martes, 27 de octubre de 2020

A riqueza da Serra da Groba está rente ao Chan (2ª parte: o descubrimento do escáncer ibérico e os réptiles).

 Corría o mes de setembro de 2016 cando o grupo de estudo da sección galega da "Asociación Herpetológica Española" (AHE-Galicia) estaban a realizar unha nova mostraxe da herpetofauna da serra da Groba. O que podería ser un día máis de datos transformouse nun día memorable ao atopar un exemplar xuvenil de escáncer ibérico (Chalcides bedriagai), primeiro rexistro para a zona e realizado xusto onde hoxe queren plantar unha estación metereolóxica de 80 metros, xermolo do que será unha serie de muiños de producción eólica (até 44) que destrozarán os cumios da serra baixo o nome de Proxecto Albariño.


O escáncer ibérico é un réptil endémico da Península Ibérica cunha distribución moi escasa en Galicia, restrinxida a un puñado de poboacións situadas na franxa costeira, algunha das illas Atlánticas e certas bisbarras de clara influencia mediterránea en Ourense. A mera presenza desta especie debería ser máis que suficiente para paralizar calquera proxecto que afectase ao seu hábitat natural, como de feito o fará o proxecto de Acciona, permitido pola Xunta de Galicia e os seus cómplices necesarios na serra da Groba. 


O constante rexistro que dende hai naos levamos facendo na serra da Groba permítenos asegurar que neste singular espazo natural se atopan un mínimo de 15 das 26 especies de réptiles presentes en Galicia. 



Todas as especies de réptiles, como as de anfibios, están protexidas, porén algunhas delas teñen unha protección máis elevada debido ao seo grao de ameaza ou polo reducido da súa área de distribución natural. Tal é o caso, ser ir máis lonxe, do nomeado escáncer ibérico (Chalcides bedriaga) que está incluído no Catálogo Galego de Especies Ameazadas coa categoría de Vulnerable (En Perigo no caso das poboacións insulares e coruñesas, grao de ameaza que debería extenderse ás poboacións costeiras galegas , incluíndo as da Groba segundo o noso parecer.). Ademáis a especie está considerada como case ameazada no contexto español e incluída na Lei 42/2007 do 13 de decembro, del "Patrimonio Natural y la Biodiverdidad" no anexo V (especies animais e vexetáis de interese comunitario que requiren unha protección estrita). 

Pero temos 14 especies máis de réptiles, e pasamos agora a nomear todas e cada unha delas e o seu grao de protección.

Escáncer común ou tridáctilo (Chalcides striatus). Relativamente frecuente na serra 

Liscanso (Anguis fragilis) frecuente en toda Galicia e tamén na serra da Groba.

Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) réptil endémico da Península Ibérica e un dos teusouros herpetolóxicos de Galicia. presencia escasa na serra da Groba, moi afectado polas plantacións sistemáticas de monocultivos forestais.  

Catalogación:

Categoría mundial : case ameazada NT

Categoría España: casi ameazada NT

Ley 42/2007 do 13 de decembro del Patrimonio Natural y la Biodiversidad: Anexo II (especies animais e vexetais de interese comunitario para cuia conservación é preciso deseñar zonas especiais de conservación) e V (especies animais e vexetais de inetrese comunitario que requiren unha protección especial). 


Lagartixa dos penedos (Podarcis guadarramae lusitanica) especie endémica ibérica con relativamente frecuente na serra da Groba. considerada coa categoria de preocupación menor no contexto español. 


Lagartixa galega (Podarcis bocagei) especie endémica da Península Ibñerica relativamente frecuente na serra da Groba. 

Catalogación:

Categoría España: Preocupación menor LC



Lagartixa rabuda (Psammodromus algirus) relatiamente escasa na serra da Groba. En aparente regresión no contexto das Rías Baixas. Considerada como preocupación menor en España. 

Lagarto arnal (Timon lepidus) o maior lacértido europeo e unha das especies máis características  da Groba, frecuente especialmente nos cumios da serra. Considerado en España como "preocupación menor".



