martes, 28 de junio de 2016

Cotorra arxentina ou cata (Myiopsitta monachus) ave invasora na Gallaecia.

Alleos ao burlir dos nenos dos parques urbanos das cidades da Galiza, voan por riba dos seus habitantes unha ave de caste única entre as que se observan nos ceos galaicos, exótica como a que máis, son moitas as persoas que ignoran que nas terras galegas existen cotorras que fan desta verde terra o seu fogar.




Verde como a terra que habitan son as catas (Myiopsitta monachus), estas cotorras de orixe sudamericana, que tamén reciben o nome de cotorra arxentina, xa que é neste país onde se atopa unha parte da súa área de distribución, que abrangue tamén Brasil, Uruguay, Paraguay e Bolivia.

Frecuente coma ave de gaiola, as soltas, deliberadas ou fortuítas, provintes do mercado de macotas, fan que a súa presenza sexa frecuente en áreas urbanas e suburbanas de Norteamérica, Europa e zonas de Sudamérica onde a especie non estaba presente con anterioridade.



Na Galiza a súa preseza está constatada dende os anos 80 do pasado século, e aínda que despois de diversas citas e procesos de colonización e posterior extincións, parece que na actualidade a súa presenzza está máis ou menos concentrada no entorno das Rías Baixas, especialmente na Ría de Vigo.

É precisamente na cidade de Vigo a que quizáis sexa a cidade galega onde a súa observación sexa máis frecuente, xa que a especie aparece asentada en diversos xardíns da cidade e puntos de masificación turística do seu entorno, como é o caso do entorno da coñecida praia de Samil. 

A cata é unha ave social que cría colonialmente. Os seus niños, tamén comunitarios, poden estar ocupados por vaias parellas e chegar a formar unha gran estructura con varias entradas a modo de colmea, que defenden frente a presenza de outras catas alleas á colonia. As colonias poden estar formadas por varios niños, que de feito é o máis habitual. Para a construcción do niño, no que usan polas vexetais, usan arbores de diverso tipo dependendo da cobertura vexetal que teñan á súa disposición. así poden facelos en coníferas, eucaliptos ou planifolias.







A incidencia desta especie invasora, á marxe da súa competencia con outras aves autóctonas, ben marcada pola súa alimentación, extraordinariamente versátil, o que fai que se lle acuse de danar a producción de certas froiteiras, de consumir ovos doutras especies de aves, e depredar sobre polos recén eclosionados ou voantóns.


Nas  imaxes que acompañan este post, optidas todas elas recentemente no entorno máis inmediato á praia viguesa de Samil, vedes unha boa mostra das características desta especie exótica invasora. A continuación unha pequena mostra, meramente documental de como un bando de catas se alimenta de garmíneas nunha zona herbácea sen urbanizar próxima á colonia de aniñamento.





sábado, 25 de junio de 2016

Lagartixa rabuda (Psammodromus algirus) unha lagartixa diferente na Gallaecia.

Existen no Sur da nosa comunidade unhas lagartixas habitantes das zonas de mato con certa influenza mediterránea, a lagartixa rabuda (Psammodromus algirus). A especie debe o seu nome á lonxitude do seu rabo, que pode acadar ou mesmo superar a lonxitude da cabeza-corpo. Trátase dunha lagartixa de tamaño medio, claramente máis corpulenta que as lagastixas máis habituais dos xénero Podarcis, como a lagartixa dos penedos ou a lagartixa galega.


Outra das características que vos axudará á correcta identificación desta especie é a paculiaridade das súas escamas, aquilladas, que se solapan case que coma dun tellado se tratase, en dirección oposta á cabeza.


As femias e dos exemplares novos posúen características cromáticas peculiares, xa que teñen a zona trasera cercana á cloaca de tons vermellas, crese que coa intención de distraer aos depredadores e que estes ataquen a cauda, rexenerable, en troques da cabeza, aumentando así as posibilidades de supervivencia perante un ataque.

Na Galiza, a lagartixa rabuda habita amplamente as provincias de Ourense e Pontevedra, sendo máis escasas nas de Lugo e A Coruña, onde aparece restrinxida ás zonas máis meridionais das mesmas, de maios influenza mediterránea. Segundo algúns autores a especie pode estar na actualidade en pleno proceso expansivo debido á o cambio climático.

jueves, 23 de junio de 2016

O lobo na noite de San Xoan.

