Siareiros

miércoles, 22 de junio de 2016

Cascuda vermella (Periplaneta americana) especie invasora mentireira.

Son numerosas as especies que chegaron nos derradeiros tempos á nosa terra axudadas, dun xeito ou doutro pola man do home. Nalgunhas ocasións a chegada destas especies non agocha unha intencionalidade directa por parte do home, se non que a traslocación ocorre polo marcado comensalismo antrópico destas especies, o que redunda no seu transporte pasivo. Neste grupo de especies atópanse un bon número de insectos e roedores, que acadaron a Galicia de xeito "involuntario". As cascudas, especies comensais do home moi coñecida e aborrecidas, entran dentro deste grupo. 

Hoxe presentámosvos á cascuda vermella (Periplaneta americana). A pesares do seu nome a cascuda vermella americana é de orixe africana, e trátase dunha das de maior tamaño do noso país. Esta cascuda debe o seu incorrecto nome ao feito de ser descrita no continente americano, a pesares de que despois se soupo da súa orixe na África tropical, sendo polo tanto unha especie invasora tamén alí, crese que durante o século XVII, relacionada co tráfico mariño asociado ao tráfico de escravos entre o continente africano e o americano. Querenciosa de lugares quentes trátase dunha das especies de cascudas de maior difusión mundial na actualidade, sendo protagonista de numerosos episodios de pragas en diversas cidades do mundo.

As cascudas son un antergo grupo de insectos que conta xa cuns 300 millóns de anos de antigüidade, cuia morfoloxía, a tenor dos fósiles atopados, pouco ten cambiado. En España, esta especie está a desprazar ás especies de cascudas autóctonas da Península, sobre todo nas áreas máis termófilas. Esta especie é, asemade, unha das máis lonxevas, podendo acadar no caso das femias a idade de 22 meses.

Nas imaxes, unha cascuda americana, que aínda non chegou ao estado adulto.atopada o pasado día 21 de xuño de 2016 no barrio vigués de Bouzas (Pontevedra), lugar asociado ao porto marítimo da cidade no que se produce un alto tráfico de mercadorías a diario.






No hay comentarios:

Publicar un comentario