Serpe riscada (Zanemis scalaris) especie escasa na serra da Groba con poucos rexistros. Considerada como preocupación menor en España.

Cobra lagarteira común (Coronella austriaca) moi escasa na serra da Groba, con moi poucos rexistros. Considerada como preocupación menor en España. en clara regresión na maior parte da súa área de distribución natural.


Cobra lagarteira meridional (Coronella girondica) relativamente frecuente. 

Cobra rateira (Malpolon monspessulanus) o maior réptil do país, escasa no conexto da serra da Groba. preocupación manor en españa.

Cobra viperina (Natrix maura) unha das especies máis frecuentes da serra, especialmente nas charcas, turbeiras e regatos dos cumios da serra, moi dependente das poboacións de anfibios alí existentes. Preocupación menor en España. 


Cobra de colar mediterránea (Natrix astreptophora) presente nos ecosistemas acuáticos dos cumios da serra da Groba, en Clara regresión no contexto galaico e nas Rías Baixas. Considerada preocupación menor en España. 

 

Víbora de Seoane (Vipera seoanei) especie endémica ibérica moi escasa na serra, con apenas un puñado de rexistros, algúns deles exemplares melánicos no nacimento do río Groba.. Considerada como preocupación menor en España. 


Unha vez máis compróbase o escaso compromiso da Xunta de Galicia e outros elementos da sociedade galega para coa conservación do patrimonio natural do país. Unha vez máis vemos como especies ameazadas ven o seu hábitat destruído polo ánimo de lucro duns poucos, moi poucos en realidade. Plantificar un campo eólico na serra da Groba é en sí mesmo un crime moi dificil de xustificar, imperdoable. Seguiremos informando. 



lunes, 26 de octubre de 2020

A riqueza da Serra da Groba está rente ao Chan (1ª parte: Os Anfibios)

 


En datas recentes vimos de ver como a Xunta de Galicia, en contra de calquera critero científico fiable, insiste no seu proxecto de enchela pontevedresa Serra da Groba de muíños de producción eólica. Lidos os paupérrimos informes de impacto ambiental, compre dicir que éstes non consideran que a instalación deste innecesario campo eólico afecte a nada que non sexa voador. Non se nomea ninguha especie terrestre que non voe como afectada, excepto o cabalo (Equus caballus). Porén podemos dicir que a mera instalación e cimentación e 44 muíños na serra da Groba por parte da empresa Acciona e coa complicidade da Xunta de Galicia e as comunidades de montes, vai a afectar a todo o que vive na Groba, non soio ao que voa ou galopa. 







A serra da Groba é un dos "Host Spot" da biodiversidade das Rías Baixas e Galicia, non polo que voa ( que tamén e falaremos diso máis adiante), se non polo que está rente ao chan. Os ecosistemas máss valiosos da Groba non son nin os piñeirais nin os eucaliptáis das medianías da serra, se non o seu compexo sistema hídrico alimentado polas frecuentes chuvias e néboas con fontes, regatos, lagoas e turbeiras. E tamén a matogueira atlántica (hábitats prioritarios da Unión Europea). É precisamente ese sistema hídrico e os seus hábitats  asociados aos que máis perigo corren debido ás obras do denominado proxecto Albariño.




No tocante ás especies de anfibios 13 das 14 especies presentes en Galicia están presentes na serra da Groba. Algunhas delas son escasas no contexto galaico, e moi escasas no contexto das Rías Baixas. 

Paso a continuación a nomear as especies de anfibios presentes neste espazo así como a súa categoría de protección ou ameaza. 

Píntega rabilonga (Chioglossa lusitanica). Especie endémica do cadrante norroccidental ibérico. Con poboacións puntuais en toda a serra e presente na zona máis afectada polo parque eólico nomeado. A política forestal aplicada na Groba baseada no monocultivo de eucalipto e piñeiro fixeron desta especie unha rareza que xa so se conerva nos puntos millor conservados da mesma. 

Catalogación:

Categoría mundial IUCN: Vulnerable

Categoría España IUCN: Vulnerable.