En certos puntos do interior galaico o nome dos depredadores non debe ser pronunciado, polo risco que isto supón, xa que se cree que ao facelo, convocamos ao ser para que apareza. Esa é a razón pola que en certos puntos de Ourense ao lobo se lle chama Xan.

A orixe deste tabú secular pérdese na noite dos tempos, e hai quen opina que nace xa no paleolítico, antes incluso de que a sedentarización do ser humano se producise. Nese momento e nso se´culos posteriores o lobo sería adorado coma un totem, e a súa figura nom é frecuentemente representada, crese que froito dese tabú, que atinxe non soio ao lobo, senón tamén ao resto dos grandes depredadores.

Depois da caída do imperio romano, durante o cal a loba capitolina foi frecuentemente representada, xa que amamantara a Rómulo e Remo, fundadores da cidade de Roma, chega o cristianismo, e con este o oscurecimento da figura do lobo. Nese intre o lobo pasa a ser a oposición á propia figura de cristo, representada por un año ou cordeiro o "AGNUS DEI" o "año de deus que quita o pecado do mundo" e as lendas, retazos sen duda das antergas crenzas e sentimentos relixiosos dos galaicos, van oscurecendo tamén o seu discurso arredor do lobo.

Coa chegada da máxica noite de San Xoan ou San Xan, non deixo de lembrarme do lobo, que, por sorte aínda oulea nos nosos montes, e que nesta noite meiga de lume sacro, percorre con sixilo lonxe das miradas que aínda hoxe o perseguen, xa non para adoralo, senón para acabar con él.

Non temades a pronuncia-lo nome do antergo Deus, xa que se o lobo chega a aparecer, teredes a sorte de poder contar ter visto a un dos seres máis espectaculares e belos de cantos percorren a nosa vella Gallaecia.





miércoles, 22 de junio de 2016

Cascuda vermella (Periplaneta americana) especie invasora mentireira.

Son numerosas as especies que chegaron nos derradeiros tempos á nosa terra axudadas, dun xeito ou doutro pola man do home. Nalgunhas ocasións a chegada destas especies non agocha unha intencionalidade directa por parte do home, se non que a traslocación ocorre polo marcado comensalismo antrópico destas especies, o que redunda no seu transporte pasivo. Neste grupo de especies atópanse un bon número de insectos e roedores, que acadaron a Galicia de xeito "involuntario". As cascudas, especies comensais do home moi coñecida e aborrecidas, entran dentro deste grupo. 

Hoxe presentámosvos á cascuda vermella (Periplaneta americana). A pesares do seu nome a cascuda vermella americana é de orixe africana, e trátase dunha das de maior tamaño do noso país. Esta cascuda debe o seu incorrecto nome ao feito de ser descrita no continente americano, a pesares de que despois se soupo da súa orixe na África tropical, sendo polo tanto unha especie invasora tamén alí, crese que durante o século XVII, relacionada co tráfico mariño asociado ao tráfico de escravos entre o continente africano e o americano. Querenciosa de lugares quentes trátase dunha das especies de cascudas de maior difusión mundial na actualidade, sendo protagonista de numerosos episodios de pragas en diversas cidades do mundo.

As cascudas son un antergo grupo de insectos que conta xa cuns 300 millóns de anos de antigüidade, cuia morfoloxía, a tenor dos fósiles atopados, pouco ten cambiado. En España, esta especie está a desprazar ás especies de cascudas autóctonas da Península, sobre todo nas áreas máis termófilas. Esta especie é, asemade, unha das máis lonxevas, podendo acadar no caso das femias a idade de 22 meses.

Nas imaxes, unha cascuda americana, que aínda non chegou ao estado adulto.atopada o pasado día 21 de xuño de 2016 no barrio vigués de Bouzas (Pontevedra), lugar asociado ao porto marítimo da cidade no que se produce un alto tráfico de mercadorías a diario.






domingo, 19 de junio de 2016

O escouparón cego (Blanus cinereus), un réptil característico da bisbarra rexiomontana.

