza mediterránea do noso territorio, feito que se ve claramente reflexado na súa comunidade faunística e florística. Asemade, as suas características xeomorfolóxicas de altas montañas alternadas con profundos vales regados polos únicos cauces fluviais galaicos da cunca do Douro, fan que a súa biodiversidade sexa en ocoasións dificil de clasificar, ao tratarse dunha zona de comunión de varios dominios climatolóxicos.

Un dos seres tamaganos cuia presenza está vinculada á influenza climatolóxica mediterránea é o escouparón cego (Blanus cinereus), de feito na Galiza este ser somentes se pode atopar nesta bisbarra ourensá, que é a que acubilla o maior número de especies de herpetos da nosa nación.





O escouparon cego é aos réptiles como a toupa aos mamíferos, trátase dun réptil serpentiforme de pequeno tamaño, da familia dos anfisbénidos, proba vivinte da evolución e froito dun proceso que fixo a este réptil un organismo perfectamente adaptado á vida soterránea. Nese proceso de adaptación a especie perdeu as súas extremidades, os seus ollos quedaron reducidos a unha mínima expresión , e mediante un fenómeno denominado "converxencia evolutiva", o escouparón cego foi tornando o seu aspecto cada vez máis similar a unha lombriz de terra.





Esperto consumidor de formigas e termes, trátase dun réptil extraordinariamente útil para o control natural de certas poboacións de insectos. O seu extrano aspecto, pouco común entre os réptiles ibéricos, e a inquina xeralizada que os herpetos sofren, fan desta especie un ser temido e considerado moi velenoso, nembargantes a realidade é moi difererente, e o escouparón cego é unha especie TOTALMENTE inofensiva para o home.

Nas imaxes un exemplar de escouparón cego atopado no concello rexiomontano de Oimbra (Ourense), limítrofe co veciño Portugal, que acubilla o que quizáis sexa un dos hotspot herpetolóxicos máis interesantes da bisbarra, e por ende, de toda Galicia.




No hay comentarios:

Publicar un comentario