Catálogo Galego de Especies Ameazadas Anexo II (vulnerable)

Ley 42/2007, do 13 de decembro, del patrimonio natural y de la Biodiversidad Anexos II (especies animais e vexetais de interés comunitario para cuia conservación é necesario deseñar zonas especiais de conservación) e V (especies animais e vexetais de insterés comunitario que requiren unha protección estrita). 

  


Píntega común (Salamandra salamandra gallaica). Frecuente en toda a Serra da Groba, a subespecie presente é endémica do cadrante noroccidental ibérico. 

Catalogación: 

España: Preocupación Menor LC



Pintafontes verde (Triturus marmoratus). Frecuente na serra, especialmente nas lagoas do Alto da Groba, punto de reproducción importante para as especies de anfibios de toda a serra. 

Catalogación:

Categoría España: Preocupación Menor LC.

Ley 42/2007, do 13 de decembro, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad: Anexo V (especies animais e vexetais de interese comunitario que requiren unha protección estrita). 



Limpafontes común ou ibérico (Lissotriton boscai). Especie endémida do cadrante noroccidental ibérico frecuente na serra da Groba. 

Catalogación:

Categoría España: preocupación menor.


Limpafontes palmado (Lissotriton helveticus), presente na serra pero moi dependente das masas de auga da mesma e moito menos frecuente que a especie anterior. 


Catalogación:

Categoría España: preocupación menor LC.



Sapiño comadrón (Alytes osbtetricans boscai). Especie relativamente escasa na serra, como noutros puntos de Galicia, afectada pola forestación de terras con monocultivos forestais de explotación intensiva. 

Catalogación:

Categoría España: Casi amenazada NT.

Ley 42/2007, do 13 de decembro, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad: Anexo V (especies animais e vexetais de interese comunitario que requiren unha protección estricta). 

 


Ra das Veigas (Discoglossus galganoi) Especie endémica da península Ibérica con presencia escasa na serra da Groba, moi afectada pola transformación e alteración do hábitat, localmente  e a nivel galaico.

Catalogación: 

Categoría España: Preocupación menor LC.

Ley 42/2007, do 13 de ddecembro, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad Anexos II (especies animais e vexetais de interese comunitario para cuia conservación é necesario deseñar zonas especiais de conservación) e V (especies animais e vexetais de interese comunitario que requiren unha protección estrita).


Sapo de esporóns (Pelobates cultripes) Especie moi escasa a nivel galaico, que conta na serrra da groba coa maior poboación das Rías Baixas. Ainda que a especie está catalogada como vulnerable, as poboación da Galicia costeira deberían considerarse En Perigo debio á forte regresión e fragmentación que sufriron nos derradeiros anos. No tocante ña Groba, a poboación existente concéntrace na zona afectada polas obras do campo eólico Albariño. Ao tratarse dunha especie cavadora e dependente das escasas lagoas que restan no Alto da Groba, a zona debería ser intocable para tratar de conservar estas poboación (as máis meridionais das Rias Baixas),

Catalogación:

Categoría España: Casi amenazada NT.

Catálogo galego de Especies Ameazadas Anexo II (Vulnerable).

Ley 42/2007, do 13 de decembro, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad: Anexo V (especies animais e vexetais de interese comunitario que requiren unha protección estrita).




Sapo cunqueiro (Bufo spinosus) Abundante en toda a serra da Groba. 

Catalogación:

Categoría España: preocupación menor LC.



Sapo corriqueiro (Epidalea calamita) Especie en forte regresión local na serra afectada polos monocultivos intensivos forestais. 

Catalogación:

Categoría España: Preocupación menor LC.

Ley 42/2007, do 13 de decembro, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad: Anexo V (especies animais e vecetais de interese comunitario que requiren unha protección estrita). 



Estroza ou Ra de santo Santo Antón (Hyla molleri) Especie escasa e de distribución moi localizada en Galicia, moi afectada pola destrucción do seu hábitat. As poboacións da Serra da Groba consideráronse extintas durante un tempo. na serra ten unha presenza moi localizada que atinxe en exclusiva ao Alto da Groba, zona afectada polo campo eólico Albariño. 