A bisbarra de Monterrei, comarca ourensá situada no extremo SE da Galiza, é tamén coñecida como a rexión Rexiomontana. Esta descoñecida bisbarra, unha das rexións galegas bioxeográficamente máis interesantes, é unha das de maior influenza mediterránea do noso territorio, feito que se ve claramente reflexado na súa comunidade faunística e florística. Asemade, as suas características xeomorfolóxicas de altas montañas alternadas con profundos vales regados polos únicos cauces fluviais galaicos da cunca do Douro, fan que a súa biodiversidade sexa en ocoasións dificil de clasificar, ao tratarse dunha zona de comunión de varios dominios climatolóxicos.

Un dos seres tamaganos cuia presenza está vinculada á influenza climatolóxica mediterránea é o escouparón cego (Blanus cinereus), de feito na Galiza este ser somentes se pode atopar nesta bisbarra ourensá, que é a que acubilla o maior número de especies de herpetos da nosa nación.





O escouparon cego é aos réptiles como a toupa aos mamíferos, trátase dun réptil serpentiforme de pequeno tamaño, da familia dos anfisbénidos, proba vivinte da evolución e froito dun proceso que fixo a este réptil un organismo perfectamente adaptado á vida soterránea. Nese proceso de adaptación a especie perdeu as súas extremidades, os seus ollos quedaron reducidos a unha mínima expresión , e mediante un fenómeno denominado "converxencia evolutiva", o escouparón cego foi tornando o seu aspecto cada vez máis similar a unha lombriz de terra.





Esperto consumidor de formigas e termes, trátase dun réptil extraordinariamente útil para o control natural de certas poboacións de insectos. O seu extrano aspecto, pouco común entre os réptiles ibéricos, e a inquina xeralizada que os herpetos sofren, fan desta especie un ser temido e considerado moi velenoso, nembargantes a realidade é moi difererente, e o escouparón cego é unha especie TOTALMENTE inofensiva para o home.

Nas imaxes un exemplar de escouparón cego atopado no concello rexiomontano de Oimbra (Ourense), limítrofe co veciño Portugal, que acubilla o que quizáis sexa un dos hotspot herpetolóxicos máis interesantes da bisbarra, e por ende, de toda Galicia.




martes, 14 de junio de 2016

Mascotas nos ríos galaicos, sapoconchos alóctonos invaden a Gallaecia.

A historia non é nova, e repítese coma un mantra dende hai anos: unha persoa merca unha tartaruga pequena a moi baixo prezo, a tartaruga medra, e sin saber moi ben que facer con ela, pero tendo claro que xa non a queremos, o sapoconcho alóctono é ceibado no primeiro lugar que nos convén.

Foi xa nos anos 80 do pasado século cando a tenencia de sapoconchos exóticos se puxo de moda no noso país. Daquela a especie máis comercializada era o sapoconcho de orellas vermellas ou da Florida (Trachemys scripta elegans), subespecie de orixe Norteamericana e criada masivamente en granxas no sur de USA con destino ao mercado internacional de mascotas exóticas. Tempo despois, debido aos primeiros episodios de solta de mascotas no medio natural, e comprobado o carácter invasor da especie e a súa competencia coas especies autóctonas de sapoconchos, prohíbese o comercio desta subespecie na UE. Lonxe de solucionar o problema, este feito provoca a tomización do mercado de sapoconchos exóticos e prodúcese unha multiplicación do número de especies comercializadas nas tendas de mascotas das máis diversas orixes , algunhas delas próximas ao sapoconcho de orellas vermellas, e outras completamente diferentes, pero a maioría adaptadas á auga fría e con posibilidades de convertirse co tempo nunha especie invasora máis, como ao final ocorreu. Nestas imaxes exemplares de Trachemys scripta elegans naturalizadas nos arredores da cidade de Ourense.





