Siareiros

viernes, 4 de diciembre de 2015

Un gaivotón con historia.






















O gaivotón (Larus marinus) e o lárido ou gaivota de maior que podemos observar na Gallaecia. Antano invernante raro e irregular, co paso dos anos tornouse unha especie máis frecuente, sen chegar a ser abundante, chegando a nidificar escasamente en algúns illotes e cantís mariños do noso territorio.

O gaivotón, como o seu propio nome indica, é unha gaivota de gran tamaño, a maior do continente, e cun manto escuro, case negro no caso dos adultos, que contrasta co resto do corpo, de cor branca inmaculada. No caso dos xuveniles e subadultos a identificación complícase algo máis pero o tamaño, claramente maior á maioría das gaivotas, axudaravos a identificar esta especie.

Desta volta achégovos unha observación realizada na Xunqueira da Ramallosa (Nigrán-Pontevedra), alí onde o río Miñor se une co Atlántico despois de darlle nome a unha bisbarra enteira "O Val Miñor". Así o pasado día 21 de novembro de 2015, e na compaña de Marcos R. Pantoja, Miguel Costas e Dani, foi observado un exemplar adulto desta especie depredando unha soia (Platichthys flesus), peixe plano habitual nas desembocadura dos ríos da Gallaecia. Para máis INRI o gaivotón en cuestión estaba anelado en PVC co código 10K NEGRO, sendo ao parecer un vello coñecido dos lectores de anelas. Este exemplar fora anelado en Normandía (Franza) en 2011, e ten sido observado frecuentemente dende o ano en que foi anelado, en diversos puntos das rías Baixas galegas, e especialmente na desembocadura do río Miñor. Tendes máis info no blogue de Antonio Gutierrez picando aquí e aquí . Como vedes este exemplar ten un amplo historial de rexistros que aporta unha valiosa información. Esta información ven dada polo uso, máis ou menos recente, de anelas de PVC de lectura a distancia, que se revela, en liñas xerais, moito máis eficaz que o anelamento en metal, xa que non se precisa a captura do exemplar para o acceso á información do mesmo, abrindo por si mesmo un novo ámbito no mundo da ornitoloxía, como é a lectura de anelas, que cada ano gaña máis adeptos.

E como é de ben nacidos ser agradecidos, aproveito para agradecerlle a David Sobreira a máis que pronta achega da información sobre o historial deste exemplar, observación e información en tempo real son cousas que se agradecen moito.
















































No hay comentarios:

Publicar un comentario