Catalogación:

Categoría mundial: Casi Amenazada.

Categoría España: Casi Amenazada

Catálogo Galego de especies Ameazadas: Anexo II (vulnerable).

Ley 42/2007, do 13 de decembro, del Patrimonio Natural y la Biodiversidad: Anexo V (especies animais e vexetais de interese comunitario que requiren unha protección estrita).


Ra patilonga (Rana iberica). especie endémica da Península Ibérica. Amplamente distribuida en Galicia aínda que con presenza escasa na serra da Groba. Afectada pola intesificación do monocultivo forestal na serra a a alteración asociada ao seu hábitat.

Catalogación:

Categoría España: Vulnerable. 

Catálogo Galego de Especies Ameazadas: Anexo II: Vulnerable.

Ley 42/2007, do 13 de decembro, del Patrimonio natural y la Biodiversidad Anexo V (especies animais e vexetais de interese comunitario que requiren unha protección estrita).


Ra Verde Ibérica (Pelophylax perezi) Especie endémica da Península Ibérica. Presente maior parte do territorio galego, na serra da Groba é unha especie relativamente escasa. 

Catalogación:

Categoría España: preocupación menor LC.

Ley 42/2007, do 13 de decembro, del Patrimonio Natural y la Biodiversidad: Anexo V (especies animais e vexetais de interese comunitario cuia recollida na natureza ou explotación poden ser obxeto de medidas de xestión). 


Como vedes a riqueza de especies protexidas e ameazadas de anfibios é máis que salientable, e sorprende que a Xunta de Galicia non teña protexido na serra da Groba como merece. Primando a protección de especies singulares, tratando de facer melloras no seu hábitat natural, propondo medidas para evitalas mortes por atropelos das especies alí presentes, tratando de trocalo modelo productivo forestal intensivo que protagoniza e afoga este espazo natural. Pero non, non protexe, a Xunta (con cómplices necesarios) decide destruír unha vez máis a nosa terra. Seguiremos informando. 


viernes, 2 de septiembre de 2016

II Xornadas ambientais da Comunidade de Montes de Coruxo.

Os vindeiros días 4 e 5 de setembro terán lugar as II xornadas ambientais da Comunidade de Montes de Coruxo, onde entre outros grandes, estarei eu presentado unha palestra sobre a fauna extinta da Gallaecia, agardámovos no local da comunidade de Montes.

Desta volta vouvos propor unha viaxe polos elementos faunísticos tristemente desaparecidos da nosa terra no período histórico máis recente, dende o sollo ou esturión (Accipenser sturio) até o queixa ou lince boreal (Lynx lynx)


sábado, 2 de julio de 2016

Sobre a posíble presenza histórica do porco-espiño (Hystrix cristata) na Península Ibérica

Teño que confesarvos que esta é unha histórica que leva dando voltas na miña cabeza largo tempo. O estudo da fauna histórica na Gallaecia, ou mesmo no resto da Península, ten en ocasións serios tintes criptozoolóxicos, e baixo esa metodoloxía hai que en ocasións mergullarse fondamente para pescudar sobre os misterios faunísticos da nosa terra. Eses enigmas que poucas veces, quizáis por medo a mete-la pata, son atinxidos polo groso dos naturalistas, salvo contadas excepcións.

Hai tempo xa topeime, non sin certa sorpresa, sobre a mención que o naturalista ferrolán Victor López Seoane, fai con respecto a presencia do porco espiño na Galiza do século XIX, así o insigne e histórico estudoso da fauna do noroeste inclúe a esta especie na súa obra "Fauna mastológica" (1841)  baixo a seguinte premisa: "El puerco espín- Hystrx cristata-Limn. Sin nom. vul. gallego pues aunque me dijeron que le daban el de puerco espiño, creo muy bien que lo confundan con el erizo. Debe ser muy raro en Galicia por que yo nunca lo he visto, y solo lo incluyo por hallarse citado en la mencionada obra del señor Alonso, en la de Padín" máis adiante na mesma especie menciona a presenza da especie en Extremadura, Andalucía,  Valencia e Murcia, ademáis de outros puntos de España.