Ao mesmo tempo, a falla de sensibilidade ambiental por parte de moitas das administracións implicadas nesta problemática, deixa en mans de asociacións e particulares con escasos recursos económicos a recollida de especies alóctonas no medio natural e en fogares particulares, aumentando polo tanto a incidencia do problema. En Galicia, no que a insensibilidade á problemática ambiental da nazón é un mal endémico dos nosos sucesivos gobernos postfranquistas, a nula visualización da problemática dos sapoconchos autóctonos galegos por parte da administración fai que a día de hoxe a presenza de sapoconchos xenuínamente galegos sexa ignorada por unha gran parte da poboación, e é ben sabido que é moi dificil protexer aquilo que non se coñece. Así e todo hai xente que coñece a existencia de "reservas de sapoconchos ou tartarugas" en Galicia. Ben vaiamos por partes...que diría Jack...

En Galicia existe unha especie autóctona de sapoconcho en grave perigo de desaparición, o sapoconcho europeo (Emys orbicularis), que conta na actualidade con tres poboacións reproductoras coñecidas, duas en Ourense (Areeiras de San Cristobo, na cunca do río Avia e a cunca do río Arnoia) e unha en Pontevedra, (Gándaras de Budiño, O Porriño). As Gándaras de Budiño é o único espazo protexido de Pontevedra que conta coa presenza da especie, este feito fai que exista xente que considere ás Gándaras unha "reserva de tartarugas", en primeiro lugar as Gándaras de Budiño acubillan non só sapoconchos, senon tamén un bon número de valores naturais, coma varias especies reproductoras de aves, anfibios e hábitats singulares coma a ripisilva do río Louro ou as turbeiras ou brañas. É polo tanto un espazo protexido incluído dentro da Rede Natura 2000, para conservar os seus valores naturais, e non un refuxio onde ir botar as mascotas que xa non queremos. Existe asemade unha poboación da especies provinte dunha reintroducción no Parque Natural de Corrubedo (A Coruña), e citas ailladas noutros puntos da comunidade que poderían indicar a supervivencia de poboacións relictas descoñecidas en Galicia. Nas seguintes imaxes un sapoconcho europeo (Emys orbicularis) ourensán.




Por outra banda temos a un dos misterios faunísticos do noroeste ibérico o sapoconcho leproso (Mauremys leprosa), esta especie de tendencia termófila é un dos sapoconchos autóctonos da Península, as súas poboacións galegas, algunhas delas reproductoras, son consideradas producto de sucesivas traslocacións provintes do mercado de mascotas. No veciño Portugal tódalas súas poboacións son consideradas autóctonas e fican protexidas coma tal. prodúcese así unha curiosa contrariedade cando na cunca do río Miño a especie é considerada autóctona ou alóctona segundo nos atopemos na marxe esquerda ou dereita do mesmo. Existen autores que consideran ao sapoconcho leproso (Mauremys leprosa) unha especie xenuinamente galaica. Esta especie aparece extendida por un considerable número de hábitats acuáticos do Sur de Galicia. Nas imaxes sapoconchos leprosos pontevedreses.







Unha vez posta en práctica a prohibición. apareceron no mercado español unhas "primas chegadas" da tartaruga de orellas vermellas, a subespecie nominal desta especie Trachemys scripta scripta, unha vez ceibadas ambas, cando non xa nas granxas de orixe, hibridaron ambas, dando lugar á aparición nos ríos do país o que un colega denomina "cenleites" que non son outra cousa que híbridos de diferentes sub/especies do xénero Trachemys. Nas imaxes exemplares de Trachemys scripta híbridos fotografados en ríos do sur galaico.










A reproducción desta especie invasora no medio natural galego, xa foi confirmada hai tempo en algún punto coa observación de neonatos, como os das seguintes imaxes, fotografados en Ourense.





Outro dos lugares de ceiba máis frecuentemente utilizados son os estanques de parques e xardíns urbanos, como podedes comprobar nestas imaxes optidas nun parque urbano no centro da cidade asturiana de Oviedo.









A solta de exemplares de quelonios de especies exóticas no medio non é, como vedes, un feito aillado, senón un problema xeralizado, e para solucionalo precisa unha boa dose de traballo e vontade por parte de todos.

Agora vouvos ensinar un pequeno exemplo, na cidade de Vigo, onde existe un parque, Castrelos, que posúe un gran estanque con aves ornamentais e nenúfares, o ano pasado este charco foi desecado en plena época de cría de aves acuáticas (que tamén crían nel), unha vez valeirado e limpo os sapoconchos exóticos foron "supostamente" retirados e postos a bon recaudo. Un mes despois deste feito foron optidas as seguintes imaxes.