Na obra de Leopoldo Matínez Padín "Historia política, religiosa y descriptiva de Galicia" (1849), efectivamente fai unha pequena achega á fauna galega na que nomea ao porco espiño e ao ourizo por separado, polo que nun principio parece que pode desbotarse unha confusión  entrambas especies.

No tocante ao resto de España, as referencias á presenza da especie no terzo meridional da Penínsulas son relativamente frecuentes entre os séculos XVIII e XIX, para rematar por desaparecer por completo chegado o século XX, onde as únicas referencias actuais atopadas en territorio español atinxen ás cidades autónomas de Ceuta e Melilla, situadas no Norte de África.

En 1833 o autor frances Buffon, claro inspirador da obra do galego Seoane, nomea a presenza da especie en Europa non soio no leste e na Península Italiana, onde a especie aínda está presente a día de hoxe, senón tamén na Península Ibérica baixo os seguintes termos "edl puerco espín, aunque originario de los países más ardientes de África y de la India, vive y se multiplica en los países menos cálidos, como Italia, España y Persia. Agrícola dice que no se trajo la especie hasta los siglos últimos: hállase en España y más comunmente en Italia, con especialidad en los Montes Apeninos (...)"

Nas actas da Sociedad Española de Historia Natural de 1888, fálase da especie nos seguintes termos: 

"(...)desconocido el nombre de puerco-espín, nadie me ha asegurado verlo visto. Añadiré a esto que recientemente a los referido puntos y las contestaciones han sido todas negativas: he preguntado a Andújar (Jaén) a Zafra (Badajoz), a Huelva y a los pueblos más principales de esta provincia, y en unas localidades no lo conocen, en otros lo confunden con Erinaceus europaeus, y en otras, por último, afirman que ha existido, pero que no se encuentran en la actualidad. 

Según los datos que acabo de anotar, desde lueno me inclino a negar la actual existencia de dicha especie en nuestra Península. En verdad algunos autores nos dicen que existe al S de España, pero yo creo que dicho esto de una forma tan vaga, parece que han transcrito a las páginas de sus libros referencias más antiguas (...)Por mi parte creo inverosímil que pueda hallarse en España  algún representante de la citada especie.

De lo antecedente se desprende como corolario la siguiente pregunta: si ha existido el Puerco espín en el Sur de España como no podemos menos que admitirlo. ¿que causas han contribuído a su desaparición? (...) "

En 1874 Pero Tafur, na súa obra "Andancas e viejes por diversas partes del mundo...", nomea a presenza da especie en Extremadura e Andalucía baixo o nome de "puercrespines"

En 1863 a obra "Elementos de Zoología" define á especie nas súas páxinas e nomea a súa presenza en Andalucía e Extremadura.

En 1888 nos Anales de la Sociedad Española de Historia Natural., nomea á especie cunha curiosa anécdota "Noticioso de que se citaba de Extremadura, en las inmediaciones de Trujillo, trató, aunque en vano, de procurarse un ejemplar por lo cual deduce que, si esta especie existe aún, debe ser muy escasa... el año 1876, á un campesino que traía un puerco- espín, proponiendo su compra." En Gibraltar nomea o achádego de púas da especie.

En 1897 Graells na súa obra "Fauna mastodológia ibérica" ante a ausenza de referencias nacionais da especie fronte aos numerosos reportes do extranxeiro remata por resolve-lo enigma do seguinte xeito "(...)respecto a la existencia del puerco espín en Extremadura y Sierra Morena, No me cabe duda que, tanto en esta última región como en Galicia la presencia del gran roedor en que nos ocupamos, solo se ha fundado en que los portugueses vecinos dan el nombre de porco espinho al erizo(...) 

No tocante á Galiza, existe na bisbarra da Limia a crenza de que existen dúas especies de mamíferos con espiñas, un con "fuciño afilado" insectívoro e bon para o control de pragas nas hortas, chamado "ourizo cacheiro" e outro maior e con "fuciño de porco" que se cazaba ou podía ser mantido en catividade para o seu engorde, e que rea apto para o consumo humano, algo que por outra parte, tamén ocorría co "porco teixo ou teixugo" que tamén era capturado e engordado na Limia para ser consumido.



Na actualidade téndese a pensar que a poboación europea da especie débese á introducción da especie polos romanos para o seu consumo dende o Norte de África, nembargantes a espece aparece no rexistro fósil ibérico, tamén en todo o Sur  e Centro de Europa, até o cuaternario tardío, polo que non pode descartarse que a pesenza europea da especie sexa natural. Existe, asemade, no Alentejo portugués unha poboación fuxida da catividade en aparente expansión polo centro do país veciño.



viernes, 1 de julio de 2016

Coellos do monte (Oryctolagus cuniculus) básicos para a supervivencia da natureza da Gallaecia.

Os coellos do monte (Oryctolagus cuniculus) son, se me permitides a licenza, os pais e nais da maioría de razas de coello doméstico que existen. En orixe esta especie era prácticamente endémica da península, sendo con posterioridade extendida a súa distribución por parte do continente Europeo e do resto do mundo pola man do home. Nalgúns lugares onde foi introducido, o noso coello de monte compórtase como unha especie invasora causando estragos na vexetación das zonas nas que habita ao carecer de depredadores naturais.




Ese dende logo non é o caso da Península Ibérica, onde, depois de millóns de anos de evolución e convivencia, o coello de monte é unha presa básica para a supervivencia de un bon número de depredadores algúns tan senlleiros coma o lince ibérico ou o a águia imperial ibérica, ambas especies de depredadores endémicos ibéricos, cuia dependencia alimenticia do coello é sobradamente coñecida.

O coello de monte acada maiores densidades nas áreas de mato mediterráneo, razón pola cal as súas densidares sempre foron máis baixas no terzo Norte peninsular que nos terzos restantes. A pesares disto non hai máis que preguntarlle aos máis vellos do noso país para decatarse de que o coello diminuiu drásticamente as súas poboacións e densidades na Galiza. 






Esta merma que deu como resultado, incluso, extincións da especie a nivel local en diversas zonas, ven causada por diversos episodios, que tamén afectaron ao resto do estado español. Así, nas derradeiras décadas, sucedéronse diversos episodios epidémicos que decimaron considerabelmente as súas poboacións, como a mixomatoxe ou a febre hemorráxico vírica. A política forestal auspiciada polo réxime franquista e continuada durante a democracia, supuxo na práctica a transformación de grandes áreas de herbáceas e de mato en zonas fragosas ocupadas por piñeiros e eucaliptos, o que transformou radicalmente a súa área óptima de presenza natural. Asemade, os progresivos cambios ocorridos no agro galego, que trocan o marco tradicional de cultivo, os usos e os cultivos tradicionais, así como a progresiva perda da cabana gandeira de explotación tradicional, que supuña na práctica a garante do mantemento do hábitat natural dos coellos, depois da extinción da maior parte dos herbívoros silvestres pasteadores, tamñen afectou considerablemente ás poboacións deste lagomorfo, ao que hay que engadir a presión cinexética por parte do home.




Como consecuencia, ao igual que no resto do país, os depredadores naturais de coellos da Galiza, aos que o home persegue con especial inquina tamén, vense afectados por todas estas razóns. na actualidade existen poucas poboacións realmente saludables de coellos de monte na Galiza,  que en grande medida dependen das constantes soltas con fins cinexéticos que se realizan nos coutos de caza. Algunhas poboacións da especie teñen sido localizadas en medios suburbanos de vilas e cidades galegas, estas poboacións, ante a ausencia de presión cinexética, soen ter unha saude aceptable, aínda que en ocasións, dado os danos que poden provocar á certos cultivos, ou áreas de xardinería, sofren envelenamentos masivos co fin de acabar coas súas poboacións, como de feito se ten constatado en Ourense.