O Parque de Castrelos de Vigo (Pontevedra) está atravesado polo río Lagares, o río urbano da cidade, polo tanto a solta de exemplares neste entorno supón un perigo real para a naturalización e introducción no medio natural, nunha zona que si ben na actualidade está moi alterada, conta con testemuñas da presenza histórica de sapoconchos autóctonos na cunca deste río.

O problema en cuestión, que fai que a aparicións das máis diversas especies de sapoconchos foráneos sexa un feito frecuente na práctica totalidade dos hábitats acuáticos de auga doce do país, vese reflectido nas seguintes imaxes, optidas no mesmo lugar esta mesma semana. Nelas podedes observar un exemplar de Grathemys konhi, sapoconcho de orixe americana frecuente, e varios exemplares (7 observados en total) do xén. Trachemys.
















Dende Fauna da Gallaecia instamos á autoridade competente a que retirre tódolos exemplares de quelonios alóctonos ceibados neste e noutros parques urbanos e os deposite nos centros autorizados para tal fin,  polo risco que supoñen de chegar a formar poboacións invasoras no medio natural e polo "efecto chamada" que estes exemplares causan na poboación, que pode chegar a crer que ceibar sapoconchos é unha costume recomendábel. Asemede recomendamos a colocacións de paneis informativos correctamente redactados que acheguen información sobre esta problemática nos lugares de ceiba máis utilizados, e unha política de edicación ambiental ao restecto nos centros de ensinanza.

Agora chegou a hora de actuar e facer as recomendacións necesarias para tratar de soluciona-lo problema que supoñen os quelonios alóctonos. En primeiro lugar persar dúas veces se realmente precisamos ter unha mascota destas características, temos que saber que este tipo de animais medran, son lonxevos e o seu mantemento leva un tempo e un custo. Reflexionar profundamente sobre a mascota que queremos ou debemos ter sería sen dúbida un primeiro e máis que necesario paso.

Deberiamos pensar tamén, se realmente queremos un sapoconcho, se existe a necesidade real de mercalo, ou é mellor que acollamos algún dos moitos que neste momento están a pescudar un fogar en centros de recuperación, protectoras e refuxios de animais exóticos. Quizáis poderemos brindar un fogar a un animal que seguramente xa sexa adulto. Neste caso,unha vez na casa, deberiamos extremar as precaucións para que este non fuxa, xa que algúns dos exemplares que se atopan no medio natural, un pequeno poorcentaxe, son o resultado de fuxidas de animais cautivos.

En terceiro lugar, se temos un sapoconcho na casa, e polas razóns que sexan, xa non o queremos ter, NUNCA DEBEMOS CEIBAR O ANIMAL NO MEDIO NATURAL, este animal debe ser depositado nun ZOO, chamar ao SEPRONA para que se faga cargo del, depositalo nun centro de recuperación de fauna salvaxe, (Hai un por provincia), ou chamar a algunha das asociacións protectoras de animais domésticos, algunhas delas especializadas en especies exóticas, que nos axudarán e nos asesorarán nos pasos a seguir para actuar da maneira máis axeitada posíbel según o caso, xa que o protocolo de actuación varía segundo a especie que se trate e algunhas, ao estar inclúidas no catálogo de especies invasoras, teñen un protocolo específico a seguir, e, se queredes, escribídeme, estarei encantado de axudarvos en todo o que faga falla. De todos xeito se estades a ler isto, é por que tedes internet, unha poderosa ferramenta de información á vosa disposición, e sería tan sinxelo coma por no google "¿qué facer cun sapoconcho exótico?" para que as respostas aparezan na vosa pantalla...A tenencia responsábel de mascotas debería ser, dende xa, unha asignatura obrigatoria ou tema máis da asinatura de coñecemento do medio no noso sistema educativo.

Por último, non estaría de máis que os medios de comunicación amarilleasen algo esta problemática, en troques de estar a crear alarma coa presenza de especies autóctonas en certos lugares, que lonxe de ser un problema, é un orgullo. Os problemas reais do noso medio ambiente, están en ocasións, moi lonxe dos titulares que habitualmente protagonizan os nosos xornais.