Os coellos de monte son relativamente sinxelos de identificar, soen ser de menor tamaño que a maioría de razas domésticas, de tons pardo grisáceas, cunha mancha pardorroxiza carazterística na caluga entrambas orellas. asemade, ao fuxor, soen mostrar o rabo de cor branca, feito que vos axudará a distinguilos do resto de lagomorfos silvestres, as lebres, que ademáis de ser de maior tamaño teñen as orellas comparativamente moito maiores, e unha fisonomía máis estilizada.





O recuperación das poboacións de coello do monte debería de ser unha aposta ambiental de calado de cara os próximos anos, para a progresiva recuperación de certas especies que presentan na Galiza importantes problemas de conservación, como a águia real, ou se pretendemos, nun futuro, recuperar algúns dos nosos antergos depredadores como o lince ibérico,  o queixa, o melón etc.



jueves, 30 de junio de 2016

Pitas de río (Gallinula chloropus) nun entorno urbano.

A un paso de tí, quizáis moito máis perto do que pensas, podes atopar en ocasións un universo ornitolóxico e natural, digno de ser admirado, protexido e coñecido. As areas urbanas e suburbanas da Galiza, contan habitualmente con zonas húmidas, ben en forma de ríos como o Miño e o Barbaña en Ourense, o Lagares en Vigo, ou Lérez en Pontevedra, ben en forma de desembocaduras ou marismas deses ríos como a Xunqueira do Lagares (Vigo) ou a Xunqueira de Alba (Pontevedra), ou ben coma medios totalmente artificiais, coma os estanques de diverso tamaño que podemos atopar en parques e xardíns.




Un dos habitantes máis senlleriros destes espazos, en ocasións claramente maltratados, é a pita de río (Gallinula chloropus), un ave acuática que tendo unha fisionomía que recorda a unha galiña non ten nada a ver con elas, xa que se trata dun rálido. 

A súa identificación non reviste demasiada dificultade, a cor xeral negra, e o peteiro e escudete frontal vermello axudaravos sen dúbida a recoñecer a este, cada día máis escaso habitante das zonas húmidas galaicas. Se ben aínda non é unha especie escasa, segue a ser localmente común, a pita de río ten sufrido nos derradeiros anos un marcado declive das súas poboacións, este debacle poboacional ven causado pola degradación do seu hábitat natural, e a depredación por parte de especies exóticas invasoras como o visón americano.







Seguramente se vos dades unha volta por algunha das zonas húmidas da vosa cidade ou do voso entorno máis inmediato, poderedes desfrutar destas aves, inquietas e en constante movemento, que neste momento se atopan acompañadas por polos en diferentes estadíos de desenrolo, xa que poden por durante toda a tempada, e en ocasións hai postas moi tardías (en agosto) ou moi temperás (en febreiro).












Na imaxes que acompañan este post veredes diferentes exemplares afotados na cunca do río Lagares (Vigo) e en zonas axardinadas cercanas ao mesmo, como o parque de Castrelos. 

Debido á marcada diminución dos efectivos desta especie, gustaríanos recomendar varias cousas. En primeiro lugar que respetedes ao máximo aos habitantes dos nosas zonas húmidas, tratando de minimizar ao máximo o impazto das nosas actividades de lecer no medio ambiente. En segundo lugar gustaríanos recomendar que as tarefas de "limpeza" dos cauces do ríos e estanques de zonas urbanas se fiscalicen ao máximo, vendo si realmente son necesarias ou non (algunhas desbrozas son claramente evitables), e no caso de ser precisas que estas se realicen FORA do período reproductor das aves, para minimizar o impacto dos mesmos. Asemade deberíase ter en conta a presenza desta e doutras aves para evaluar o impacto que certas actividades poden ter sobra a fauna (como actividade cinexética, obras urbanas e de humanización do medio natural coma os moitas veces inservibles paseos fluviais).